DOMINGO XX DO TPO. ORDINARIO C

  Oracional Galego en Spotify + Enlace orixinal Oracional iVoox

LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

DOMINGO XX T. O. 

(C:17 agosto 2025)

            O texto do evanxeo é curto, aínda que denso de significado e, aparentemente alomenos, non pouco estraño. Tal estrañeza proviría de que poderiamos pensar que a paz e o amor, tan centrais na mensaxe de Xesús, estarían en contradición co que nel se di sobre que a mensaxe de Xesús provocaría ou levaría consigo “divisións” e “enfrontamentos”, incluso no seo das familias e da mesma comunidade cristiá. En realidade, a vida de Xesús non foi tampouco unha cousa idílica, tranquila, ocamente pacífica, senón intensa, apaixonada, comprometida, “encarnada” nunha sociedade e nun tempo ben concretos. Non fai falla ser moi espelido para se dar conta de que o que Xesús aberta e publicamente dicía ou facía provocaba divisións e enfrontamentos de tal envergadura que por tal razón os poderes fácticos chegarían de feito a eliminalo de modo ignominioso. Mais, de xeito curioso e paradoxal, canto el dicía e facía non era máis ca anunciar e proclamar a igualdade e fraternidade entre todos en canto fillos dun mesmo Pai do ceo. Ou sexa, que é a mesma mensaxe de amor e fraternidade, asumidas e practicadas, a que paradoxalmente vai provocar divisións e conflitos.Non podía ser doutra maneira, porque os que posuían o poder político, social, relixioso e tamén económico non aturaban unha mensaxe (e sobre todo unha práctica) deste tipo, pois púñanse eles mesmos en perigo de perderen o seu propio status e mailas súas seguridades. Velaquí, pois, as razóns do conflito e das divisións que a mensaxe de Xesús provocou no seu tempo, continúa a provocar hoxe e seguramente provocará sempre.A mensaxe de Xesús fai xurdir, pois, en canto tal, dinámicas e movementos que teñen que ver directamente co tomar ou non en serio a fraternidade e dignidade humanas. A dignidade de todos sermos fillos de Deus. Fraternidade e mais igualdade, porque ninguén é máis fillo de Deus cósdemais.

            É unha mensaxe sinxela, mais explosiva. Cando Xesús anuncia no evanxeo de hoxe “Lume vin traer á terra: e ¡que máis querería eu ca que estivese xa a arder!” non se converte por iso nun pirómano destrutor de vida, do mundo ou da humanidade, senón no seu auténtico construtor. O papa Francisco nunha das súas estancias en América latina deixara caer unha vez, ante unha gran multitude de xente moza de moitos países, a seguinte frase, bastante explosiva tamén: “pídovos que fagades lea (‘lío’ en castelán)”. En realidade, a mensaxe de Xesús non é un somnífero que se toma para pasar comodamente a vida adormecido, senón unha potente incitación a loitar pola xustiza, o respecto, o amor, a dignidade, a igualdade entre todos. Mais isto leva consigo que moi seguramente se producirán conflitos. De modo que a loita pola paz e pola fraternidade, aínda que soe contraditorio, provoca case necesariamente o conflito. Pois haberá xentes, sobre todo cantos dispoñen dalgún tipo de poder, que se opoñan a tal cousa, pois o que eles buscan é estar por enriba de febles e necesitados para así podelosutilizar ó servizo dos seus propios intereses. Con razón sobre este anaco do evanxeo escribe un comentaristamoi acertadamente, o seguinte: “Lucas é o evanxelista que fala da paz para a xente no momento do nacemento de Xesús, mais é tamén o evanxelista que na hora da súa presentación fala del como sinal de contradición e enfrontamento”. E engade aínda: “Xesús veu traer paz, pero a través do conflito. Sen conflito non medramos as persoas, non medran as comunidades, nin medran os pobos. Porén, case sempre fuximos covardemente do conflito, e así estámonos condenando a permanecermos ananos, incluso a morrer. Hai demasiada relixión ó servizo das cousas paradas, ó servizo dos intereses establecidos dos poderosos, ó servizo dos nosos mesmos egoísmos... A mensaxe de Xesús, o seu reclamo grande de irmandade sen límites crea división entre os pobos, na mesma Igrexa, dentro das comunidades, no interior de cada persoa... Xesús optou ata a morte por todo o que constrúe a irmandade entre a xente ante o Pai do ceo”.

            Foi xustamente por iso polo que a vida de Xesús foi eliminada, cortada de raíz, polos poderosos só tres anos despois de comezar o que chamamos a súa vida pública. Mais este mesmo Xesús deunos o seu Espírito Santo. E con este continúa no mundo ese “lume” do que Xesús nos dicía que nolo “veu traer á terra”. Pois no día de Pentecoste, o día da vinda do Espírito Santo, este Espírito mostrouseante os apóstolos e ante tódolos seguidores de Xesús en forma de “linguas de lume”. E ese Espírito, que, coma o lume, purifica, ilumina e dá calor, segue a estar presente, de moitos modos e maneiras, na súa Igrexa e en tódalas persoas do mundo, mulleres e homes, de boa vontade.

            Deixémonos, pois, purificar, iluminar e quentar por ese “lume” de Deus para de tal xeito seguirmos a facer presente no mundo a mensaxe liberadora de Xesúspor moitos que sexan os conflitos e problemas nos que por tal razón nos vexamos envoltos. Nisto a carta de hoxe ós Hebreos pode servirnos de estímulo e acicate, cando nela se compara a dinámica da nosa fe co esforzo dun deportista, que vén sendo todo o contrario dunha persoa indolente e preguiceira. “Corramos –dinos Paulo- con tenacidade a carreira que temos por diante, fitos os ollos en Xesús, o primeiro guía e perfeccionador da nosa fe [...] Aínda non resististes ata o sangue na vosa loita contra o pecado”.


Manuel Cabada Castro








Comentarios

Publicacións populares