DOMINGO XV DO TPO. ORDINARIO C
Oracional Galego en Spotify + Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
DOMINGO XV T. O. (C - 10
xullo 2022)
Xesús non
foi un filósofo ou un ideólogo de belas teorías. Vivía de experiencias
interiores moi fondas e en contacto directo e inmediato coa xente do seu tempo,
da súa nación e da súa relixión. En inconcibíbel unión co seu Pai Deus e en
estreita e igualitaria relación coa xente de a pé, sobre todo cos máis
necesitados.
Na súa
carta ós Colosenses fai Paulo unha especie de síntese ou resumo do que, segundo
el, vén sendo Xesús. Dísenos alí que “Cristo Xesús é imaxe do Deus invisíbel e
primoxénito de toda criatura”. É dicir, el é esa realidade única e marabillosa
na que se xuntan o Deus misterioso e absolutamente infinito coa realidade
creada e humana. Vén sendo o mesmo que se significa en último termo con aquela
outra denominación de “Emmanuel”, é dicir, “Deus connosco”. Deus fíxose nel
“próximo”, moi “próximo” a nós. Tan próximo como o é a “cabeza” respecto do
resto do corpo unido a ela. Unha denominación, a de “cabeza”, que Paulo emprega
nesta mesma carta para se referir á función que el desempeña en relación con cantos
formamos con el en canto “cabeza” o denominado corpo de Cristo.
As cartas
de Paulo poden resultar algunha vez, precisamente pola súa fondura, un tanto
conceptuosas ou difíciles de entender para moitos de nós. Poderiamos dicir que
el intenta sintetizar dalgún xeito os contidos esenciais dos diversos relatos
evanxélicos. É ben clara a diferenza estilística entre Paulo e os evanxeos en
xeral cando comparamos o seu modo de falar sobre Cristo Xesús na súa carta ós
Colosenses e a lúcida parábola do samaritano, recollida por Lucas. Paulo e mais
Lucas están porén a falar da mesma cousa: da proximidade de Deus a nós por
medio de Xesús e da necesidade de que, pola nosa parte, nos acheguemos a cantos
precisen de nós.
Porque, en
definitiva, o tema xeral das Lecturas de hoxe está centrado nesta proximidade
de Deus a nós e a toda a realidade. Cando Deus crea todo, quédase para sempre
en certo modo onda nós tamén, por máis que sempre nos supere infinitamente, tal
como dicía santo Agostiño. Para este gran bispo e doutor da Igrexa, Deus é –son
as súas palabras- “máis intimo a nós que a nosa propia intimidade”. Pois ben,
esta “intimidade” de Deus a todo é a que se nos fai presente na vida do seu
fillo Xesús, absolutamente próximo a nós ó el ser realmente e de verdade tamén un
de nós, un coma nós. O que aquí vos
comento podería resultar aínda moi abstracto. Mais no texto do evanxeo de hoxe
temos un retrato fiel desta proximidade de Deus a nós. El é ese bo samaritano
que se aproxima, que intima co máis necesitado, que se fai máis íntimo a nós
que a nosa propia intimidade (para utilizarmos as palabras de santo Agostiño).
Porque é ben sabido que quen ama se fai en certo modo máis íntimo ó amado que o
amado a si mesmo.
Que Xesús no
seu modo de ser e de se expresar non era nada abstracto demóstrao ben esta
parábola. Aínda máis, podemos dicir que el se amosa, na súa concreción e na
utilización que fai nela dos personaxes, como un verdadeiro provocador. Estásenos
aquí a falar de algo que os teólogos do noso tempo consideran tamén moi
importante: a compaixón, a misericordia cos que máis sofren etc. Todo isto está
de feito moi en liña co importante discurso inaugural de Xesús en Nazaret sobre
o Deus da bondade e da misericordia (non da vinganza ou da lei), tal e como nos
conta Lucas noutro lugar. En tal sentido non é nada estraño que sexa tamén
Lucas o único entre os evanxelistas que nos transmite esta marabillosa parábola
do samaritano.
En canto ós
personaxes da mesma, amósasenos como o máis cumpridor dos deberes relixiosos
alguén semellante a unha especie de renegado da relixión, tal como o eran os
samaritanos para os xudeus. Pola contra, os que de oficio ou profesionalmente
deberían comportarse máis relixiosamente coa persoa malferida e tirada no
camiño son xustamente os que máis anti-relixiosamente se comportarán con ela.
Pois tanto o sacerdote coma o clérigo evitan coidadosamente achegarse a tal
persoa. Non sexa que vaian quizais contaminarse cunha daquelas impurezas
rituais que se derivaban de tocar un morto. É dicir, aquí a relixiosidade da
lei convértese decididamente e de feito en inhumana, anti-humana e polo tanto
en anti-divina. Mais todo isto non semella conturbar nin o clérigo nin o
sacerdote.
Cómpre non
esquecer que esta parábola do bo samaritano é unha resposta a un xurista xudeu,
próximo polo tanto ó gremio xudeu dos sacerdotes, que posibelmente intentaba
coa súa pregunta poñerlle a Xesús unha máis das acostumadas trapelas. Por iso,
na súa parábola, Xesús convértese en realidade
nun auténtico provocador, aínda que tal provocación sexa para o propio
ben do seu interlocutor.
Tal como
nos aprende Lucas, Xesús non é un teórico que responde abstractamente á
pregunta do xurista. Faino, ademais, de maneira semellante a como din que
adoitamos facer os galegos. Respondendo á pregunta que nos fan con outra: “Que
pon a Lei? ¿Que les?”, responde efectivamente Xesús á pregunta que lle fai a el
o xurista sobre como “herdar a vida eterna”. Mais cando o xurista lle responde
correctamente, aínda que de modo abstracto e puramente textual e literal,
aludindo ó mandato relixioso de amar a Deus e o próximo, Xesús faise
decididamente encarnado, directo e concreto. Pois na parábola do samaritano nada
hai de teórico ou abstracto. Todo é vida, concreción e en definitiva exercicio
decidido de compaixón, mal que lle pese a presuntas normas, leis, prudencias ou
cautelas que poidan obnubilarnos a cabeza.
A parábola
do samaritano está, pois, aí para que a meditemos e para
que nos comportemos conforme a ela tódolos días da nosa vida. Sen medos nin
atrancos teóricos ou prácticos de ningún tipo. No cerne dela está agachado o
que hai de máis puro e enxebre no evanxeo.
Sexamos bos
samaritanos!
Manuel Cabada
Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario