DOMINGO III DO TPO. ORDINARIO C
LECTIO:
DOMINGO III T. O.- C
(26. I. 2025)
Os
textos a comentar son para min algo especiais e sorprendentes. Sobre a primeira
carta de Paulo ós Corintios, non vou dicir ren. Os comentarios de Paulo sobre o
corpo místico de Cristo, no que este é cabeza ou corazón e sobre que os demais
somos membros moi diversos que formamos con el unha unidade son tan doados de
entender que non precisan aclaracións. Vou facer só uns comentarios sobre a
primeira Lectura e o Evanxeo por presentaren escenas que teñen unha certa
semellanza co que adoitamos facer nas nosas eucaristías.
Na
primeira Lectura ofrécesenos algo así como unha “homilía” do sacerdote Esdras,
subido sobre unha tarima de madeira á vista de todo o pobo. Algo emocionante.
“Todo o pobo –dísenos alí- estaba atento á lectura do libro da lei”. Homes,
mulleres e mais (que fermoso!) “todos aqueles que eran capaces de pensar”. Mais
este pobo oínte non estaba alí esperando, paciente e cortesmente, a que Esdras
rematase por fin o seu discurso. Todo o contrario. Participaba, coa súa
atención, cos choros e laios da súa emoción, no que alí se explicaba sobre o
libro da lei. Dísenos alí: “Todo o pobo choraba”, dísenos alí. Tanto que os que
dirixían a asemblea tiveron que convidalos e case forzalos a que deixasen de
chorar, porque –tal como eles argumentaban- “o gozo do Señor é a vosa forza”.
De modo que xa no Antigo Testamento os encargados nesta ocasión de se dirixiren
ó pobo anunciaban dalgún modo un pequeno “evanxeo”, unha pequena boa nova. A
nova de que o seu Deus quere ser tamén un Deus ó que lle gusta que o pobo viva.
E que viva ben, con plenitude e alegría: “alegrándose no Señor”.
Este
tipo de homilía veterotestamentaria da Primeira Lectura vén sendo algo así como
a preparación ou o contexto da incomparabelmente máis emocionante homilía que
vai facer Xesús en Nazaret. Él “criárase” alí. A xente coñéceo ben. É un máis
dos veciños. Oficialmente, non ten categoría ningunha, nin civil nin relixiosa.
Non é sacerdote, nin escriba nin cousa semellante. Mais iso si. A xente, dinos
Lucas, falaba moi ben del. Seguramente porque estaba verdadeiramente
comprometido cos problemas e as necesidades dos veciños e compañeiros. Sabían
tamén que mantiña unha relación especial de confianza con Deus, ó que trataba e
do que falaba con fondo agarimo como pai seu e pai de todos. Pois ben, Xesús
tiñao costume de ir os sábados cos demais á sinagoga. Algo así como vindes vós
os sábados pola tarde ou os domingos á igrexa. Mais esta vez, na sinagoga,
síntese el impulsado, “coa forza do Espírito Santo” (dinos Lucas) a se dirixir
ós demais veciños e coñecidos para lles comunicar algo moi importante sobre o
seu fondo e agarimoso trato co seu Pai Deus. Un Deus que se lle manifesta como
Pai-Nai del e tamén de todos. Xesús non vai falar coa autoridade que lle
podería conferir ser un letrado ou mestre da lei, pois el non tiña ningunha
autoridade deste tipo. El falará unicamente desde a súa misteriosa e íntima
experiencia persoal.
Sempre
me emociona (como ós que escoitaban ó sacerdote Esdras) esta escena de Xesús
dirixíndoseó seus oíntes na sinagoga. Dado o preciso relato dos feitos, a Lucas
-que non chegou a coñecer persoalmente a Xesús- seguramente llo debeu de
comunicar alguén que presenciara ou polo menos oíra atentamente falar do alí ocorrido.
A escena lémbrame un pouco esas películas de “suspense” que nos fan conter a
respiración. Lucas dinos que a xente toda da sinagoga tiña os ollos “fixos
nel”.
Xesús
é estimado pola xente polo seu sorprendente modo de se comportar. Mais o que
alí vai dicir superará todo o previsíbel tanto desde un punto de vista
relixioso como civil. El, unha persoa pobre coma os demais, vaise manifestar
ante eles como a presenza viva, concreta e histórica, dun Deus que non é nin
quere ser castigador nin opresor. Só liberador. E iso de maneira concreta e
social, porque Lucas non ten na súamensaxe sobre Xesús ningún recendo
espiritualista ou descarnado. O texto que Xesús lles le pertence ó profeta
Isaías. Lembrémolo porque non ten desperdicio:O Espírito do Señor está sobre
min porque El foi quen me unxiu para lles proclamar a Boa Nova ós pobres. Mandoume
para lles anunciar a liberación ós secuestrados e a vista ós cegos, para lles
dar liberdade ós asoballados e proclamar o ano de graza do Señor.
O
comentario de Xesús sobre este texto sagrado non pode ser nin máis curto nin
máis plástico: “Hoxe cúmprese diante vosa esta pasaxe da
Escritura”. É dicir, alí está en persoa diante dos seus abraiados veciños, na
persoa de Xesús, o cumprimento do texto de Isaías. Un texto absolutamente
alegre, liberador e perdoador para os asoballados por calquera tipo de inxustiza.
Sabemos polo que nos di Lucas (aínda que non está recollido no texto de hoxe)
que a xente non acabou de comprender esta mensaxe liberadora de Xesús,
acostumada como estaba á imaxe dun Deus xusticeiro. Ademais, non casaba ben
tampouco a imaxe que tiñan dun Deus omnipotente coa humilde presenza dun Xesús
a quen todos coñecían como veciño e compañeiro, mais sometido tamén á pobreza e
á discriminación social. Por iso comentaban: “¿Pero non é este o fillo de
Xosé?”.
Remato. Teremos que loitar sempre contra as falsas concepcións que nos agachan a verdadeira face dun Deus que en Xesús se nos manifestou como compañeiro e irmán.-
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario