33º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C

 


Primeira Lectura     Mal 3, 19-20a

Amence para vós o sol de xustiza

LECTURA DO LIBRO DE MALAQUÍAS


            Velaí chega o día: abrasará coma un forno,

e os soberbios e todos os que cometen a maldade serán palla.


            Si, o día que chega será a vosa queima

‑fala o Señor dos Exércitos ‑:

non vos deixará raíz nin póla.


            Brillará para vós, os que respectades o meu Nome,

un sol de xustiza, que trae saúde nas súas ás.


           Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


 


SALMO RESPONSORIAL     Sal 97, 5-6. 7-8. 9a. 9bc

R/. (cf. 9): O Señor vén xulgar os pobos con rectitude.


Tocade para o Señor a cítara,

a cítara e tamén o salterio;

con claríns e co son das trompetas

aclamade o Señor, noso rei.


Resoe o mar e canto o enche,

o mundo e cantos o habitan;

aplaudan os ríos,

alédense os montes.


Diante do Señor,

que vén para rexer a terra.


El rexerá o mundo con xustiza

e os pobos con rectitude.


 


Segunda Lectura     2 Tes 3, 7-12

O que non queira traballar, que tampouco coma

LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS TESALONICENSES


            Irmáns:

            Ben sabedes vós de que modo debedes imitarnos, xa que non nos dedicamos a andar sen xeito nin comemos de moca o pan de ninguén, senón que traballamos noite e día con esforzo e fatiga por non sermos unha carga para ningún de vós.

            Non porque non tivésemos dereito, senón para vos dar un exemplo que imitar, e porque, cando estabamos onda vós, xa vos demos esta norma: o que non queira traballar, que tampouco coma.

            Porque chegou aos nosos oídos que algúns de vós andan descamiñados e por riba de non traballaren nada, entremétense nas cousas dos demais.

            A eses mandámoslles e aconsellámoslles no Señor Xesús Cristo que traballen con acougo para comeren o seu propio pan.


         Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


 


ALELUIA    Lc 21, 28

Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.

Mirade e erguede as vosas cabezas,

porque está cerca a vosa redención.

Aleluia.


 


Evanxeo     Lc 21, 5-19

Coa vosa perseveranza, salvaredes as vosas vidas

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


            Naquel tempo, comentaban algúns a fermosa cantería con que estaba construído o templo, e os exvotos que o adornaban. Pero Xesús díxolles:

            ‑ Todo isto que estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra sobre pedra.

            Eles preguntáronlle:

            ‑ Mestre, dinos, cando van pasar estas cousas? Cal será o signo de que van suceder?

            El empezoulles a dicir:

            ‑ Estade atentos, para non vos extraviar. Porque han vir moitos no meu nome, dicindo: "son eu" e "está a chegar o momento", pero non os sigades. Cando oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes; que iso ten certamente que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.

            Entón díxolles:

            ‑ Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá grandes terremotos, pestes e fames en diversos lugares; cousas espantosas, e grandes sinais no ceo. Pero antes de todo isto botaranse sobre vós, perseguíndovos: levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; así teredes a oportunidade de dar testemuño.

            Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, que eu vos darei unha elocuencia e mais unha sabedoría que non poderán resistir nin replicar os vosos adversarios.

            Entregaranvos vosos mesmos pais, irmáns, parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós, e todos vos aborrecerán por causa miña, e mais non perderedes nin un pelo da vosa cabeza. Coa vosa perseveranza, salvaredes as vosas vidas.


      Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo       



Comentarios

Publicacións populares