DOMINGO XIV DO TPO. ORDINARIO C
Oracional Galego en Spotify + Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
XIV domingo T. O.
6 xullo 2025
A
primeira lectura do libro de Isaías enmarca en certo modo este comentario sobre
os textos litúrxicos deste domingo. En tal sentido quero lembrar que o Xesús
que inaugura o Novo Testamento fai uso en momentos cruciais da súa vida pública
de determinados textos, digamos en certa medida aperturistas ou liberadores, do
profeta Isaías, para lles ofrecer así ós seus oíntes (xentes instruídas nos
textos do Antigo Testamento) unha meirande capacidade de comprensión da“boa
nova”.
Se
no Novo Testamento a mensaxe da decisiva importancia do amor, do comportamento
servizal e amoroso cos demais, é en derradeira instancia o que importa, iso non
significa que na comunicación de Deus a través dos profetas en tempos
anteriores non se poidan atopar indicios aurorais do refulxente sol do Novo
Testamento, que aparecerá con todo o seu esplendor nos “novos” tempos. Nos
escritos de Isaías hai xa referencia ó ámbito esplendoroso ou luminoso e, ó
tempo, amoroso e consolador de Xerusalén en canto centro da relixiosidade do
pobo ó que o profeta lle dirixe a palabra.
Neste
sentido hai un convite a todos a se alegrar con Xerusalén, a “reloucar con ela
de xúbilo” (e expresións semellantes), anticipándose así en certo modo á
linguaxe de Xesús ó amosar na súa persoa o humano comportamento do seu pai Deus
connosco no feito de el se converter, no seu propio fillo, nun máis entre nós.
De aquí a súa identificación cos máis pequenos e febles, é dicir, cos nenos,
coas mulleres, cos pobresetc. O libro de Isaías anticípase xa así en certo modo
á definitiva e plena mensaxe de Xesús ó se introducir nel un discurso
programático sobre a relación do pobo con Deus en termos de proximidade e
íntima relación entre a xente. É dicir, os seres humanose a Xerusalén na que de
maneira simbólica habita a divindade. Iníciase así dalgún modo unha nova
relacióncon Deus, que posteriormente en Xesús chegará ó seu máximo grao.
No
libro de Isaías explicítase así a alegría á que se convida respecto de
Xerusalén aludíndose ós comportamentos populares, íntimos e familiares, das
xentes da época. Incítase asía “reloucar de xúbilo” no “amor” a Xerusalén.
“Mamaredes ó seu peito -dísenos nel- e fartarédesvos das súas consolacións;
zugaredes con delicia a riqueza do seu seo”. Chegándose así a pór xa en boca do
Deus do Antigo Testamento as seguintes palabras dirixidas a un pobo que albiscará
deste modo a proximidade e familiaridade a el do Deus grandioso no que cre:
“Porque -como se di no escrito- así fala o Señor: Ollade que eu estendo ata ela
[é dicir, Xerusalén] a fartura coma un río, si, como un río desbordado a
riqueza das nacións. Mamaredes, no colo seredes levados, sobre os xeonllos
seredes aloumiñados. Coma un nenoa quen a súa nai consola, así vos consolarei
eu. Si, en Xerusalén seredes consolados” (Isaías 66, 10-13).
Fálasenos
xa, pois, no libro de Isaías sobre as entrañas máis que paternais ou maternais
de Deus, aludíndose ó que ocorre na relación das nais cos seus fillos. Unha
relación ben asentada nos comportamentos da humanidade dende tempos
inmemoriais. Velaquí tamén o fermoso texto de Isaías: “Exulta, ceo; brinca de
ledicia, terra; que se fendan os montes coa alegría, pois o Señor consolou o
seu pobo e compadeceuse dos seus pobres. Sión di: ‘Iavé non me abandonou, o
Señor non se esqueceu de min’. ¿Esquécese unha muller do seu meniño? ¿Non se
compadece do fillo das súas entrañas? Aínda que ela se esqueza, eu non me
esquecerei de ti” (Isaías 49, 13-15) .
Impresionante
e case incríbel o que aquí se nos di en tempos moi anteriores á boa nova de
Xesús sobre o amoroso comportamento de Deus. Deus non é un ser fachendoso,
distante e frío. El é calor e amor. El é nai. Máis ca nai. En relación con
isto, cómpre volver lembrar que non deixou de resultar sorprendente e
inesperado o feito de que en setembro do ano 1978 nada menos que o papa Xoán
Paulo I (inmediatamente anterior a Xoán Paulo II) se dirixise á xente que o
escoitaba en Roma pouco antes do rezo do “O Anxo de Deus” con estas palabras: “Deus é Pai. Aínda máis, é Nai”. En
realidade, con esta formulación curta, mais chea de contido, Xoán Paulo I non
facía senón repetir e actualizar o xa proclamado moitos séculos antes no libro
de Isaías. De feito, ao Xoán Paulo I
formular esa afirmación sobre Deus faría tamén referencia ó aludido texto de
Isaías.
