34º DOMINGO DO TOC – FESTA DE CRISTO REI



Primeira Lectura     2 Sam 5, 1-3

Unxiron a David como rei para Israel

LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DE SAMUEL


            Naqueles días, todas as tribos de Israel foron a Hebrón, xunto de David, para dicirlle:

            ‑ "Aquí nos tes. Nós somos do teu mesmo sangue. Xa de antes, cando Saúl reinaba sobre nós, eras ti quen conducía a Israel e o Señor tíñache dito: ti pastarás o meu pobo Israel, ti serás o seu xefe".


            Os anciáns de Israel presentáronse, pois, onda o rei en Hebrón. O rei David fixo un pacto alí con eles, diante do Señor, e eles unxiron a David por rei de Israel.


      Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 121, 1-2. 4-5

R/. (cf. 1): Imos alegres para a casa do Señor.


Moito me alegrei cando me dixeron:

"imos ir á casa do Señor".

Xa están os nosos pés

ás túas portas, Xerusalén.


Alá soben as tribos, as tribos do Señor,

conforme o costume de Israel,

a festexar o nome do Señor.

Alí están os tribunais de xustiza,

os tribunais da casa de David.


 


Segunda Lectura    Col 1, 12-20

Pasounos ao reino de seu Fillo benquerido

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES


            Irmáns:

            Deámoslle grazas a Deus Pai que vos fixo merecentes de participar na herdade dos santos, na luz.

            El librounos do dominio das tebras para nos pasar ao Reino de seu Fillo benquerido, en quen  alcanzamos a redención polo seu sangue, o perdón dos pecados.

            El é a imaxe do Deus invisible, o primoxénito de toda criatura, pois nel foron creadas todas as cousas, as do ceo e tamén as da terra, as visibles e as que non se ven: maxestades, señoríos, principados e potestades.

            Todo foi creado por el e para el, el é anterior a todo e todo ten nel o alicerce.

            El é tamén a cabeza do corpo: a da Igrexa. El é o principio, o primoxénito de entre os mortos,

por ser el en todo o primeiro.

            Porque nel quixo Deus que habitase a total plenitude, e por el quixo reconciliar o universo consigo, o que hai na terra e o que hai no ceo, poñéndoos en paz, polo sangue da súa cruz.


           Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


 



ALELUIA    Mc 11, 9. 10

Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.

Bendito o que vén no nome do Señor!

Bendito o Reino do noso pai David que vén!

Aleluia.


 


Evanxeo     Lc 23, 35-43

Señor, lémbrate de min cando esteas no teu reino

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


            Naquel tempo, os xefes moqueábanse de Xesús, dicindo:

            ‑ A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.


            Tamén os soldados se burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, dicindo:

            ‑ Se ti es o rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.


            E había un letreiro enriba del: "Este é o rei dos xudeus".


            Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén:

            ‑ Non es ti o Mesías? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.


            Pero contestoulle o outro, reprendéndolle:

            ‑ Seica non temes a Deus, ti que sofres a mesma condena ca el? Nós, polo menos, recibimos o que merecemos, pero este non fixo mal ningún.


            E dicíalle:

            ‑ Xesús, lémbrate de min cando volvas como rei.


            Xesús respondeulle:

            ‑ Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso.


    Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           


Comentarios

Publicacións populares