DOMINGO XIX DO TPO. ORDINARIO C
Oracional Galego en Spotify + Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
DOMINGO XIX T. O.
(10 agosto 2025)
Atopámonos desta vez cuns textos do evanxeo de Lucas nos que se ofrecen diversas recomendacións ás comunidades cristiás que se ían formando en contacto coas testemuñas directas das ensinanzas de Xesús. Eran naturalmente comunidades pequenas, orantes e practicantes da mensaxe cristiá que se ía estendendo entre xentes pobres e sinxelas. A boa nova de Xesús entraba así doadamente nos seus corazóns e ía afianzándose.
Lucas pon en boca de Xesús, neste contexto humilde e acolledor, palabras tenras, amorosas e consoladores que tentaban suscitar alento nos novos cristiáns como estas: “Non teñas medo, miña grea pequena, que o teu Pai compraceuse en darche o Reino”. E xa sabemos que este reino de Xesús é un “reino de xustiza, de amor e de paz”.
Un reino que entre todos e cada un estamos chamados a construír e que leva consigo renuncias e exixencias. Entre elas Lucas (e el de maneira especial) aludirá a cousas coma estas: “Vendede os vosos bens e dádeos en esmola [...]. Tede posta a roupa de traballo” etc. No texto formúlase así a exixencia de sermos activos e teimosos no anuncio e na realización da mensaxe cristiá, evitando desleixos ou neglixencias de calquera tipo. Hemos ser así activos traballadores na comunicación e na realización da mensaxe de Xesús, cumprindo –tal como se nos di- coa nosa “tarefa”. Ó xeito dun traballador manual, que ten sempre –palabras tamén de Lucas- “posta a roupa de traballo” e que se emprega a fondo na tarefa de construción de algo ideado e impulsada polo mesmo Espírito de Deus.
Manténdose Lucas no contexto desta coñecida comparanza co traballo e co traballador, estenderá el tamén esta imaxe á afirmación de que Deus, o Deus infinito e Pai de Xesús -infinitamente poderoso e bondadoso- non será menos activo e xeneroso connosco tras concluírmos a tarefa encomendada. Pois será entón cando este Deus que nos confiara a realización do anuncio e da práctica da “boa nova” se converterá, sorprendentemente para nós, en activo traballador a prol noso, é dicir, ao noso servizo. Velaquí o que pon Lucas en boca de Xesús para falarnos do xeneroso traballo que realizará Deus-Pai, en canto bo amo, a prol dos seus queridos e dilixentes criados e como remuneración da tarefa ben cumprida: “Tede por certo que poñerá a roupa de traballo, sentaraos na mesa e serviraos un por un”. Algo que resulta case incríbel, pois experimentaremos así o Deus infinito convertido metaforicamente en servidor dos seus servidores, é dicir, utilizando roupa de criado ou traballador ou -como se dixésemos- vestido con mono de obreiro.
Isto lévanos a detérmonos un pouco agora na segunda Lectura, tomada da carta ós Hebreos. Porque en certo modo o texto de Lucas remite, aínda que sexa agachadamente, ó texto desta carta que a liturxia deste domingo nos antepón, seguramente de xeito intencionado, ó evanxeo. Pois todo o texto, tomado da carta aos Hebreos, vén sendo algo así como unha gran loa da “fe” de Abrahán. Unha fe semellante á que no texto do evanxeo se lle pide (e que se lle supón) á “pequena grea” de cristiáns para que con fe e esperanza traballen na instauración do reino de Deus. Aínda que a vinda de tal reino semelle estar lonxe ou incluso pareza que endexamais vaia ocorrer.
Modelo e guieiro para esta fe e esperanza da “pequena grea” (da que formamos parte tamén nós) é o mesmo Deus-Pai que sempre traballa e traballará a prol do noso ben e da nosa felicidade. O Deus de Xesús é o mesmo Deus de Abrahán. É o Deus que mobiliza e sostén en ámbolos dous casos a nosa fe nun futuro que nos é descoñecido. Dísenos na carta ós Hebreos que Abrahán, “movido pola fe”, “saíu para un lugar que había de recibir en posesión, sen saber onde ía”, agardando “aquela cidade con bos cimentos, da que o arquitecto e construtor é Deus”.
Unha tal “cidade” con esas características, é dicir, feita e construída segundo planos estritamente divinos, vén sendo algo así coma un potentísimo imán que pon en movemento os nosos corazóns e as nosas accións cara a el se pola nosa parte non rexeitamos ou negamos a súa realidade. Na mencionada carta dísenos que se trata dunha “patria celestial” por ser Deus mesmo o seu “construtor”.
Se tal “fe” e esperanza en Deus nos sosteñen e mobilizan, nin cansazos interiores nin ameazas exteriores acadarán vencernos, porque o seu poder vén de Deus, non de nós. Se Deus é quen é -é dicir, o absolutamente infinito en poder, bondade, misericordia e xenerosidade- entón poderemos esperar con garantías que el sosterá e fortalecerá as nosas vidas e as nosas accións a prol do seu Reino. Por moi “pequenas greas” que sexan as comunidades nas que os diversos crentes do mundo viven a súa fe ou por contraditorios que semellen ser os camiños polos que o noso Deus queira levar a súa Igrexa e cada un dos cristiáns. Pois foi tamén xustamente a fe firme, aínda que dolorosa, de Abrahán a que a el o sostivo na súa fidelidade a Deus, por máis que o proxectado sacrificio do seu único fillo Isaac semellaba desmentir calquera promesa dunha futura e numerosa descendencia.
Foi así xustamente –segundo se nos comenta na carta ós Hebreos- como Abrahán, pese á noite escura da súa humana consciencia, “pola fe e por considerar fiel quen lle fixera a promesa, recibiu poder para fundar descendencia”, nacendo así desta “un mundo de fillos, coma as estrelas do ceo e coma a area incontábel da ribeira do mar”.
Deberiamos en tal sentido abrírmonos quizais algo máis a unha concepción de Deus máis grandiosa cá que posiblemente utilizamos nas nosas vidas, dándolle así máis espazo a unha fonda fe no infinito poder de Deus e na súa prometida xenerosidade. Nuns tempos sobre todo nos que non son poucos os que pensan que a igrexa de Xesús, esa sempre “pequena grea”, está a ir a menos.
Manuel Cabada Castro
https://www.gruposdejesus.com/19-tempo-ordinario-c-lucas-1232-48-5/
Comentarios
Publicar un comentario