Pois
ben, tanto na Segunda Lectura (tomada da carta de Paulo ós Gálatas) como no
texto de Lucas do evanxeo pódense atopar alusións a este novo ámbito da
presenza entre nós de Deus en Xesús, xa pre-figurada ou pre-vista en tempos moi
anteriores.
En
tal sentido fálanos Paulo da “nova creación” que leva consigo o feito de sermos
cristiáns: “Tanto ten -dinos Paulo- estar circuncidado como estar sen
circuncidar: o que importa é a nova creación”. É dicir, o decisivo é a “graza
do noso señor Xesús Cristo” e maila ”paz e misericordia” que dela proceden. Dende
Xesús, xa que logo, o que decide non é o ritualismo exterior ou legal senón a
liberación interior e exterior, seguindo o programa proclamado por Xesús na súa
aldea de Nazaret, que vén sendo algo así como o ideario profético de Xesús,
clara e explicitamente en liña co pensamento do profeta Isaías a quen ademais
aludiría el explicitamente nese momento.
Refírome
ó discurso de Xesús nun sábado na sinagoga de Nazaret, cando le ante todos un
texto de Isaías abundando na visión dun Deus que a el se lle manifesta como
Pai-Nai del e tamén de todos. Xesús non fala alí coa autoridade que lle podería
conferir ser un letrado ou mestre da lei, títulos que el non posuía, senón
desde a fonda, íntima e directa experiencia da súa propia filiación divina. E xustamente
desde esa misteriosa intimidade anunciará ós seus atentos e sorprendidos oíntes
que o seu Pai Deus non é nin tenta ser castigador nin opresor, senón liberador.
Pois ben, o texto do profeta Isaías (Isaías, 61, 1) que Xesús lles le alí ós
seus oíntes é o seguinte: “O Espírito do Señor está sobre min porque El foi
quen me unxiu para lles proclamar a Boa Nova ós pobres. Mandoume para lles
anunciar a liberación ós secuestrados e a vista ós cegos, para lles dar liberdade
ós asoballados e proclamar o ano de graza do Señor”.
O comentario que constrúe Xesús sobre este texto non pode
ser nin máis curto nin máis significativo: “Cúmprese hoxe diante vosa esta
pasaxe da Escritura”. É dicir, alí temos en persoa diante dos seus abraiados
veciños e oíntes, na persoa humilde e concreta de Xesús, a realización e o
cumprimento do texto de Isaías. Un texto absolutamente alegre, liberador e
perdoador para cantos se senten ameazados ou asoballados por calquera tipo de
discriminación ou inxustiza. Sabemos polo que nos conta Lucas que a xente,
estrañada, non acabou de comprender esta mensaxe liberadora de Xesús,
acostumada como estaba ó imaxinario dun Deus xusticeiro e castigadorque impuña
unha gran multitude de mandatos e preceptos. Ademais, non casaba moi ben
tampouco esta imaxe que tiñan dun Deus grandioso e omnipotente coa feble e
humilde presenza dun Xesús a quen todos coñecían como “o fillo de Xosé”,
sometido, igual cós demais, á pobreza e á discriminación social e política.
En relación xa co evanxeo deste domingo, só quero aludir
finalmente -en coherencia co antes comentado- ás advertencias que Lucas pon en
boca de Xesús no intre de lles encomendar ós seus discípulos sinxeleza, paz e
mansedume no anuncio da boa nova. A teor diso, a boa nova de Xesús só pode
seranunciada e recibida desde a liberdade tanto do seu anuncio como da súa
aceptación. Movémonos, pois, sempre nos ámbitos da familiaridade e das amorosas
prácticas do anuncio do evanxeo, que deberá ser sempre convite e endexamais
imposición: “Ide e sabede que vos mando como años entre lobos. Non levedes
saco, nin alforxa, nin calzado [...] Cando entredes nunha casa, antes de máis
nada dicide: ‘Paz a esta casa’”.
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/14-tempo-ordinario-c-lucas-101-12-17-20-3/
FICHA 1 / FICHA 1 / FICHA 3
Comentarios
Publicar un comentario