Ficha e Lectio - Domingo 19 de Ordinario C
LECTIO:
Miña grea pequena
VER MÁIS:
https://www.gruposdejesus.com/19-tempo-ordinario-c-lc-1232-48/
Miña grea pequena
(11 agosto 2019)
Atopámonos
hoxe cuns textos litúrxicos do evanxeo de Lucas nos que se ofrecen diversas
recomendacións ás primeiras comunidades cristiás que se ían formando en
contacto directo coas testemuñas directas da doutrina e as ensinanzas de Xesús.
Eran naturalmente comunidades pequenas, orantes e practicantes da mensaxe de
Xesús que se ía estendendo paseniñamente de maneira especial entre a xente
pobre e sinxela. A mensaxe de Xesús entraba así doadamente nos seus corazóns e
ía afianzándose pouco a pouco nela.
Lucas
pon en boca de Xesús, neste contexto humilde e acolledor, palabras tenras,
amorosas e consoladores que tentaban suscitar alento nos novos cristiáns, como
estas que acabamos de ler ou escoitar: “Non teñas medo, miña grea pequena, que
o teu Pai compraceuse en darche o Reino”. Xa sabemos que este reino de Xesús é
un “reino de xustiza, de amor e de paz”.
Un
reino que entre todos estamos chamados a construír e que leva consigo renuncias
e exixencias. Entre elas, Lucas (e este de maneira especial) aludirá a cousas
coma estas: “Vendede os vosos bens e dádeos en esmola [...]. Tede posta a roupa
de traballo”, etc. No texto formúlase así a exixencia de sermos activos e
teimosos no anuncio e na realización da mensaxe cristiá, evitando desleixos ou
neglixencias de calquera tipo. Hemos ser activos traballadores na comunicación
e na realización da mensaxe de Xesús, cumprindo así –tal como se nos di- coa
nosa “tarefa”. Ó xeito dun traballador manual, que ten sempre –palabras tamén
de Lucas- “posta a roupa de traballo” e que se emprega a fondo na tarefa de
construción dunha obra ideada e impulsada polo mesmo Espírito de Deus.
Manténdose
Lucas no contexto desta comparanza, ben coñecida, co traballo e co traballador,
estenderá el tamén esta imaxe á afirmación de que Deus, o Deus infinito e Pai
de Xesús -infinitamente poderoso e bondadoso- non será menos activo e xeneroso
connosco tras concluírmos a tarefa encomendada. Pois será entón cando este Deus
noso, que nos confiara a realización do anuncio e da práctica da “boa nova” de
Xesús, se converterá, sorprendentemente para nós, en activo traballador a prol noso,
ó servizo de todos e cada un de nós. Velaquí, efectivamente, o que pon Lucas en
boca de Xesús pra nos falar do xeneroso traballo que realizará Deus-Pai, en
canto bo amo a prol dos seus queridos e dilixentes criados (nós entre eles) e como
remuneración da tarefa ben cumprida e realizada por nós: “Tede por certo que
poñerá a roupa de traballo, sentaraos na mesa e serviraos un por un”. Algo que
resulta case incríbel, pois experimentaremos así o Deus infinito convertido metaforicamente
en servidor dos seus servidores, é dicir, utilizando roupa de criado ou
traballador ou -como se dixéramos- vestido con mono de obreiro.
Isto
pode levarnos a nos deter un chisco agora na segunda Lectura, que está tomada
da carta ós Hebreos. Porque en certo modo o texto de Lucas remite, aínda que
sexa agachadamente, ó texto desta carta que a liturxia deste domingo nos antepón,
seguramente de xeito intencionado, ó evanxeo. Pois todo o texto, tomado da
carta ós Hebreos, vén sendo algo así como unha gran loa da “fe” de Abrahán. Unha
fe semellante á que no texto do evanxeo se lle pide (e que se lle supón) a
aquela “pequena grea” para que con fe e esperanza traballe activamente na
instauración do reino de Deus. Aínda que a vinda de tal reino semelle estar
lonxe ou incluso pareza que endexamais vai ocorrer...
Modelo
e guieiro para esta fe e esperanza da “pequena grea” (que somos tamén nós) no
traballo cotián polo vinda do Reino é o mesmo Deus-Pai que sempre traballa e
traballará a prol do noso ben e da nosa felicidade. O Deus de Xesús é o mesmo Deus
de Abrahán. É o Deus que mobiliza e sostén nos dous casos a nosa fe nun futuro
que nos é descoñecido. Dísenos na carta ós Hebreos que Abrahán, “movido pola
fe”, “saíu para un lugar que había de recibir en posesión, sen saber onde ía”,
agardando “aquela cidade con bos cimentos, da que o arquitecto e construtor é
Deus”.
Unha
“cidade” con esas características, é dicir, feita e construída segundo planos
estritamente divinos, vén sendo coma un potentísimo imán que pon en movemento
os nosos corazóns e as nosas accións cara a el, se pola nosa parte non
rexeitamos ou negamos a súa realidade. Na mencionada carta dísenos que se trata
dunha “patria celestial” por ser Deus mesmo o seu “construtor”.
Se
tal “fe” e esperanza en Deus nos sosteñen e mobilizan, nin cansazos interiores
nin ameazas exteriores acadarán vencernos, porque o seu poder vén de Deus, non
de nós. Se Deus é quen é -é dicir, o absolutamente infinito en poder, bondade,
misericordia e xenerosidade- entón poderemos crer e esperar, con garantías, en
que el sosterá e fortalecerá as nosas vidas e as nosas accións a prol do seu
Reino. Por moi “pequenas greas” que
sexan aquelas comunidades nas que os diversos crentes do mundo viven a súa fe
ou por contraditorios que semellen ser os camiños polos que o noso Deus queira
levar a súa Igrexa e cada un dos cristiáns. Pois foi tamén xustamente a fe
firme, aínda que dolorosa, de Abrahán a que o sostivo na súa fidelidade a Deus,
por máis que o proxectado sacrificio do seu único fillo Isaac semellaba desmentir
calquera promesa dunha futura e numerosa descendencia.
Foi
así xustamente –segundo se nos comenta na carta ós Hebreos- como Abrahán, pese
á noite escura da súa humana consciencia,
“pola fe e por considerar fiel o que lle fixera a promesa, recibiu poder
para fundar descendencia”, nacendo así desta “un mundo de fillos, coma as
estrelas do ceo e coma a area incontábel da ribeira do mar”.
E
xa pra rematar. Deberiamos quizais abrirnos algo máis a unha concepción de Deus
máis grandiosa e menos utilitarista ou individualista cá que adoitamos utilizar
nas nosas vidas, dándolle así máis espazo a unha fe máis fonda no infinito
poder de Deus e na súa prometida xenerosidade. Seguramente poderiamos afrontar
así mellor os pequenos ou grandes problemas das nosas propias vidas.
Manuel
Cabada Castro
https://www.gruposdejesus.com/19-tempo-ordinario-c-lc-1232-48/
Comentarios
Publicar un comentario