FICHA E LECTIO: DOMINGO 20 DE ORDINARIO C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Sen
medos a conflitos
(14 agosto 2022)
O texto do evanxeo de
hoxe é curto, aínda que denso de significado e, aparentemente alomenos, non
pouco estraño. Esta estrañeza proviría de que poderiamos pensar que a paz e o amor,
tan centrais na mensaxe de Xesús, estarían en contradición co que nel se di
sobre que a mensaxe de Xesús provocaría ou levaría consigo “divisións” e
“enfrontamentos”, incluso no seo das familias ou da comunidade cristiá.
En realidade, a vida de
Xesús non foi tampouco unha cousa idílica, tranquila, ocamente pacífica, senón
intensa, apaixonada, comprometida, “encarnada” nunha sociedade e nun tempo ben
concretos. Non fai falla ser moi espelido para se dar conta de que o que Xesús,
aberta e publicamente, dicía ou facía provocaba divisións e enfrontamentos de
tal envergadura, que por tal razón os poderes fácticos chegarían de feito a
eliminalo da maneira máis ignominiosa. Pero, de modo curioso e paradoxal, o que
Xesús dicía e facía non era máis que anunciar e proclamar a igualdade e
fraternidade entre todos, en canto fillos dun mesmo Pai do ceo. Ou sexa, que é
a mesma mensaxe de amor e fraternidade, asumidas e practicadas, a que paradoxalmente
vai provocar divisións e conflitos.
E non podía ser doutra
maneira, porque os que posuían o poder político, social, relixioso e tamén
económico non podían aturar unha mensaxe (e sobre todo unha práctica) deste
tipo, pois púñanse eles mesmos en perigo de perderen o seu status e as súas
seguridades adquiridas. Velaquí vedes, pois, as razóns do conflito e das
divisións que a mensaxe de Xesús provocou no seu tempo, continúa a provocar
hoxe e presumibelmente provocará sempre.
A mensaxe de Xesús fai
xurdir, pois, en canto tal, dinámicas e movementos que teñen que ver
directamente, tal como indiquei, co tomar ou non en serio a fraternidade e
dignidade humanas. Dignidade de sermos todos fillos de Deus. Fraternidade e
mais igualdade, porque ninguén é máis fillo de Deus ca outros. Neste sentido
somos, pois, todos iguais.
Como vedes, unha mensaxe
sinxela, mais explosiva. Cando Xesús anuncia “Lume vin traer á terra: e ¡que
máis querería eu ca que estivese xa a arder!” non se converte por iso nun
pirómano destrutor de vida, do mundo ou da humanidade, senón no seu verdadeiro
construtor. Lembraredes como o papa Francisco, nunha das súas estancias en
América latina, deixou caer algunha vez, ante unha gran multitude de xente moza
de moitos países que o escoitaba, a seguinte frase, bastante explosiva tamén:
“pídovos que fagades lea (‘lío’, en castelán)”... Porque a mensaxe de Xesús non
é un somnífero que se toma para pasar comodamente a vida durmindo ou
adormecido, senón unha potente incitación a loitar pola xustiza, o respecto, o
amor, a dignidade, a igualdade entre tódalas persoas. E isto leva consigo que
se producirán seguramente conflitos. De modo que a loita pola paz e pola
fraternidade, aínda que pareza contraditorio, provoca case necesariamente o
conflito. Porque haberá xente, sobre todo os que dispoñen dalgún tipo de poder,
que se oporán decididamente a tal cousa, pois o que eles queren é estar por
enriba dos febles e necesitados, para podelos así explotar e utilizar ó servizo
dos seus propios intereses.
Por iso, sobre este
pequeno anaco do evanxeo de hoxe escribe un comentarista, coido que moi
acertadamente, o seguinte: “Lucas é o evanxelista que fala da paz para a xente
no momento do nacemento de Xesús, mais é tamén o evanxelista que na hora da súa
presentación fala del como sinal de contradición e enfrontamento”. E engade
aínda pouco despois: “Xesús veu traer paz, pero a través do conflito. Sen
conflito non medramos as persoas, non medran as comunidades, nin medran os
pobos. Porén, case sempre fuximos covardemente do conflito, e así estámonos
condenando a permanecermos ananos, incluso a morrer. Hai demasiada relixión ó servizo
das cousas paradas, ó servizo dos intereses establecidos dos poderosos, ó
servizo dos nosos mesmos egoísmos... A mensaxe de Xesús, o seu reclamo grande
de irmandade sen límites crea división entre os pobos, na mesma Igrexa, dentro das
comunidades, no interior de cada persoa... Xesús optou ata a morte por todo o
que constrúe a irmandade entre a xente ante o Pai do ceo”.
Por todo isto, a vida de
Xesús foi eliminada, cortada de raíz polos poderosos só tres anos despois de
comezar o que chamamos a súa vida pública. Mais este mesmo Xesús prometeunos e
deunos o seu Espírito Santo. E co seu Espírito volve ou continúa no mundo ese
“lume” sobre o que Xesús dicía que nolo “veu traer á terra”. No día de
Pentecoste, no día da vinda do Espírito Santo, o Espírito presentouse e
mostrouse, ante os apóstolos e ante tódolos seguidores de Xesús, en forma de
“linguas de lume”. E ese Espírito, que, coma o lume, purifica, ilumina e dá
calor, segue a estar presente, de moitos modos e maneiras, na súa Igrexa e en
tódalas persoas do mundo, mulleres e homes, de boa vontade.
Deixémonos, pois,
purificar, iluminar e quentar por ese “lume” de Deus para dese modo seguirmos a
facer presente no mundo a mensaxe liberadora de Xesús, por moitos que sexan os
conflitos e problemas nos que por tal razón nos vexamos envoltos.
Nisto a carta de hoxe ós
Hebreos pode servirnos de estímulo e acicate, cando nela se compara a dinámica
da nosa fe co esforzo dun deportista, que vén sendo todo o contrario dunha
persoa indolente e preguiceira. “Corramos –dinos Paulo- con tenacidade a
carreira que temos por diante, fitos os ollos en Xesús, o primeiro guía e
perfeccionador da nosa fe ... Aínda non resististes ata o sangue na vosa loita
contra o pecado”.
Que o Espírito de Deus,
que coma o lume pode quentar e iluminar os nosos corazóns, nos dea forzas e
ánimos para unha tarefa tan grande e fermosa.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/20-tempo-ordinario-c-lucas-1249-53-3/
Comentarios
Publicar un comentario