BAUTISMO DO SEÑOR C
LECTIO:
Pomba libre.
BAUTISMO DO SEÑOR.
12 xaneiro 2025
Os máis maiores dos que estamos aquí recibimos o bautismo
cando eramos moi pequenos. Eu, por exemplo, tiña cinco días cando ocorreu tal
acontecemento, ás seis da tarde dun día 20 –moi feliz supoño- do mes de outono.
Pais e padriños leváronnos no colo á fonte bautismal e as augas do sacramento
recibido, sen sermos conscientes do que alí pasaba, transformáronnos
oficialmente en cristiáns e uníronnos ó corpo místico de Cristo, á súa Igrexa.
Dada esta inconsciencia do que alí ocorría temos que ser comprensivos con persoas
que, andando o tempo e de maneira xa consciente e libre, decidiron romper cunha
decisión que eles persoalmente non tomaran.
En calquera caso, o bautismo do Señor que celebramos hoxe
foi moi distinto deste noso infantil bautismo. Se nós eramos infantes
inconscientes, el era en cambio un mozo adulto, que estaba a abrirse paso na vida.
No seu caso foi, pois, un acto consciente e persoal. El sentiríase atraído, como
tamén outros compañeiros, pola figura, o comportamento e as palabras do
Bautista que chamaba á conversión e a se preocupar por facer o ben desde o seu
propio e persoal testemuño de vida. Moito do atractivo do Bautista consistía en
que aquilo que predicaba ou proclamaba estábao a levar á práctica na súa vida. O
Bautista era unha persoa consecuente coa súa fe en Deus.
Pola súa parte, Xesús percibía en si unha íntima e inigualábel
experiencia de se sentir querido por un Deus que se lle manifestaba como o seu
paiciño querido, co que falaba con absoluta confianza. O seu Pai dicíalle: “Ti
es o meu fillo benquerido, o meu predilecto. En ti me comprazo” (así nolo conta
Lucas no evanxeo de hoxe). Mais Lucas preséntanos tamén Xesús como fillo do seu
pobo ó nos indicar que el foi bautizado “durante un bautismo xeral”. El era un máis
dos que se achegaban ó Bautista para se deixar interpelar por el. Poderiamos
dicir que Xesús estaba tan unido ó seu Pai Deus coma ó seu pobo, á súa
relixión, á súa cultura, á súa lingua. Mais dentro de si mesmo había tamén un
lume devorador, que el quería que servise para dar luz e calor a todos. Un lume
que procedía de se sentir Fillo “benquerido” de Deus e irmán de todos.
Esta unión de Xesús con Deus-Pai e con toda a humanidade
foi a que fixo que o seu achegamento ó Bautista non fose máis có comezo da súa
propia misión evanxelizadora, dadora de boas noticias, que vai ser máis fonda e
ampla que a do Bautista. Xesús cumpre, pois, ó ser bautizado, cun rito
relixioso, mais non para ficar fixado a el, petrificado coma quen di, inmóbil e
satisfeito co rito cumprido. Non. Xesús, a través deste acto penitencial vaise
converter nunha persoa definitivamente libre para se deixar levar, polo
Espírito e polo Pai, a onde queiran levalo. O propio Bautista apunta a este contraste
entre el e o Bautista cando, antes de bautizalo, anuncia ós presentes que el bautizaba
“con auga”, mais que Xesús, bautizaría “con Espírito Santo e con lume”.
Dentro do misterio que sempre será a Santísima Trindade,
din os teólogos que o Espírito Santo é o “amor” persoal co que se aman o Pai e
o Fillo. Un amor tan grande e infinito que é el mesmo igual ó Pai e ó Fillo. Un
Espírito que, coma o vento ou o ar que respiramos (pois diso vén o nome de “espírito”),
está cheo de liberdade e de plenitude. Coma aquel vento forte do día de
Pentecoste, cando os discípulos de Xesús comezaron a falar -coma se estivesen bébedos-
en linguas estrañas, intelixíbeis porén para os que as oían. Non será por iso
polo que o Espírito Santo é representado como unha pomba? Esas criaturas que semellan
reflectir bondade e liberdade... Lucas dinos que despois de Xesús ser bautizado
polo Bautista “se abriu o ceo e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia
corporal dunha pomba”.
Agora ben, se o Bautista lles di ós seus oíntes que Xesús
(a diferenza del) nos bautizará “co Espírito Santo”, iso quere dicir que, por
medio de Xesús e grazas a El, estamos todos chamados á liberdade, á alegría, ó
amor, á bondade e a tantas outras cousas boas e fermosas que adoitamos designar
co nome dos “dons” do Espírito Santo. Este Xesús, que empezou a súa andaina
connosco no día de Nadal, é quen ó final da súa vida terrea nos vai mandar o
Espírito de Deus. Un Espírito que nos liberará de toda “escravitude” ou
angustia e nos fará libres coma “pombas”. Pombas de tódalas cores, como ben
advirte sorprendido o apóstolo Pedro ó proclamar na Segunda Lectura que “Deus
non fai distinción de persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a
xustiza, sexa da nación que sexa”.
Vedes, pois, como o Bautismo de Xesús é algo que,
afectándoo fonda e persoalmente a el, nos afecta tamén a todos, en canto irmáns
e fillos adoptivos pero reais de Deus Pai. Esta é a grande alegría que hoxe nos
trae ás nosas vidas a pomba, bondadosa e libre, símbolo fermoso do Espírito
Santo co que foi bautizado Xesús.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/bautismo-do-senor-c-lucas-315-16-21-22-3/
Comentarios
Publicar un comentario