FICHA E LECTIO: DOMINGO 18 DE ORDINARIO C

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

Contra cobiza, xenerosidade

 (31 xullo 2022)

            É moi difícil, por non dicir imposíbel, imaxinarmos a “nada”: que non houbese nada, nin eu nin vós, nin ninguén. Nin terra, nin mar, nis estrelas. Simplemente nada. En realidade non pasaría nada, nin sequera habería a máis mínima posibilidade de que puidésemos protestar por iso, por non haber nada

            A pesar de todo, pensamos que existir, vivir, soñar, amar e moitas cousas máis que somos e que facemos é o máis natural do mundo. Así o podemos pensar, mais esquecemos dese modo que o noso ser, a nosa vida e canto con ela está unido non son cousa nosa. Pois a realidade que somos e que vemos ten que vir en definitiva doutra realidade que sexa plenamente dona de si mesma, é dicir, de alguén que sexa plenitude de vida e de poder. A iso chamámolo Deus. É el quen decide, no seu misterio infinito e inabarcábel, facer que existan cousas e persoas coma nós ademais del. Sen se sentir obrigado a tomar esa decisión, porque sendo el quen é non pode precisar de nada nin de ninguén. Pola manifestación humana de Xesús sabemos que ese Deus é a plenitude infinita do Pai, do Fillo e do Espírito.

            Agora ben, por que decidiu este Deus que existísemos, por que nos creou? Misterio fondo e infinito, como infinito é o mesmo Deus. Baseados aquí tamén na revelación de Xesús, poderiamos dicir así e todo que nos creou porque nos quere, porque nos ama, porque el –tal como se nos di no evanxeo de Xoán- é amor. Non porque teña amor, senón porque el é amor. Ou dito doutra maneira -e así conectamos xa co evanxeo de Lucas de hoxe- porque el non é “cobizoso”, porque Deus non ten nada que ver coa “cobiza”. Deus é pura liberdade e xenerosidade, meirandes cá calquera outra liberdade ou xenerosidade que poidamos imaxinar ou pensar.

            É este mesmo Deus Pai, que xenerosamente nos crea, o que, moito máis xenerosamente aínda, nos dá o seu propio Fillo e o converte en irmán noso, participando en todo da nosa humanidade, do noso nacer, das angueiras do noso vivir e do noso morrer. Que máis nos pode dar? Se el nos dá o seu Fillo, dásenos tamén el mesmo a nós con el, porque o seu Fillo é coma el. Tal e como no evanxeo se nos pon en boca de Xesús, dirixíndose ó seu apóstolo Filipe, “quen me ve a min ve o Pai”.

            Por iso, se algo é Xesús, é ser tamén, por ser imaxe do Pai, pura xenerosidade, pura entrega a nós, a aqueles cos que conviviu, creando liberdade, amor e xustiza por onde queira que andou. E cando se vai, cando deixa de estar biograficamente entre nós, dános, dóanos, o seu Espírito, o mesmo espírito de Xesús, ese Espírito que xa nunca máis se ausentará deste mundo. Ese Espírito que move a Igrexa e as conciencias de todos cara a unha meirande xenerosidade cos pobres e necesitados do mundo enteiro. É ese mesmo Espírito o que move o papa Francisco a anunciar e practicar a xenerosidade e misericordia cos necesitados por onde queira que vai e que move tamén tantas outras persoas anónimas do mundo enteiro a ocupárense dos demais.

            Ese mesmo espírito de xenerosidade é o que se nos mostra hoxe no evanxeo de Lucas cando se nos pon en boca de Xesús esta advertencia programática: “Atención: gardádevos da cobiza”... Porque só se somos xenerosos con todos, e sobre todo cos máis necesitados, nos asemellaremos a ese Xesús que é presenza viva no mundo da xenerosidade do Deus Pai de todos.

            A cobiza desenfreada é a que leva o mundo ós desaxustes sociais e ás guerras. Son moitos os analistas que sosteñen que é a cobiza do gran capital, dos grandes poderes e fortunas, a que está na base da gran crise económica que afecta de tantas maneiras sobre todo as persoas de menos recursos. A cobiza non quere oír falar de xenerosidade, de fraternidade, de igualdade. O que quere é ter sempre máis a costa de quen sexa e como sexa. Quere ateigar de bens e riquezas os seus propios hórreos ou celeiros e, se non caben neles, derruílos para construír outros máis capaces e seguros. A cobiza amorea para si, péchase sobre si mesma, só pensa en si e dise a si mesma, como moi plasticamente se nos di no evanxeo de Lucas: “Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e ¡a vivir!”. A cobiza non comparte. É todo o contrario dese Deus que é, todo el, xenerosidade e fraternidade. Por iso nos di Paulo (na segunda Lectura) que a cobiza “é unha idolatría”. Porque o Deus que o cobizoso adora é el mesmo, os seus bens. Bens que en definitiva non deixan de ser efémeros, porque non son capaces de “salvar” a vida humana, é dicir, de saciar os nosos insaciábeis desexos de vivir. Pois ben sabemos que a gadaña da morte en definitiva non fai excepcións con ninguén.

            Abrírmonos á xenerosidade e á fraternidade igualitaria, fuxindo da cobiza, é algo moi importante para o modo cristián de pensar e de actuar. Se nos comportamos así, daremos tamén cumprimento ó que Paulo nos di na mesma carta ós Colosenses: “Alí (ou sexa, na vida consecuentemente cristiá) xa non hai máis nin grego nin xudeu, nin circuncisión nin pagán, bárbaro, escita, escravo nin libre, senón que Cristo é todo en tódalas cousas”. É dicir, só hai igualdade e fraternidade.

            O que deberiamos, pois, facer, se é que queremos realmente vivir, é non gardar a propia vida para nós mesmos. Da mesma maneira que o propio Deus non quixo gardar a súa vida para si mesmo, senón que a sementou tamén no mundo e en nós. E se non queremos clausurarnos en nós mesmos, teremos que facer que os demais vivan tamén, por máis que iso poida supoñer pór incluso en perigo a nosa propia vida. Aínda que, en realidade, perdela, o que se di perdela, nunca ocorrerá, pois darásenos, devolverásenos, acugulada de bens, alomenos no alén da nosa existencia terrea. Que santo Ignacio de Loiola (hoxe, 31 de xullo, é o día da súa festividade) interceda por nós pra chegarmos a entender estas marabillas de Deus!


Manuel Cabada Castro




VER TAMÉN:



Comentarios

Publicacións populares