DOMINGO XVII DO TPO. ORDINARIO C
Oracional Galego en Spotify + Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
DOMINGO XVII T. O.
(27 xullo 2025)
Lucas
dálle moita importancia á oración, á de Xesús e mais á nosa. Fálanos con
frecuencia de que el oraba, de día ou de noite, cando estaría máis libre das
urxencias dos que o arrodeaban e o querían escoitar. Por outra parte, só Lucas
e Mateo nos presentan o relato do modo de orar que el nos quere aprender: o
“Noso Pai que estás no ceo”. Os comentaristas dinnos que é o texto de Lucas o
que seguramente se corresponde de maneira máis fiel coas palabras de Xesús có
de Mateo. Sen que se pretenda buscar aquí literalidades. En calquera caso, é
exclusiva de Lucas esa alusión, tan fermosa e ben doada de entender, ós tres
amigos que entran en inesperada e tensa relación xa ben entrada a noite.
Fáisenos dese modo moi comprensíbel o de animármonos a ser “teimudos”,
constantes, insistentes, pesados ou como queiramos dicilo, no orar, no lle
comunicar ó noso Pai-Nai Deus as nosas preocupacións en relación cos demais ou
con nós mesmos.
Lucas
preséntanos significativamente Xesús ensinando e falando sobre a oración
inmediatamente despois de el orar: “Despois de estar Xesús orando en certo
lugar –comenta Lucas- un dos discípulos pediulle: ‘Mestre, apréndenos a rezar,
como aprendeu Xoán os seus discípulos’”. Unha pequena mostra máis de que el
falaba e ensinaba sempre desde a súa propia práctica e experiencia máis
íntima.Tal como podemos ver, esta petición que un dos discípulos lle fai de que
os aprenda a orar élle presentada polo mencionado discípulo como algo que
estaría en continuidade coas ensinanzas sobre a oración que Xoán Bautista lles
impartira ós seus discípulos. Pola miña parte, sospeito que as leccións sobre a
oración que Xoán, o precursor de Xesús, lles aprendía ós seus discípulos non terían
moita semellanza co modo de orar que Xesús lles vai ensinar agora. Pois o Deus
de Xoán era aínda sobre todo o Deus do Antigo Testamento. Un Deus que podería,
si, ser chamado Pai, mais nun sentido ben distinto do de Xesús. No Antigo
Testamento Deus era Pai do pobo en canto tal, mais non estritamente Pai de
todos e cada un dos membros deste pobo. A relación con Deus no Antigo
Testamento era, pois, aínda temerosa e distante, debido ás esixencias e ós
castigos que a lei impuña. Por esta razón Abrahán (segundo se nos di na
primeira Lectura) non se atrevía a lle pedir a Deus un perdón total para a
cidade pecadora en atención ós xustos que puidese haber alí. Pois o Deus de
Abrahán non podía deixar de ser dalgún xeito tamén vingador. Precisamente por
iso ten Xesús tanto interese en acabar coa imaxe habitual dos antigos profetas
dun Deus vingador e castigador. Dificilmente podemos imaxinar, pois, Xoán
Bautista ensinando os seus discípulos a se dirixir a Deus comezando coa palabra
“Pai”, coa que Xesús inicia a oración que nos quere aprender. Porque, ademais,
“Pai” ten sempre en Xesús un sentido especialmente amoroso, confiado e íntimo.
Hai
xa algúns anos tiven ocasión de presidir unha eucaristía na que uns nenos e
nenas fixeron as súas primeiras comuñóns. Entre eles había unha nena que fora
adoptada de pequecha pola súa nai adoptiva e chamábame a atención a confianza e
o amor cos que a nena, que acababa de recibir a súa primeira comuñón, lle chamaba
“mamá” a ela. Isto vén a conto de que é só Xesús quen
pode chamar de maneira plena e total “meu Pai” a Deus, porque en realidade é el
o único en ser fillo propio e real de Deus. El non é fillo adoptivo del. Mais
resulta que, ó se el facer irmán noso, nos converteu de feito a todos en
partícipes da súa filiación divina. Somos así fillos “adoptivos” de Deus porque
Deus nos adoptou en Xesús coma fillos, aínda que non sexamos, nin poidamos
selo, fillos inmediatos ou naturais de Deus. Deste xeito temos a posibilidade e
o dereito de dirixírmonos a el como verdadeiro “pai”. Da mesma maneira que a
nena da primeira comuñón podía dirixirse e se dirixía de feito á súa nai
adoptiva chamándoa “mamá”, queréndoa co agarimo de verdadeira nai. Quizais sexa
así como podemos aproximarnos a entender
o amor que Deus-Pai nos ten, dado que somos fillos queridos del grazas a que o
seu fillo Xesús, por vontade do Pai e na forza do Espírito, se irmandou con nós
na súa humanidade. Isto seria, xa que logo, o primeiro que teriamos que
aprender e asumir agradecidos ó dirixírmonos a Deus. El é verdadeiramente o
“noso Pai”, o noso “Pai-Nai”, en virtude da humanidade do seu fillo
“benquerido” que se irmandou con nós.
Na
oración do “Noso Pai” hai ademais como un resumo das ideas fundamentais do
evanxeo. Á parte desta incomparábel relación filial con Deus, está presente o
sentido da fraternidade. Sempre que recitamos esa oración estamos a dicir que
somos irmás e irmáns, pois sempre estamos a falar en plural: “Noso Pai”, non
“meu” Pai. El é Pai de todos séndoo ó tempo de cada un. Estamos tamén a falar
do “Reino” de Deus, do que lle pedimos que veña a nós: un reino de
fraternidade, de xustiza e de amor. Estamos, ademais, a proclamar a
misericordia e o perdón mutuos entre nós para que así Deus Pai non poida
presentar reparo algún para el ser tamén misericordioso connosco, fillos seus e
irmáns entre nós. Pois a que pai ou nai lle pode compracer que os seus fillos
vivamos divididos ou enfrontados?
A este Deus Pai debémoslle pedir todo e de todo. Desde os alimentos materiais que precisamos ou precisan outros para sobrevivirmos fisicamente (“Dános cada día o noso pan”) ata o conforto máis sublime e espiritual que poidamos desexar e que de feito desexamos sempre. Pedirlle ó noso Pai Deus que el tome asento nos nosos corazóns, para el así nos encher dos seus sentimentos e do seu amor. Pois iso vén ser o que se nos di tamén de que lle pidamos ó “Pai celestial” que nos dea o “Espírito Santo”. Seguro que o Pai nos dará o seu Espírito se llo pedimos segundo o que se nos di: “Se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousas boas ós vosos fillos, ¡canto máis o Pai celestial dará o Espírito Santo ós que llo pidan!”. Finalmente teñamos en conta que na visión de Lucas do Deus cristián ten unha relevancia moi especial o Espírito Santo. É este o meirande regalo que o Pai nos pode facer. E quere ademais facelo.-
Manuel Cabada
Castro
Comentarios
Publicar un comentario