Ficha e Lectio - Domingo 20 de Ordinario C
LECTIO:
Facer
lea
(18 agosto 2019)
O texto do Evanxeo de hoxe é curto, aínda que denso de
significado e, aparentemente alomenos, non pouco estraño. Esta estrañeza
proviría de que poderiamos pensar que a paz e o amor, tan centrais na mensaxe
de Xesús, estarían en contradición co que nel se di sobre que a mensaxe de
Xesús provocaría ou levaría consigo “divisións” e “enfrontamentos”, incluso no
seo das familias ou da comunidade cristiá.
En realidade, a vida de Xesús non foi tampouco unha cousa
idílica, tranquila, ocamente pacífica, senón intensa, apaixonada, comprometida,
“encarnada” nunha sociedade e nun tempo ben concretos. Non fai falla ser moi
espelido para se dar conta de que o que Xesús, aberta e publicamente, dicía ou
facía provocaba divisións e enfrontamentos de tal envergadura, que por tal
razón os poderes fácticos chegarían de feito a eliminalo da maneira máis
ignominiosa. Pero, de modo curioso e paradoxal, o que Xesús dicía e facía non
era máis que anunciar e proclamar a igualdade e fraternidade entre todos, en
canto fillos dun mesmo Pai do ceo. Ou sexa, que é a mesma mensaxe de amor e
fraternidade, asumidas e practicadas, a que vai provocar divisións e conflitos.
E non podía ser doutra maneira, porque os que posuían o
poder político, social, relixioso e tamén económico non podían aturar unha
mensaxe (e sobre todo unha práctica) deste tipo, pois púñanse eles mesmos en
perigo de perder o seu status e as súas seguridades adquiridas. Velaquí vedes,
pois, as razóns do conflito e das divisións que a mensaxe de Xesús provocou no
seu tempo, continúa a provocar hoxe e seguramente provocará sempre.
A mensaxe de Xesús fai xurdir, pois, en canto tal,
dinámicas e movementos que teñen que ver directamente, tal como indiquei, co
tomar ou non en serio a fraternidade e dignidade humanas. Dignidade de sermos
todos fillos de Deus. Fraternidade e mais igualdade, porque ninguén é máis
fillo de Deus ca outros. Neste sentido somos, pois, todos iguais.
Como vedes, unha mensaxe sinxela, mais explosiva. Cando
Xesús anuncia “Lume vin traer á terra: e ¡qué máis querería eu ca que estivese
xa a arder!” non se converte por iso nun pirómano destrutor de vida, do mundo
ou da humanidade, senón no seu verdadeiro construtor. Lembraredes como o papa
Francisco, nunha das súas estancias en América latina, deixou caer algunha vez,
ante unha gran multitude de xente moza de moitos países que o escotaba, a
seguinte frase, bastante explosiva tamén: “pídovos que fagades lea (‘lío’, en
castelán)”... Porque a mensaxe de Xesús non é un somnífero que se toma para
pasar comodamente a vida durmindo ou adormecido, senón unha potente incitación
a loitar pola xustiza, o respecto, o amor, a dignidade, a igualdade entre
tódalas persoas. E isto leva consigo que se producirán seguramente conflitos.
De modo que a loita pola paz e pola fraternidade, aínda que pareza
contraditorio, provoca case necesariamente o conflito. Porque haberá xente, sobre
todo os que dispoñen dalgún tipo de poder, que se oporán decididamente a tal
cousa, pois o que eles queren é estar por enriba dos febles e necesitados, para
podelos así explotar e utilizar ó servizo dos seus propios intereses.
Por iso, sobre este pequeno anaco do evanxeo de hoxe
escribe un comentarista, coido que moi acertadamente, o seguinte: “Lucas é o
evanxelista que fala da paz para a xente no momento do nacemento de Xesús, mais
é tamén o evanxelista que na hora da súa presentación fala del como sinal de
contradición e enfrontamento”. E engade aínda pouco despois: “Xesús veu traer
paz, pero a través do conflito. Sen conflito non medramos as persoas, non
medran as comunidades, nin medran os pobos. Porén, case sempre fuximos
covardemente do conflito, e así estámonos condenando a permanecermos ananos,
incluso a morrer. Hai demasiada relixión ó servizo das cousas paradas, ó
servizo dos intereses establecidos dos poderosos, ó servizo dos nosos mesmos
egoísmos... A mensaxe de Xesús, o seu reclamo grande de irmandade sen límites
crea división entre os pobos, na mesma Igrexa, dentro das comunidades, no
interior de cada persoa... Xesús optou ata a morte por todo o que constrúe a
irmandade entre a xente ante o Pai do ceo”.
Por todo isto, a vida de Xesús foi eliminada, cortada de
raíz polos poderosos só tres anos despois de comezar o que chamamos a súa vida
pública. Mais este mesmo Xesús prometeunos e deunos o seu Espírito Santo. E co
seu Espírito volve ou continúa no mundo ese “lume” sobre o que Xesús dicía que
nolo “veu traer á terra”. No día de Pentecoste, no día da vinda do Espírito
Santo, o Espírito presentouse e mostrouse, ante os apóstolos (estamos na igrexa
dos “Apóstolos”) e ante tódolos seguidores de Xesús, en forma de “linguas de
lume”. E ese Espírito, que, coma o lume, purifica, ilumina e dá calor, segue a
estar presente, de moitos modos e maneiras, na súa Igrexa e en tódalas persoas
do mundo, mulleres e homes, de boa vontade.
Deixémonos, pois, purificar, iluminar e quentar por ese
“lume” de Deus para dese modo seguirmos a facer presente no mundo a mensaxe
liberadora de Xesús, por moitos que sexan os conflitos e problemas nos que por tal
razón nos vexamos envoltos.
Nisto a carta de hoxe ós Hebreos pode servirnos de
estímulo e acicate, cando nela se compara a dinámica da nosa fe co esforzo dun
deportista, que vén sendo todo o contrario dunha persoa indolente e preguiceira.
“Corramos –dinos Paulo- con tenacidade a carreira que temos por diante, fitos
os ollos en Xesús, o primeiro guía e perfeccionador da nosa fe ... Aínda non
resististes ata o sangue na vosa loita contra o pecado”. E pecado é, como
sabemos, todo aquilo que se opón ó proxecto de Xesús da fraternidade humana
universal.
Que o Espírito de Deus, que coma o lume pode quentar e
iluminar os nosos corazóns, nos dea forzas e ánimos para unha tarefa tan grande
e fermosa.
Manuel
Cabada Castro
https://www.gruposdejesus.com/20-tempo-ordinario-c-lc-1249-53/
Comentarios
Publicar un comentario