DOMINGO 20 DO TEMPO ORDINARIO C


Primeira Lectura     Xer 38, 4-6. 8-10
Fixéchesme varón de discordia en toda a terra (Xer 15, 10)
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XEREMÍAS

            Naquel tempo, as autoridades dixéronlle ao rei:

            ‑ Fágase morrer a este home, pois deste xeito está a afrouxar os ánimos dos homes de guerra que quedan nesta cidade e os ánimos de todo o exército, dicíndolles cousas coma estas. Certamente este home non está a buscar o benestar para o pobo, senón que está a buscar a súa desgraza.

            O rei Sedecías repúxolles:

            ‑ Aí o tendes no voso poder, pois o rei non pode nada contra vós.

            Eles colleron a Xeremías e botárono na cisterna de Malaquías, príncipe real que estaba no patio da garda, baixando a Xeremías con cordas.

            No pozo non había auga, senón lama, e Xeremías enterrouse na lama.

            Saíu Ébed-Mélec do palacio real e faloulle ao rei nestes termos:

            ‑ Meu señor, meu rei, estes homes cometeron unha inxustiza con todo o que lle fixeron a Xeremías, o profeta, e con botalo na cisterna; vai morrer onde está por falta de pan, xa que non hai pan na cidade.

            Entón o rei deulle esta orde a Ébed-Mélec, o etíope:

            ‑ Colle ás túas ordes tres homes destes, e sube da cisterna o profeta Xeremías, antes de que morra.

                                    Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus





SALMO RESPONSORIAL    Sal 39, 2. 3. 4. 18
R/.  (14b):  Dáte presa, Señor, en socorrerme.

Esperei arelante no Señor:

el volveu cara a min os seus ollos

e escoitou o meu lamento.



Subiume dun abismo de desgraza,

dunha poza lamacenta;

Asentou os meus pés sobre unha rocha

e asegurou os meus pasos.



Púxome na boca un cantar novo,

un himno de loanza ao noso Deus.

Moitos, ao velo, quedaron abraiados

e confiaron no Señor.



Eu son humilde e pobre,

pero o Señor coida de min.

Ti es o meu auxilio, o meu liberador;

meu Deus, non te demores!





Segunda Lectura     Heb 12, 1-4
Corramos con aguante a carreira que temos por diante
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS

            Irmáns:

            Xa que nos vemos ateigados por unha tal morea de testemuñas, soltando todo o que nos estorba e o pecado que nos abouxa, corramos con tenacidade a carreira que temos por diante, fitos os ollos en Xesús, o primeiro guía e perfeccionador da nosa fe.

            El, sen amedrentarse polas aldraxes, soportou a cruz por mor da ledicia que o agardaba e está sentado á dereita do trono de Deus.

            Fixádevos, polo tanto, naquel que veu soportando tal oposición contra si mesmo de parte dos pecadores, para que non esmoreza o voso ánimo.

            Aínda non resististes ata o sangue na vosa loita contra o pecado.



                                    Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus





ALELUIA     Xn 10, 27
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.

As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;

e eu coñézoas e elas séguenme.

Aleluia.



Evanxeo     Lc 12, 49-53
Non vin traer paz, senón discordia
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:

            - Lume vin traer á terra: e que máis quería eu ca que xa estivese a arder! Hanme bautizar cun bautismo e xa me tarda a hora de que se cumpra! Pensades que vin traer a paz á terra? Abofé que non: vin traer división. Pois desde agora na casa onde haxa cinco, estarán divididos tres contra dous e dous contra tres.

            Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.

         

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares