Ficha e Lectio : Domingo 23 do Tpo.Ordinario C



LECTIO:
Carga pequena
 (8 setembro 2019)

A vida que chamamos normal das persoas é case sempre todo menos algo perfectamente normal ou previsto. Toda vida é sempre, pretendámolo ou non, unha aventura, desde que nacemos ata que deixamos de respirar os “airiños, airiños, aires” que nos deron vida e saúde, abandonando así as persoas coas que teñamos convivido. Formulábao ben, quero lembrárvolo, o filósofo Ortega y Gasset cando comentaba que a vida, toda vida, é coma un permanente naufraxio que nos empuxa a intentar agarrarnos a calquera táboa de salvación que poida atoparse ó noso alcance.

Por iso, se tivésemos tempo e forzas suficientes para escribir de maneira totalmente fiel o que nos ten ocorrido durante toda a nosa vida ata o intre de despedírmonos dela, as memorias ou lembranzas de cada quen serían seguramente emocionantes e ben distintas tamén as unhas das outras.

O evanxeo semella que nos chama xustamente a non apuntarnos sen máis a levar unha vida tranquila, cómoda e sosegada, allea a calquera problema que se nos poida presentar. Temos que loitar sempre, dunha ou doutra forma e con maior ou menor intensidade, para podérmonos agarrar a algunha táboa de salvación. Porque o mar no que estamos está sempre en movemento e sen movermos os brazos para nos manter na superficie da auga afundímonos sen remedio en abismos escuros.

Como cristiáns sabemos e cremos que esa táboa de salvación é Xesús (que significa precisamente iso: Salvador). Un Xesús unido para sempre a esa cruz que, desde que el a levou sobre os seus ombreiros e se deixou nela cravar, quedou constituída en lugar de bendición e salvación para toda persoa. Por iso o sinal da cruz é e seguirá sendo distintivo específico dos cristiáns. Non só como adorno que podemos levar no peito, senón como un modo de ser e de comportármonos que non fuxe do sufrimento cando o seguimento de Xesús nolo esixe. É unha condición, tal como nolo di Lucas, para sermos de verdade discípulos dese Xesús que camiña con bo ánimo cara a Xerusalén: “O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo meu”. Pois é alí, en Xerusalén, onde se vai atopar coa cruz á que o condenarán os que consideraban a súa existencia como unha ameaza para continuaren apracibelmente en posesión do poder político e relixioso.

Agora ben, ser discípulos de Xesús significa levar adiante, con el, os seus plans de realización no mundo da igualdade e fraternidade entre todos en canto fillos dun mesmo Pai Deus. Un cristián ha ser consciente de que esa fraternidade e igualdade non é querida nin tolerada por persoas e estamentos que gozan dunha alta posición económica e social. Por iso se van opor a que tal cousa ocorra. Pois dese xeito terían eles que renunciar ás comodidades e vantaxes que o seu propio status lles proporciona.

Mais debemos ter en conta, en calquera caso, algo moi importante. Nin Deus Pai nin o seu fillo Xesús queren a cruz para nós. Deus chamounos e chámanos continuamente, desde o máis íntimo de nós mesmos, á felicidade. Ó desexo de felicidade non somos capaces de renunciar e polo tanto non debemos intentalo sequera. Mais temos ó mesmo tempo que saber que a felicidade non se acada a soas, cada un para si mesmo, senón cos demais, de maneira solidaria cos que estean máis preto de nós.

É así xustamente como se pode facer presente a cruz nas nosas vidas. Unha cruz que en definitiva non é contraria á felicidade, senón condición mesma para acadala. Cruz porque a fraternidade real leva consigo renuncias concretas, atención amorosa ás necesidades dos outros, non só das miñas, sufrimento polo rexeitamento que moitas veces teremos que aturar dos que non pensan máis ca en si mesmos e ós que non lles importan ren os outros. Un rexeitamento que pode incluso xurdir, tal como nos recorda Lucas, do noso entorno máis próximo.

Para sermos deste xeito verdadeiros discípulos de Xesús, nin sequera a propia vida debería contar, por intenso que sexa o noso desexo de non perdela. Máis dunha vez oímos ou lemos de persoas que arriscaron perder a súa vida (e incluso a perderon) coa esperanza de acadar algo de felicidade para si mesmas, para as súas familias ou incluso para persoas que nin sequera coñecían. Persoas que se tiran ó mar para salvar alguén en perigo de afogar, emigrantes que nunha feble embarcación intentan chegar a Europa para desde aquí poder atopar traballo e mandar algo de diñeiro ós seus familiares necesitados. Son cruces das que non se pode fuxir se un quere acadar salvación e felicidade para si mesmo ou para os demais.

Unha actitude deste tipo supón renuncia a bastantes cousas. Por iso fálanos hoxe tamén o evanxeo do necesaria que é a “renuncia” para podermos ser discípulos de Xesús. Pola contra, bombardéasenos continuamente desde moitos sitios coas cousas que, segundo se nos insiste, presuntamente necesitamos. E así ímonos enchendo de enredos, instrumentos e outras cousas e cousiñas que moitas veces non valen máis ca para presumir de que temos a última cousa nova que hai no mercado.

Mais sabemos por outro lado que, para podermos camiñar e correr con lixeireza, canto menos peso levemos sobre os ombreiros tanto mellor nos irá. Sen nada viñemos a este mundo e sen levarmos nada connosco sairemos del. O estraño é que nese curto interregno, que vén sendo o tempo da nosa vida, nos queiramos cargar con tanta bagaxe.

En calquera caso, para levarmos con garbo ou alomenos con paciencia as cruces da nosa vida, canto menor peso superfluo levemos connosco tanto máis doado nos resultará seguirmos a ese Xesús que vai sempre diante nosa, desprovisto de todo, portando a súa cruz. Dándonos así, como din os vellos catecismos, “exemplo de vida”. Porque iso si, a vida, por ser don de Deus, témola garantida, ben sexa neste mundo ou no descoñecido que misteriosamente se nos abrirá trala nosa morte. Pois Xesús non lles falla ós que o seguen, ós que levan tamén a súa propia cruz, a cruz de cadaquén. Unha cruz que de ningún xeito permitirá o Pai Deus que nos esmague, pois foi tamén o seu Fillo quen nos dixo: “o meu xugo é lixeiro e a miña carga pequena”.

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/23-tempo-ordinario-c-lc-1425-33/

Comentarios

Publicacións populares