32º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C
Primeira Lectura 2 Mac 7, 1-2. 9-14
O rei do mundo hanos resucitar para unha vida eterna
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DOS MACABEOS
Naqueles días, aconteceu que meteron na cadea a sete irmáns e a súa nai, e o rei mandou que os azoutasen con trallas e vergas para facer que, en contra do que era lexítimo, comesen carne de porco.
Un deles, o primeiro, falou no nome de todos, e dixo:
‑ Que máis vas preguntar? Que outra cousa queres saber de nós? Estamos dispostos a morrer antes que quebrantar as leis dos nosos maiores.
O segundo, cando xa estaba nas últimas, dixo:
‑ Ti, criminal, quítasnos a vida presente, pero o rei do universo hanos resucitar para unha vida eterna a cantos morremos pola súa Lei.
Despois deron en meterse co terceiro. Mandáronlle botar fóra a lingua e fíxoo de contado; estendeu as mans todo decidido e dixo con valentía:
‑ De Deus recibín estes membros, e pola súa Lei os entrego; espero recibilos del novamente.
O rei e os que estaban xunto del quedaron abraiados polo valor do rapaz, que non tiña medo aos tormentos.
Cando este morreu, torturaron o cuarto de xeito semellante; e cando estaba xa para morrer, dixo:
‑ Paga a pena que os homes maten a un, cando se espera que Deus nos vai resucitar. Pero ti non has resucitar para a vida.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 16, 1. 5-6. 8b e 15
R/. (15b): Ao espertar, saciareime da túa presenza, Señor.
Entende, Señor, a causa xusta,
atende ao meu clamor;
escoita a miña pregaria
de labios sen engano.
Guía polas túas pisadas os meus pasos,
para que non tremelen os meus pés.
Eu chamo por ti, meu Deus, respóndeme;
inclínate cara a min, escoita a miña voz.
Escóndeme á sombra das túas ás.
Mais eu, pola miña inocencia,
contemplarei o teu rostro;
ó espertar, saciareime da túa presenza.
Segunda Lectura 2 Tes 2, 16 -- 3, 5
Deus vos confirme en toda palabra e obra boa
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO S. PAULO AOS TESALONICENSES
Irmáns:
O mesmo Señor noso Xesús Cristo e mais Deus, o noso Pai, que nos amou e que nos deu gratuitamente azos duradeiros e boa esperanza, vos conforte e vos afinque en toda obra e palabra boa.
Polo demais, irmáns, rogade por nós, para que a mensaxe do Señor se difunda e se acolla con honor como pasou entre vós, e deste xeito nos vexamos libres da xente descamiñada e perversa: pois a fe non a teñen todos. Pero o Señor é fiel e afincaravos e protexeravos do Ruín.
Tocante a vós, fiámonos no Señor de que estades facendo e de que continuaredes a facer canto vos temos mandado.
Que o Señor encamiñe os vosos corazóns ao amor de Deus e á paciente espera do Cristo.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Ap 1, 5a. 6b
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Xesús Cristo é primoxénito dos mortos;
a El a gloria e o poder por sempre eternamente.
Aleluia.
Evanxeo Lc 20, 27-38 (longa)
Deus non é Deus de mortos, senón de vivos
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel tempo, chegaron algúns saduceos ‑eses que negan que haxa resurrección ‑ e preguntáronlle a Xesús:
‑ Mestre, Moisés deixou escrito: "Se lle morre a alguén o seu irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia". Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos. Despois casou con ela o segundo; e logo o terceiro; e así os sete foron casando coa viúva, morrendo tamén sen deixar fillos. Ao cabo, morreu tamén a muller. Ora, cando resuciten, de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?
Xesús contestoulles:
‑ Neste mundo os homes e mais as mulleres casan entre eles. Pero os que sexan dignos da vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin elas, pois non poden morrer. Son coma anxos, e son fillos de Deus por naceren na resurrección.
E que resucitan os mortos, ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor, no episodio da silveira: O Deus de Abrahán, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob. E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todos están vivos.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
____________________________________________________________________
Ou: 27. 34-38 (máis breve)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel tempo, chegaron algúns saduceos ‑eses que negan que haxa resurrección ‑ e interrogaron a Xesús.
Xesús contestoulles:
‑ Neste mundo os homes e mais as mulleres casan entre eles. Pero os que sexan dignos da vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin elas, pois non poden morrer. Son coma anxos, e son fillos de Deus por naceren na resurrección.
E que resucitan os mortos, ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor, no episodio da silveira: O Deus de Abrahán, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob. E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todos están vivos.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario