FICHA E LECTIO: DOMINGO 21 DO TPO.ORDINARIO C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
Salvarme salvando
(21 agosto 2022)
No xudaísmo do tempo de
Xesús había un marcado interese e preocupación polo número de persoas que se
salvarían. Nese contexto relixioso e ideolóxico hai que situar a pregunta que
alguén lle fai a Xesús, tal como nolo refire Lucas: “Señor, e logo son poucos
os que se salvan?”.
Mais, á parte deste
contexto relixioso e ultraterreal da pregunta dirixida a Xesús, sabemos moi ben
que a salvación, entendida a moi diversos niveis, si que nos interesa e moito.
Queremos salvarnos de calquera perigo, queremos salvarnos de atopármonos
enfermos ou de finar. En fin, queremos salvarnos de que nos pase algunha cousa
mala, sexa a que sexa. E, se a pesar de todo morremos, tamén queremos
salvarnos, é dicir, queremos que no alén non nos pase nada malo. En fin, a
salvación, recoñezámolo ou non, impórtanos. Levamos todos dentro esa semente de
querer vivir sempre, que Deus (o eterno e inmortal) sementou no máis íntimo dos
nosos corazóns, un desexo que en realidade non deixa de medrar en nós día tras
día, por moitos anos que recoñezamos xa ter.
En relación con isto dicía
ben o coñecido filósofo Ortega y Gasset que a vida humana é algo así coma un
naufraxio do que un aspira a salvarse agarrándose a unha táboa de salvación. Loitariamos,
xa que logo, toda a nosa curta ou longa vida por agarrármonos a algo que nos
“salve”. Diranos el, pola súa parte, que esa táboa da salvación é o que el
chama a “cultura”, pois todos nós chegamos a este mundo sen mecanismos
automáticos para sobrevivir. Pero o que aquí nos interesa é a referencia que el
fai ó noso desexo de “salvarnos”, pois é algo característico da vida humana.
Todos queremos, pois, agarrarnos a algo que nos salve e loitamos por iso toda a
nosa vida para non afundirnos nun mar que nos engula.
Volvendo agora ó texto de
Lucas, sabemos ben que nas respostas que lles dá Xesús ós que queren coas súas
preguntas levalo ó seu propio terreo ou comprometelo, o que el fai é ir ó fondo
das cuestións e, neste sentido, situar o problema alí onde debe estar. A el interésalle
-naturalmente en función da mensaxe que el mesmo nos quere dar- non o
pretendido número dos que se salvan ou curiosidades semellantes, senón a
maneira ou estratexia de salvación que deberiamos utilizar, se é que queremos
verdadeiramente “salvarnos” e acceder así ó seu Reino, ó Reino do seu Pai e Pai
noso, que é un reino de xustiza, de amor e de paz.
Neste tema, como en
tantos outros, Lucas é moi claro. O que importa, segundo o que el nos quere transmitir
sobre a mensaxe de Xesús, non é o “blablabla” de andar a dicir por aí que somos
cristiáns desde sempre, que sabemos moito de relixión e de teoloxía, que
rezamos moito, que temos magníficos desexos de facer cousas grandes, que temos curas
amigos ou que sempre lles damos o noso voto ós que chamamos partidos sensatos,
politicamente correctos etc. Coido que así se podería traducir a unha linguaxe máis
actual o que Lucas nos comenta referíndose a xente á que se lle veta a entrada
no Reino de Deus e que protestan contra iso dicindo: “¡Se nós comemos e bebemos
contigo [é dicir, con Xesús] e ti ensinaches polas nosas rúas!” etc.
Lucas dinos que non hai
máis ca unha maneira de nos “salvar”, é dicir, de acadar esa “salvación” que
calquera persoa (de calquera relixión ou cultura que sexa) en realidade busca e
desexa. E cal é esa estraña maneira? Pois a seguinte: “practicar a xustiza”. Os
que non “practican a xustiza” son para Deus uns “descoñecidos”.
Non se trata de que o
Deus que todo o sabe descoñeza tales persoas. O descoñecemento bíblico non é un
descoñecemento teórico ou intelectual, senón unha falta de relación ou de
sintonía vital e práctica. Porque “practicar a inxustiza” é comportarse mal, de
maneira prepotente e inxusta, contra os demais. Esa ofensa ós demais, que non
por iso deixan en realidade de seren irmáns do ofensor, é de feito unha ofensa
contra quen se fixo irmán noso en Xesús. Se non nos relacionamos fraternalmente
coas persoas, convertémonos de feito nuns descoñecidos para Deus, pois dese modo
rompemos coa relación que deberiamos ter con el. Comprendemos así a resposta
que, segundo Lucas, lles dará o Deus de Xesús ós que protestan por non teren
acadado entrar no Reino de Deus: “Non sei quen sodes. Arredade de min os que
practicades a inxustiza!”.
De modo que, vistas as cousas así, ben
se pode dicir que falar de “salvación” non consiste en falar da salvación
propia, persoal ou particular, como ás veces podemos supoñer. Salvar, o que se
di salvarse, non se pode realizar nunca só. Só pode un salvarse cos demais, é dicir, xunto con
aqueles ós que axudei, promovín, consolei, visitei, amei, respectei, estimei
etc. Trátase verdadeiramente dunha “loita” ou, como nos di Lucas, dunha loita
“para entrarmos pola porta estreita”. Sermos cristiáns non consiste, pois, en sabermos
moito sobre os fundamentos e sobre a agachado cerne do cristianismo, senón en
levarmos á práctica no noso mundo esa explosiva mensaxe de fraternidade que se
opón ás inxustizas e desigualdades.
E nisto podemos ollar como verdadeiros
irmáns nosos cantos, sen se consideraren a si mesmos cristiáns, loitan igual ca
nós (ou quizais mellor ca nós) na mesma tarefa de instaurar a xustiza no mundo.
Por iso, cando se di e proclama sen máis precisións que “fóra da igrexa non hai
salvación” temos que ter en conta que a salvación, polo menos desde os textos
do Concilio Vaticano II, é algo que pode tamén ocorrer fóra dos límites formais
da que chamamos igrexa cristiá ou católica. Pois Deus é sempre meirande cós
límites nos que o pretendemos clausurar.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario