DOMINGO II DO TPO. ORDINARIO C

 Oracional Galego en Spotify

LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

DOMINGO II  T. O. – C 

19. I. 2025

            Rematado o tempo de Nadal, os textos que nos propón a liturxia para o chamado tempo “ordinario”, son moi diversos. En calquera caso, son todos importantes para o fortalecemento e a animación da nosa fe. En realidade, o tempo “ordinario” empezou xa no anterior domingo, no que fixemos lembranza comunitaria do Bautismo do Señor. O que nesta celebración comentabamos pode servirnos aínda para hoxe. Porque hoxe, ademais dos temas que nos suxiren os textos litúrxicos, teriamos que ter presente tamén un que nos vén dado desde outras instancias non directamente relacionadas coas Lecturas ou no Evanxeo. Refírome a que nestes días celebramos tamén o chamado Octavario pola Unidade dos Cristiáns.

            Mais toquemos algún que outro punto, ben alicerzados na mensaxe fundamental do último domingo, a festividade do Bautismo do Señor. Nela lembrabamos a importancia que ten para a nosa fe o feito de termos sido bautizados “no Espírito Santo”. Pois ese é o bautismo que desde Xesús recibimos os cristiáns.

            Diciamos que o Espírito de Deus, o Espírito Santo, e un e diverso. Un como hai un só Deus, mais diverso como tamén Deus é un e trino, diferente polo tanto na súa unidade. Por iso o Espírito de Deus unifica, mais tamén sabe e entende de diferenzas, pois Deus é tamén un e diferente.

            Faremos ben en pedir, nestes días de oración, pola unidade dos cristiáns. Pois ben sabemos que hai outras confesións dentro do cristianismo que non se identifican oficialmente coa nosa, a que chamamos “católica”. A unidade é sen dúbida un gran ben. Mais non estaría mal tampouco que ó tempo lle pidamos ó Señor que tódalas confesións, tamén a nosa, se convertan en verdadeiramente cristiás. Pedirlle polo tanto que nos converta en verdadeiros seguidores seus. Discípulos auténticos daquel que nos bautizou “no Espírito Santo”. E xa sabemos que no Espírito Santo estamos todos chamados a sermos e a sabérmonos uns e diferentes. Por iso, a diferenza, mentres non se renuncie ós principios básicos da mensaxe de Cristo, debería sentirse sempre cómoda no seo da nosa Igrexa.

            Se este respecto á diferenza se tivese practicado máis e mellor en tempos pasados, posibelmente non teriamos necesidade de estarmos estes días a pedirmos estes días pola “unidade dos cristiáns”. Unha unidade que se rompeu en determinadas e concretas circunstancias históricas do pasado.

            E conste que isto valería tamén á súa maneira para non poucos dos asuntos políticos que están a ocorrer hoxe en día entre nós. Toda verdadeira unidade tería que ser sempre suficientemente flexíbel para que no seo dela puidesen vivir comodamente e sen discriminacións as diferenzas culturais, lingüísticas ou de calquera outro tipo.

            Polo menos na súa carta ós Corintios fálanos Paulo do Espírito, no que -como dicía- fomos todos bautizados, como dun Espírito que, sendo el sempre o mesmo, actúa de moi diversos modos e maneiras. Un Espírito, dinos Paulo, que ten “diversidade de dons”, “diversidade de servizos”, “diversidade de realizacións”... E se o Espírito actúa de tan diversas maneiras, ¿quen somos nós para forzar as cousas, as realidades, as culturas, as linguas, etc. coa pretensión de converter estas diferenzas en algo absolutamente unitario e monolítico?

            Todo isto, como ben podedes ver, está moi en relación co tema da oración pola “unidade dos cristiáns”.

            En canto ao texto do Evanxeo só unhas palabras. Xesús, ó contrario do que ocorre co Bautista, adoita mesturarse coa xente, vive e está con ela. E non deixa de ser curioso! O seu primeiro “signo”, aínda que nolo conte só Xoán, é o do viño nunha voda. Un “signo” cheo de simbolismo (como ocorre con frecuencia en Xoán). A Xesús gústalle celebrar a irmandade, a amizade, o amor, a felicidade. E ademais en grupo, en comunidade, en pobo, en reino.

            Se ese foi o seu primeiro “signo”, esa será tamén a que poderiamos chamar a súa definitiva realización marabillosa coa humanidade, coa creación enteira. Nese reino vindeiro prometido, que será a definitiva e infinita festa da irmandade entre tódalas persoas do tódolos tempos e nacións. A nosa sorpresa será alí seguramente aínda meirande cá do apóstolo Pedro, abraiado como estaba el de que Deus aceptase onda si a quen “practica a xustiza, sexa da nación que sexa”. Así se nos dicía efectivamente no Feitos dos Apóstolos, tal e como lembrabamos na Segunda Lectura do domingo anterior ó celebrarmos a festa do Bautismo do Señor.

            Camiñemos, pois, sempre polos camiños da fe, da esperanza e do amor que nos ofrece Xesús. E xa que logo, con delicado respecto á unidade e á diferenza, á conxunción e á diversidade. Formando así ese “corpo místico” de Cristo, con membros diferentes entre si e unha soa vida común e compartida.


Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/2-tempo-ordinario-c-xoan-21-11-3/

FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3



Comentarios

Publicacións populares