Ficha e Lectio - Domingo 21 de Ordinario C
LECTIO:
Salvar pra se salvar
(25 agosto 2019)
No xudaísmo do tempo de Xesús había un marcado interese e
preocupación polo número de persoas que se salvarían. Nese contexto relixioso e
ideolóxico hai que situar a pregunta que alguén lle fai a Xesús, tal como nolo
refire Lucas: “Señor, e logo son poucos os que se salvan?”.
Mais, á parte deste contexto relixioso e ultraterreal da
pregunta dirixida a Xesús, sabemos moi ben que a salvación, entendida a moi
diversos niveis, si que nos interesa e moito. Queremos salvarnos de calquera
perigo, queremos salvarnos de atopármonos enfermos ou de morrer. En fin,
queremos salvarnos de que nos pase algunha cousa mala, sexa a que sexa. E, se a
pesar de todo morremos, tamén queremos salvarnos, é dicir, queremos que no alén
non nos pase nada malo. En fin, a salvación, recoñezámolo ou non, impórtanos.
Levamos todos dentro esa semente de querer vivir sempre, que Deus (o eterno e
inmortal) sementou un bo día no máis íntimo dos nosos corazóns, un desexo que
en realidade non deixa de medrar en nós día tras día, por moitos anos que recoñezamos
xa ter.
Aquí, estando como estamos vivindo á beira do mar,
podemos entender moi ben aquilo que o coñecido filósofo Ortega y Gasset escribiu
algunha vez sobre a vida humana. E supoño que saberedes que Ortega, aínda que
naceu en Madrid, tiña raíces familiares en Galicia, concretamente aquí en Vigo,
e que nesta cidade nosa pasou tempadas de rapaz e de mozo. Pois ben, dicía el
que a vida humana é coma un naufraxio do que a persoa aspira a salvarse agarrándose
a unha táboa de salvación. De modo que, segundo Ortega, loitamos toda a nosa
curta ou longa vida por agarrármonos a algo que nos “salve”. Diranos el que esa
táboa da salvación é o que el chama a “cultura”, pois todos nós chegamos a este
mundo sen mecanismos automáticos para sobrevivir. Pero o que aquí máis nos
interesa é a referencia que el fai ó noso desexo de “salvarnos”, pois é algo
característico da vida humana. Todos queremos agarrarnos a algo que nos salve e
loitamos por iso para non afundirnos no mar.
Volvendo xa ó texto de Lucas, sabemos ben que nas
respostas que lles dá Xesús ós que queren, coas súas preguntas, levalo ó seu
propio terreo ou comprometelo e enredalo, o que Xesús fai é ir ó fondo das
cuestións e, neste sentido, situar o problema alí onde debe estar.
Concretamente, a Xesús interésalle -naturalmente en función da mensaxe que el
mesmo nos quere dar- non o pretendido número dos que se salvan ou curiosidades
semellantes, senón a maneira ou estratexia de salvación que deberiamos utilizar,
se é que queremos verdadeiramente “salvarnos” e acceder así ó seu Reino, ó
Reino do seu Pai e Pai noso, que é un reino de xustiza, de amor e de paz.
Neste tema, como en tantos outros, Lucas é moi claro. O
que importa, segundo nos vén dicir Xesús, non é o “blablabla” de andar a dicir
por aí que somos cristiáns desde sempre, que sabemos moito de relixión e de
teoloxía, que rezamos moito, que temos magníficos desexos de facer cousas
grandes, que contamos con curas amigos nosos ou que sempre lles damos o noso
voto ós que chamamos partidos sensatos, politicamente correctos, tal como
adoitamos dicir... Coido que así se podería traducir a unha linguaxe máis
intelixíbel e e actual o que Lucas di referíndose a xente á que se lle veta a
entrada no Reino de Deus e que protestan contra iso dicindo: “¡Se nós comemos e
bebemos contigo [é dicir, con Xesús] e ti ensinaches polas nosas rúas!”...
Non. Non é ese (só bos desexos e supostas valiosas
categorías nominais) o camiño ou a porta polos que se entra no Reino no que
acadaremos a “salvación”. Lucas dinos no evanxeo de hoxe que non hai máis ca
unha maneira de nos “salvar”, de acadar esa “salvación” que calquera persoa (de
calquera relixión ou cultura que sexa) busca e desexa. E cal é esa estraña maneira?
A seguinte: “practicar a xustiza”. Os que non “practican a xustiza” son para
Deus uns “descoñecidos”. Non poderán sentar na mesa do Reino, da mesma maneira
que nun banquete de vodas, dun bautizo ou dunhas primeiras comuñóns de hoxe non
sentan individuos descoñecidos dos que alí comparten mesa e mantel.
Non se trata de que o Deus que todo o sabe descoñeza tales
persoas. O descoñecemento bíblico non é un descoñecemento teórico ou
intelectual, senón unha falta de relación ou de sintonía vital e práctica.
Porque “practicar a inxustiza” é comportarse mal, de maneira prepotente e
inxusta, contra os demais. Esa ofensa ós demais, que non por iso deixan en
realidade de seren irmáns do ofensor, é de feito unha ofensa contra quen se
fixo irmán noso en Xesús. Se non nos relacionamos fraternalmente coas persoas,
convertémonos de feito nuns descoñecidos para Deus, pois dese modo rompemos coa
relación que deberiamos ter con el. Comprendemos así a resposta que, segundo
Lucas, lles dará o Deus de Xesús ós que protestan por non teren acadado entrar
no Reino de Deus: “Non sei quen sodes. Arredade de min os que practicades a
inxustiza!”.
De
modo que, vistas as cousas así, ben se pode dicir que falar de “salvación” non
consiste en falar da salvación propia, persoal ou particular, como ás veces
podemos supoñer. Salvar, o que se di salvarse, non se pode realizar nunca só. Só
pode salvarse un cos demais, é dicir, xunto con aqueles que axudei, promovín,
consolei, visitei, amei, respectei, estimei, etc. etc. Trátase verdadeiramente
dunha “loita” ou, como nos di Lucas, dunha loita “para entrarmos pola porta
estreita”, que só se acada loitando na loita do “practicarmos a xustiza”.
Sermos cristiáns non consiste, pois, en sabermos moito sobre os fundamentos e
sobre a agachada cerna do cristianismo, senón en levarmos á práctica no noso
mundo esa explosiva mensaxe de fraternidade que se opón ás inxustizas e
desigualdades.
E
nisto podemos ollar como verdadeiros irmáns nosos a cantos, sen se consideraren
a si mesmos cristiáns, loitan igual ca nós (ou quizais mellor ca nós) na mesma
tarefa de instaurar a xustiza no mundo. Por iso, cando se di e proclama sen
máis precisións que “fóra da igrexa non hai salvación” temos que ter en conta
que a salvación, polo menos desde os textos do Concilio Vaticano II, é algo que
pode ocorrer (e seguramente ocorre tamén) fóra dos límites formais da que
chamamos igrexa cristiá ou católica. Pois Deus é sempre meirande cós límites
nos que o pretendemos clausurar. Mais, como cristiáns, deste Deus si que
podemos dicir que non nos “coñece”, que non nos admite como seus, se non
“practicamos a xustiza”. Que o Deus amante e realizador da xustiza nos axude a
entender e levar á práctica estas importantes ensinanzas.
Manuel
Cabada Castro
https://www.gruposdejesus.com/21-tempo-ordinario-c-lc-1322-30/
Comentarios
Publicar un comentario