FICHA E LECTIO: DOMINGO 15 DE ORDINARIO C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
Aproximarse ó sufrinte
(10 xullo 2022)
Xesús non foi un filósofo ou un
ideólogo de belas teorías. Vivía de experiencias interiores moi fondas e en
contacto directo e inmediato coa xente do seu tempo, da súa nación e da súa
relixión. Vivía en inconcibíbel unión co seu Pai Deus e en estreita e
igualitaria relación coa xente de a pé, sobre todo cos máis necesitados,
xustamente porque eran eles os que máis precisaban da súa palabra e das súas
obras.
Na súa carta ós Colosenses fai hoxe
Paulo unha especie de síntese ou resumo do que segundo el vén sendo Xesús, do
seu fondo significado. Dísenos alí que “Cristo Xesús é imaxe do Deus invisíbel
e primoxénito de toda criatura”. É dicir, el é esa realidade única e
marabillosa na que se xuntan o Deus misterioso e infinito coa realidade creada
e humana. Vén ser o mesmo que se significa en último termo con aquela outra
denominación de “Emmanuel”, é dicir, “Deus connosco”. Deus fíxose nel
“próximo”, moi “próximo” a nós. Tan próximo como o é a “cabeza” respecto do
resto do corpo a ela unido. Unha denominación, a de “cabeza”, que Paulo emprega
nesta mesma carta para se referir á función que el desempeña en relación con
todos nós, que formamos con el en canto “cabeza” o conxunto do que chamamos o
corpo de Cristo.
Mais as cartas de Paulo poden
resultar algunhas veces, precisamente pola súa fondura, un tanto conceptuosas
ou difíciles de entender para moitos de nós. Pódese dicir que el intenta
sintetizar e sistematizar dalgún modo os contidos esenciais dos diversos relatos
evanxélicos. Nótase ben a diferenza estilística entre Paulo e os evanxeos en
xeral cando comparamos o seu modo de falar sobre Cristo Xesús na súa carta ós
Colosenses e a límpida parábola do samaritano, recollida por Lucas. A pesar de
todo, Paulo e mais Lucas están a falar da mesma cousa: da proximidade de Deus a
nós por medio de Xesús e da necesidade de que, pola nosa parte, nos aproximemos
a cantos precisen de nós.
Porque, en definitiva, o tema xeral
das lecturas litúrxicas de hoxe están centradas nesta proximidade de Deus a nós
e a toda a realidade. Cando Deus crea todo e nos crea a nós mesmos, quédase
para sempre en certo modo en nós, por máis que nos supere sempre infinitamente,
tal como dicía santo Agostiño. Para este santo bispo e doutor da Igrexa, Deus
era –son as súas palabras- “máis intimo a nós que a nosa propia intimidade”, por
máis que fose tamén absolutamente “superior” a toda grandeza nosa.
Pois ben, esta “intimidade” de Deus
a todo é a que se nos fai presente na vida do seu fillo Xesús, absolutamente
próximo a nós ó el ser realmente e de verdade un de nós, un coma nós. Isto que
vos comento podería resultarvos aínda moi abstracto. Mais é o mesmo Xesús o que
nos deixou un retrato fiel de si mesmo na súa
incomparábel parábola do samaritano. El é ese bo samaritano que se aproxima,
que intima co máis necesitado, que se fai máis íntimo a nós que a nosa propia
intimidade (para utilizarmos as palabras de santo Agostiño). Porque é ben
sabido que quen ama é en certo modo máis íntimo ó amado que o amado a si mesmo.
Deste modo realiza el entre nós a concreta intimidade de Deus co mundo e coa
humanidade.
Que no seu modo de ser e de se
expresar non era el nada abstracto demóstrao ben esta parábola. Aínda máis, podemos
dicir que el se amosa, na súa concreción e na utilización que fai nela dos
personaxes, como un verdadeiro provocador. Porque nas cousas verdadeiramente
importantes non hai escusa para non proceder así. Xesús está aquí a falar de
algo que tamén os teólogos actuais consideran moi importante: a compaixón, a
misericordia cos que máis sofren etc. Todo isto está moi en liña –quero de novo
lembralo- co importante discurso inaugural de Xesús en Nazaret sobre o Deus da
bondade e da misericordia (non da vinganza ou da lei), tal como nos foi recollido
por Lucas. E cómpre indicar aquí aínda que, non por casualidade, é precisamente
Lucas o único entre os evanxelistas que nos transmite esta marabillosa parábola
do samaritano.
En canto ós personaxes que saen
nela, amósasenos como o máis cumpridor dos deberes relixiosos alguén semellante
a unha especie de renegado da relixión, tal como o eran os samaritanos para os
xudeus. Pola contra, os que de oficio ou profesionalmente deberían comportarse
máis relixiosamente coa persoa malferida e tirada no camiño son xustamente os
que máis anti-relixiosamente se comportarán con ela. Pois tanto o sacerdote
coma o clérigo evitan coidadosamente achegarse a esa persoa, non sexa que vaian
quizais contaminarse cunha daquelas impurezas rituais que se derivaban de tocar
un morto. É dicir, aquí a relixiosidade da lei convértese decididamente en
inhumana, anti-humana e polo tanto en anti-divina. Mais iso non semella
conturbar o clérigo nin o sacerdote.
Non esquezamos que a parábola do bo
samaritano é unha resposta a un xurista xudeu, próximo polo tanto ó gremio
xudeu dos sacerdotes, que posibelmente intentaba coa súa pregunta poñerlle a
Xesús unha das acostumadas trapelas. Por iso, na súa parábola, Xesús convértese
en realidade –insisto- nun auténtico provocador, aínda que tal provocación sexa
para o propio ben do seu interlocutor.
Tal como nos ensina Lucas, Xesús non
é un teórico que responde abstractamente á pregunta do xurista. E, ademais,
faino de maneira semellante a como din por aí adiante que adoitamos facer os galegos.
Respondendo á pregunta que nos fan con outra: “Que pon a Lei? ¿Que les?”,
responde efectivamente Xesús á pregunta que lle fai a el o xurista sobre como
“herdar a vida eterna”. Mais cando o xurista lle responde correctamente, aínda
que de modo abstracto e puramente textual e literal, aludindo ó mandato
relixioso de amar a Deus e o próximo, Xesús faise decididamente encarnado, directo,
concreto. Pois na parábola do samaritano non hai nada teórico ou abstracto.
Todo é vida, concreción e en definitiva exercicio decidido de compaixón, mal
que lle pese a presuntas normas, leis, prudencias ou cautelas que poidan
obnubilarnos a cabeza.
A parábola do samaritano está aí
para que a meditemos e sobre todo para que nos comportemos conforme a ela
tódolos días da nosa vida. Sen medos nin atrancos teóricos ou prácticos de
ningún tipo. No cerne dela está agachado o que hai de máis puro e enxebre no
evanxeo.
E, desde logo, moito nos ensina
sobre como nos comportar en relación cos inxustos acontecementos que ocorren en
tantos lugares do mundo! Sexamos bos samaritanos!
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario