FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO - DOMINGO XXIII DE ORDINARIO C

FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2

 


LECTIO:

Fe que crea afouteza

(4 setembro 2022)

         A vida que chamamos normal das persoas é case sempre todo menos algo perfectamente normal ou previsto. Toda vida é, pretendámolo ou non, unha aventura, desde que nacemos ata que deixamos de respirar os “airiños” que nos deron vida e saúde, deixando así a compaña das persoas queridas. Formulábao ben o filósofo Ortega y Gasset cando comentaba que a vida, toda vida, é coma un permanente naufraxio que nos empuxa a agarrarnos a calquera táboa de salvación que estea ó noso alcance.

         Por iso, se tivésemos tempo e forzas suficientes para escribir de maneira totalmente fiel o que nos ten ocorrido durante toda a nosa vida ata o intre de despedírmonos dela, as memorias ou lembranzas de cada quen serían seguramente emocionantes e ben distintas tamén as unhas das outras.

         O evanxeo semella que nos chama tamén a non apuntármonos sen máis a levar unha vida tranquila, cómoda e sosegada, allea a calquera problema que se nos poida presentar. Temos que loitar sempre, dunha ou doutra forma e con maior ou menor intensidade, para podérmonos agarrar a algunha táboa de salvación. Porque o mar no que estamos está sempre en movemento e sen movermos os brazos para nos manter na superficie afundímonos sen remedio en abismos escuros.

         Como cristiáns sabemos e cremos, por outra parte, que esa táboa de salvación é Xesús (que significa precisamente iso: Salvador). Unido el para sempre a esa cruz que, desde que a levou sobre os seus ombreiros e se deixou nela cravar, quedou constituída en lugar de bendición e salvación para toda persoa. Por iso o sinal da cruz é e seguirao sendo distintivo específico dos cristiáns. Non só como adorno que podemos levar no peito, senón como un modo de ser e de comportármonos que non foxe do sufrimento cando o seguimento del nolo pide. É unha condición, tal como nolo di Lucas, para sermos de verdade discípulos de quen que camiña con bo ánimo cara a Xerusalén: “O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo meu”. Pois é alí, en Xerusalén, onde se vai atopar coa cruz á que o condenarán os que o consideraban como ameaza pra eles continuaren apracibelmente en posesión do poder político e relixioso.

         Agora ben, ser discípulos de Xesús significa levar adiante, con el, os seus plans de realización no mundo da igualdade e fraternidade entre todos en canto fillos dun mesmo Pai Deus. Un cristián ha ser consciente de que esa fraternidade e igualdade non son queridas nin toleradas por persoas ou estamentos contrarios a tal igualdade ou fraternidade. Por iso se van opor a que tal cousa ocorra. Pois dese xeito terían eles que renunciar ás comodidades e vantaxes que o seu status lles proporciona.

         Mais debemos ter en conta, en calquera caso, algo importante. Nin Deus Pai nin o seu fillo Xesús queren a cruz para nós. Deus chamounos e chámanos continuamente, desde o máis íntimo de nós mesmos, á felicidade. Ó desexo de felicidade non somos quen de renunciar e polo tanto nin sequera debemos intentalo. Mais temos ó mesmo tempo que saber que a felicidade non se acada a soas, cada un para si mesmo, senón cos demais, de maneira solidaria cos máis próximos a nós.

         Con todo é así xustamente como se pode facer presente a cruz nas nosas vidas. Unha cruz que en definitiva non é contraria á felicidade, senón condición da mesma. Cruz porque a fraternidade real leva consigo renuncias concretas, atención amorosa ás necesidades dos outros e sufrimento polo rexeitamento que moitas veces teremos que aturar por parte dos que non pensan coma nós. Un rexeitamento que podería incluso xurdir, tal como nos recorda Lucas, do noso entorno máis próximo.

         Para sermos deste xeito verdadeiros discípulos de Xesús nin sequera a propia vida debería contar, por intenso que sexa o noso desexo de non perdela. Máis dunha vez oímos ou lemos de persoas que arriscaron perder a súa vida (e incluso a perderon) coa esperanza de acadar algo de felicidade para si mesmas, para as súas familias ou incluso para persoas que nin sequera coñecían. Persoas que se tiran ó mar para salvar alguén en perigo de afogar, emigrantes que nunha feble embarcación intentan chegar a Europa para logo desde aquí poderen atopar algún traballo digno. Son cruces das que non se pode fuxir se un quere acadar salvación e felicidade para si mesmo ou para os demais.

         Unha actitude deste tipo supón renuncia a bastantes cousas. Por iso fálanos hoxe tamén o evanxeo do necesaria que é a “renuncia” para podermos ser discípulos de Xesús. Pola contra, bombardéasenos continuamente desde moi diversas instancias coas cousas que, segundo se nos insiste, presuntamente necesitamos. E así ímonos enchendo de enredos, instrumentos e outras cousas que moitas veces non valen máis ca para presumirmos de ter a última novidade do mercado.

         Mais sabemos por outro lado que, para podermos camiñar e correr con lixeireza, canto menos peso levemos sobre os ombreiros tanto mellor nos irá. Sen nada viñemos a este mundo e sen levarmos nada connosco sairemos del. O estraño é que nese curto interregno, que vén sendo o tempo da nosa vida, nos queiramos cargar con tanta bagaxe.

         En calquera caso, para levarmos con garbo ou alomenos con paciencia as cruces da nosa vida, canto menos peso superfluo levemos connosco tanto máis doado nos resultará seguirmos ese Xesús que vai sempre diante nosa, desprovisto de todo, portando a súa cruz. Dándonos así, como din os vellos catecismos, “exemplo de vida”.       Porque iso si, a vida, por ser don de Deus, témola por el garantida, ben sexa neste mundo ou naquel outro descoñecido que misteriosamente se nos abrirá trala morte.


Manuel Cabada Castro

VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/23-tempo-ordinario-c-lucas-1425-33-3/




Comentarios

Publicacións populares