Ficha e Lectio: Domingo 22 do Tpo. Ordinario C
DEBUXO ADAPTADO DE :
LECTIO:
Darse sen contrapartidas
(1 setembro
2019)
Como
tantas veces ocorre nas escenas que aparecen nos evanxeos, tamén na de hoxe
aparece Xesús tentado polos que non queren entrar con bo e humilde corazón na
novidade do que el nos quere anunciar. A mensaxe boa, alegre e dadora de
felicidade do seu reino. Un reino que se artella en realidade bastante a
contracorrente dos nosos modos habituais de comportármonos.
Trátase
hoxe de símiles ou parábolas, en directa conexión cos feitos mesmos, que levan
unha gran carga significativa, orientadora, en relación coas nosas maneiras de
proceder e actuar. Aínda que non soubésemos formalmente da autoría destes
textos do evanxeo, poderiamos xa sospeitar de quen procederían. Son e tiñan que
ser de Lucas. Porque Lucas adoita insistir unha e outra vez en presentarnos Xesús
como desprendido dos bens materiais, animándonos así a entrar nesa gran
novidade de vivir efectivamente a fraternidade, construíndoa na crenza e no
sentimento de sabérmonos fillos dun mesmo pai Deus, pai especialísimo de Xesús
e pai tamén noso.
Por
iso é, efectivamente, o evanxeo de Lucas o único onde podemos atopar estas
parábolas relacionadas co modo, politicamente incorrecto, de como deberiamos
comportarnos nun banquete. Unha escena que resulta ser moi válida para que nela
se poida reflectir en principio o modo de pensar e de proceder dun cristián, é
dicir, dun seguidor da mensaxe básica e fundamental de Xesús.
Como
vemos, Xesús non rexeita relacionarse con ninguén, aínda que poida tratarse de
alguén sobre o que el sabe de antemán que non conxenia co seu comportamento nin
coas súas ensinanzas. É o que ocorre no caso do que esta vez o convida, sendo
como é un “xefe dos fariseos”, que está polo tanto á espreita dalgún erro
doutrinal ou comportamental por parte de Xesús. Decátase un así de que a
semente que Xesús vai deixando caer nos corazóns da xente non está
preseleccionada para caer sempre en boa e acolledora terra, senón que pode caer
tamén sobre pedra ou nunha silveira.
O
caso é que este convite lle vai valer a Xesús como magnífica ocasión para
expresar de maneira moi plástica o modo como, pola nosa parte, nos deberiamos
comportar na nosa relación con Deus e cos demais.
En
primeiro lugar, teriamos que pensar que para Xesús a súa e a nosa relación cos
demais ten que fluír directamente da súa e da nosa relación con Deus. Xesús
sabe que toda a súa dignidade e grandeza vén de arriba, do Pai Deus. El non é
nada sen o Pai. E ese Deus Pai é o que descende cara a nós en Xesús, facéndose
nel un de nós, creando igualdade, fraternidade, e non “superioridades” coas
correspondentes “inferioridades”. Pois estas últimas relacións que rompen coa
igualdade non son máis ca perversións do que é algo básico e fundamental na mensaxe
cristiá. O que nos comunica, pois, Xesús, -á vista do habilidoso comportamento
dos convidados e comensais para se colocaren estratexicamente nos postos
supostamente máis dignos e apetecíbeis- non é máis cá tradución visíbel da
relación de Xesús co Pai e deste con el, así como tamén a tradución e expresión
concreta da relación de Xesús connosco e da nosa relación con el.
Hai
polo tanto aquí, nestes comentarios de Xesús sobre a escena do banquete,
profundidades teolóxicas relacionadas co máis fundamental do acontecemento
orixinario cristián, consistente na encarnación de Deus en Xesús. Non se trata
polo tanto (no dito de Xesús de que “cando alguén te convide a unha voda non te
poñas no primeiro posto”), non se trata –digo- dunha norma ou consello máis,
moral ou simplemente táctico, de entre os variados que calquera entendido en
asuntos éticos ou educativos nos podería indicar pra acadarmos unha vida digna
e humanamente apreciada por todos. Pois así, dese prudente e táctico modo,
podemos evitar vernos expostos a fracasos ou desenganos procedentes da nosa
incauta fachenda...
Non.
Xesús apunta co seu sabio consello a algo que está no fondo mesmo da nosa
relación con Deus e, polo tanto, cos demais. É dicir, se Deus se achegou a nós
e se igualou connosco, non podemos nós pola nosa parte pretender ser superiores
ou máis dignos cós que viven a carón noso.
Por
esta razón, o segundo consello, o que lle dá Xesús directamente ó xefe dos
fariseos que o convidou, está estreitamente relacionado co primeiro, afondando
aínda máis decididamente nel. Aquí, neste segundo consello, é cando a mensaxe
de Xesús se converte en limpamente “anti-cultural” ou “politicamente
incorrecto”. Pois abonda con preguntármonos a nós mesmos se algunha vez na vida
fixemos algo que polo menos se lle asemelle ó que nel se di: “Ti, cando deas un
xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños
ricos”, senón “convida os pobres, eivados, coxos e cegos; e serás ditoso...”.
Cantas veces fixemos isto na nosa vida? Posiblemente nunca. Mais do que aquí verdadeiramente se
trata non é de realizar, literalmente e sen máis, o que na norma ou no consello
de Xesús se nos di pra fachendear a continuación ante os demais sobre a nosa
xenerosidade ou altruísmo. Do que sobre todo se trata é de intentarmos ir
cambiando a nosa actitude en relación cos que están máis precisados de axuda ca
nós, sen esperarmos deles recompensa algunha.
Estamos
hoxe ben informados do que está a pasar con
tantas persoas e familias que foxen de lugares de conflitos e guerras
cara a zonas que consideran máis seguras coma por exemplo Europa. E tamén
sabemos das enormes dificultades coas que se encontran esas persoas cando
solicitan axuda e protección onda nós. Pois ben, cando o papa Francisco fala
sobre estes temas, en relación por exemplo cos refuxiados, sabemos ben que non
se morde a lingua. Debemos supoñer que el estará ben informado sobre que o
cristianismo non é unha serie de bonitas teorías ou crenzas nas que debemos
teoricamente crer, senón que é un modo de proceder na vida polo que fronte ás
excesivas preocupacións particularistas deberiamos estar abertos ós problemas
dos demais. Abertos no sentido de que esteamos dispostos a lles abrir a nosa
casa, a nosa mesa, etc., tal como reza o consello de Xesús: “Cando deas un
banquete, convida os pobres, eivados, coxos e cegos...”.
Non
deberiamos esquecer, con todo, que a este consello de Xesús seguen un par de
breves, mais fermosas palabras. Son estas: “e serás ditoso”. Fermosas digo,
porque a veces pensamos que xa está ben que Deus nos estea pedindo sempre
renuncias, sacrificios e cousas así, cando a verdade é que foi Deus mesmo quen
puxo nos nosos corazóns ese insaciábel desexo de dita e de felicidade. E se nos
deu ese desexo é porque quere que sexamos felices e que busquemos a felicidade.
Mais a felicidade non se acada, polo menos tal como nolo di Xesús no relato de
Lucas, a golpe de egoísmos e de se pechar un nos propios intereses, apartando
así a nosa vista das necesidades dos demais. Xa o formula ben, ademais, o
coñecido dito popular: “é máis feliz quen dá ca quen recibe”. E se non cremos
nisto, fagamos polo menos algunha vez a proba para ver que pasa.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario