FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO - DOMINGO XXXIII DE ORDINARIO C

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2



LECTIO:

                                               Traballadores creadores

                                        (13 novembro 2022)

         As palabras de Paulo na súa segunda carta ós Tesalonicenses son unha loa do “traballo”, da necesidade de activar e realizar na vida normal as calidades e os dons que cada un de nós poidamos ter ó servizo da vinda onda nós do reino de Deus. Todo isto ten que ver con aquela petición que Xesús nos aprendeu a dirixir ó noso Pai do ceo: “Veña a nós o teu reino”. Tamén con aquela parábola tan coñecida que ten como cerne fundamental a de facer frutificar nas nosas vidas os talentos, poucos ou moitos, que cada un teñamos recibido de Deus.

Pois ben, Paulo ponse a si mesmo como exemplo, ante os destinatarios da súa carta, de que ninguén debería dispensarse a si mesmo de traballar, se é que quere vivir e comer o seu pan sen remordementos. Por máis que por outros títulos, como o de ser mensaxeiro e comunicador da boa nova de Xesús ante pobos e xentes, podería considerarse dispensado da común e xeral tarefa do traballo. Mais non. Dinos que traballa esforzadamente noite e día para non ser carga para ninguén. Tendo en conta, como digo, que Paulo estaba ó tempo a realizar un grande esforzo persoal na tarefa do anuncio do evanxeo a persoas e comunidades.

Hai tamén unha crítica en liña coa que adoitamos dirixir contra aqueles que nin fan nin deixan facer. Tampouco Paulo ve con bos ollos os que, tal como di, “por riba de non traballaren nada, se entremeten nas cousas dos demais”. Se na oración do “Noso Pai” lle pedimos a Deus Pai “o noso pan de cada día”, iso quere dicir tamén que “cada día” teremos que traballar tamén para que o pan non chegue á nosa boca sen o noso traballo. Paulo é ben explícito: “o que non queira traballar, que tampouco coma”.

A expresión “cada día” ten a súa importancia. O que Paulo quere é que vivamos intensamente o tempo presente, traballando e actuando para non sermos indignos do pan que cada día necesitamos e que doutro xeito llelo roubariamos dalgunha maneira ós que o merecen ou precisan máis ca nós. Rexeita el neste sentido dedicármonos a divagacións sobre o futuro. U tempo que está lonxe do aquí e agora e que polo tanto non está nas nosas mans. Descoidamos así a obriga de realizarmos na nosa vida a parte do traballo que nos toca facer, segundo as forzas e posibilidades de cadaquén.

         Agora ben, o traballo propio é para Paulo unha actividade que está en relación directa co ben dos demais, coa xustiza. Pois quen non traballa vive e come, aínda que non o crea, a custa dos demais. Aprovéitase, directa ou indirectamente, do traballo dos outros. Paulo dio sen contemplacións: “O que non queira traballar, que tampouco coma”. É preciso “traballar con acougo para comer o propio pan”.

         Esta é a maneira de completarmos no mundo a obra que Deus comezou e da que el mesmo quere que sexamos continuadores. O Deus “creador” fíxonos en canto creados á imaxe e semellanza del, e nese sentido en certo modo tamén como “creadores”. De xeito que podemos dicir con verdade que se fomos “creados”, somos tamén “co-creadores”.

         Todo canto Deus creou e continúa a soster na súa existencia foi, polo tanto, feito de tal maneira que precisa completarse a si mesmo co traballo, coa dedicación e co agarimo de todos. Por iso tampouco nacemos totalmente feitos, adultos, acabados, senón cativos e necesitados da axuda e do colo quente de pais e nais ou de quen nos queira aloumiñar.

         Quizais esteades, porén, a pensar que, polo menos nos tempos de hoxe de crise económica global, o problema non consiste tanto -tal como á primeira vista semella desprenderse da carta de Paulo- en que a xente “non queira traballar” senón en que moitos non poden traballar, non atopan traballo aínda que o buscan. Non son poucos os que se ven na obriga de buscalo lonxe da súa terra, da súa familia ou do seu propio ámbito cultural. Emigrantes foron moitos da nosa terra en tempos pasados e volven selo non poucos de novo agora.

         De tódolos xeitos, coido que Paulo segue aínda a ter razón hoxe en día. Porque, segundo as análises dos entendidos, moito da crise actual semella ter en boa parte a súa orixe en xentes poderosas que utilizan o diñeiro que co seu honrado traballo adquiriron outros co fin de acadar para elas desproporcionados beneficios. E, se iso fose así, segue a ser actual para eles a sentencia de Paulo: “O que non queira traballar, que tampouco coma”. Porque hai que recoñecer que o que tales persoas están a facer non é “traballar”, senón xogar de maneira inxusta e irresponsábel co que en realidade é en boa parte propiedade doutros.

         En calquera caso, se somos fillos dun mesmo Pai do ceo, teremos que axudármonos uns a outros, consumindo menos e vivindo con sobriedade, para podermos así ter todos unha vida digna. Deberiamos tamén ocuparnos -individual, social e politicamente- de que a xustiza e a igualdade reinen no mundo enteiro, comezando polo pequeno mundo onde, aquí e agora, vivimos. Unha xustiza que non debería limitarse ás persoas, senón abranguer a creación toda, que deberiamos respectar e protexer como algo confiado á nosa responsabilidade.

         Só quero engadir finalmente que tanto a loanza que fai Paulo do “traballo” como a necesidade de “orar” sempre, da que tantas veces se nos fala no evanxeo, están ben sintetizadas no coñecido lema dos monxes bieitos: “Ora et labora” (“reza e traballa”).

 

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/33-tempo-ordinario-c-lucas-215-19-3/





Comentarios

Publicacións populares