DOMINGO XVI DO TPO. ORDINARIO C
Oracional Galego en Spotify + Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
DOMINGO XVI T. O.
20 xullo 2025
Unha vez máis é Lucas o único evanxelista
que nos presenta a conmovedora escena de Xesús en diálogo coas irmás Marta e
María. Debémoslle, pois, agradecer a el que nos teña transmitido as fermosas e
significativas conversas de Xesús con elas. Trátase dunha escena que nos mostra
tamén o tradicional papel das mulleres ocupadas cos labores da casa. Aínda
hoxe, sexa por un machismo máis ou menos agachado ou polo que sexa, o certo é
que a non poucas mulleres se lles segue a aprender que é a elas a quen lles
corresponde encargarse da cociña, lavar a vaixela e cousas semellantes, ademais
de se ocuparen de coidar dos nenos.Neste tradicional cadro doméstico resúltanos
tamén comprensíbel a queixa que Marta lle formula a Xesús sobre que tamén a súa
irmá María pase o tempo na casa de conversa con el sen lle botar unha man.
Xesús atopábase a gusto nesta casa e
era privilexiado amigo da familia, tanto das dúas irmás coma do seu irmán
Lázaro. Polo finado irmán delas choraría el antes de lle devolver a vida. Tanto
que por iso a xente comentaría con razón o moito que o quería. Pois ben, neste
ambiente de mutua confianza e aprecio, Xesús segue a comunicarnos cousas
importantes.
Non poucas veces se ten interpretado
a resposta de Xesús a Marta como unha especie de xerarquización pola que a vida
chamada contemplativa estaría por enriba da vida activa ou das actividades
profanas e normais. Para entendérmonos, unha monxa contemplativa estaría polo
mesmo feito de ser tal por enriba dunha nai de familia dedicada ós coidados
exteriores da casa e dos fillos. É o que á primeira vista semella dar a
entender a resposta de Xesús a Marta de que só “unha cousa é necesaria”. Esa
“mellor parte” escollida por María ó ela se dedicar a escoitar Xesús e falar
con el.
Mais non semella que sexa esa a
interpretación máis axeitada. O que nos quere dicir máis ben Xesús é que a “contemplación”, é
dicir, a oración ou a relación con Deus -tal como a practicaba Xesús co seu Pai
Deus e que Lucas tantas veces pon de relevo no seu evanxeo-, vén sendo algo así
como a fonte da que provén o noso bo facer, as nosas boas accións. Marta e
María virían simbolizar así dúas actitudes (a contemplación e maila acción) que
non deberiamos disociar, senón conxuntar.
Hai
poucos días celebrouse a festividade do popular santo, san Bieito, fundador e
precursor do monacato. Os monxes bieitos que del proceden foron os que botaron
a andar aquel sinxelo lema latino “ora etlabora”, é dicir, “reza e traballa”,
ou sexa e en certo modo, “sé María e sé tamén Marta”. Por iso moitas das máis
antigas ordes relixiosas dedicaban ou dedican aínda de feito tempo abondo á
oración en común e tamén ó “traballo” manual e á atención espiritual e cultural
das persoas da rexión na que están afincadas.Máis modernamente, Santo Ignacio
de Loiola, o fundador da Compañía de Xesús –a súa festividade celébrase o
próximo día 31- sorprendeu na súa época (no século XVI) coa supresión do
tradicional “coro”, é dicir, chamou a atención coa súa ruptura da separación
tradicional, polo menos simbólica, que había entre “rezar” ou orar e
“traballar”. O que quería Santo Ignacio era que a vida toda dos consagrados a
Deus e á Igrexa na Compañía de Xesús fose toda ela e ó mesmo tempo, sen mutuas
separacións, oración e traballo. Neste senso, poderiamos formular a intención
de Santo Ignacio, a diferenza do que ocorría noutras Ordes anteriores, da
seguinte maneira: “ora traballando” ou “traballa orando”. Un tipo de traballo
naturalmente moi diversificado (misioneiros, profesores, educadores, obreiros
incluso, etc.). Mais en calquera caso un “traballo” -é dicir, tipo “Marta”- que
debería ser ó tempo sempre “contemplativo” -é dicir, tipo “María”-. De aquí
provén o ben coñecido lema xesuítico de intentar ser “contemplativo na acción”.
É dicir, ser persoa “contemplativa” non só antes ou despois da “acción”, senón
sempre, e polo tanto tamén na acción mesma, no “traballo”.
De todos modos, para Santo
Ignacio e para a Compañía de Xesús por el fundada o primeiro era sempre o
primeiro. É dicir, a oración e maila unión con Deus son máis importantes cós
medios exteriores. Ou tal como literalmente se di: “Os medios que unen o
instrumento con Deus son máis eficaces ca aqueles que o dispoñen coa xente”.
Volvendo de novo ás Lecturas deste
domingo, dinos Lucas que, mentres Marta se dedicaba afanosamente ós seus
labores, María estaba “sentada” ós pés de Xesús, escoitando a súa palabra.
Podemos neste sentido pensar tamén na escena que se nos refire hoxe no libro da
Xénese sobre o Abrahán “sentado” (coma no caso de María) á entrada da súa
tenda. Quizais estivese Abrahán tamén a falar no seu interior co Deus que o
guiaba e acompañaba no seu longo peregrinar. En calquera caso, é nese momento
cando se lle aparece o Señor na figura de tres homes que van de camiño
(peregrinos tamén coma Abrahán). A súa muller Sara, antecesora dos traballos
domésticos de Marta, afanaríase seguramente no interior da tenda nos seus
labores. Pois ben, a “contemplación” do Abrahán sentado á beira da súa tenda
transfórmase de súpeto en amorosa e hospitalaria acción en relación cos casuais
viandantes que pasan onda el.
Vese ben así como a contemplación
potencia e dá vida á acción, uníndose a ela e xerando así froitos de
fraternidade e amizade. O contemplativo Abrahán toma axiña a iniciativa en
relación cos tres inesperados peregrinos, non deixando que se vaian sen lles
ofrecer acougo e xantar. Sen esperar a que llo pidan e forzándoos en certo modo
a que se deteñan por algún tempo onda el.
Vemos así ademais como o facer ben
ós demais -unha acción á que Deus nos capacita coa súa presenza e co seu amor-
produce sempre bens, a modo de resposta agradecida, naqueles que se comportan
bondadosamente. Pois o galano que os tres peregrinos -é dicir, o Deus mesmo
representado polos tres viandantes- lle dan agradecidos a Abrahán está contido
na seguinte promesa que lle fan: “Para o ano que vén Sara, a túa muller, terá
un fillo”.
Ben se ve como o noso Deus
endexamais se deixa superar en xenerosidade.
Manuel Cabada
Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario