I Domingo de ADVENTO CICLO A



Primeira Lectura          Is 2, 1-5

O Señor congrega a todas as nacións na paz eterna do seu Reino

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS

 

Palabras que en visión profética recibiu Isaías, fillo de Amós, acerca de Xudá e Xerusalén:

Ó final dos tempos o monte da casa do Señor estará firme, asentado no cume dos montes, ergueito sobre as montañas.


Acudirán alí todas as nacións, poñeranse en camiño pobos numerosos.

Dirán:"Vinde, subamos ao monte do Señor, á casa do Deus de Xacob.

El hanos aprender os seus camiños, e marcharemos polos seus vieiros;

porque a lei ha saír de Sión, de Xerusalén, a palabra del Señor".

Será o árbitro das nacións, o xuíz de pobos numerosos.

Das espadas forxarán arados, e das lanzas, podadeiras.


Non erguerá a espada nación contra nación,

non se adestrarán para a guerra.

Casa de Xacob, ven; vaiamos

e camiñemos á luz do Señor!


                         Palabra do Señor

 


SALMO RESPONSORIAL Sal 121, 1-2. 4-5. 6-7. 8-9
 

R/.  (cf. 1):  Imos alegres para a casa do Señor

 

Moito me alegrei cando me dixeron:

"imos ir á casa do Señor".

Xa están os nosos pés

ás túas portas, Xerusalén.

 

Alá soben as tribos, as tribos do Señor,

conforme o costume de Israel,


a festexar o nome do Señor.

Alí están os tribunais de xustiza,

os tribunais da casa de David.

 

Desexádelle paz a Xerusalén:

Vivan seguros os que te aman.

Haxa paz dentro dos teus muros,

seguranza dentro dos teus pazos.

 

Por mor de meus irmáns e compañeiros,

direi: "A paz contigo".

Por mor da casa do Señor, o noso Deus,

desexo para ti todo ben.

 


 

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO ÓS ROMANOS

Segunda Lectura          Rom 13, 11-14a

A nosa salvación está xa máis cerca

 

Irmáns:

Sabedores do tempo de salvación no que estamos,  xa é hora de que espertedes do sono, pois agora a salvación xa está máis cerca de nós que cando empezamos a crer. A noite vai andada, e o día está a chegar: rexeitémos obras das tebras e vistámos armas da luz.

Como en pleno día, camiñemos decentemente, nada de lupandas nin borracheiras, nada de obscenidades nin libertinaxe, nada de liortas nin envexas.

En lugar diso vestídevos do Señor Xesús Cristo, e non lles fagades caso ós baixos apetitos.


                       Palabra do Señor

 

 

ALELUIA    Sal 84, 8

Se non se canta, pódese omitir.

 

Aleluia, aleluia.

Amósanos, Señor, a túa misericordia,

e dáno túa salvación.

Aleluia.

 

 

 

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Evanxeo           Mt 24, 37-44

Vixiade para estardes preparados

 

Naquel tempo, díxolles Xesús ós seus discípulos:

- Coma nos tempos de Noé, así pasará cando veña o Fillo do Home. Antes do diluvio comían, bebían e casaban ata o día que Noé entrou na arca; e de nada se decataron ata que veu o diluvio, e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do Home. Entón estarán dous homes no agro; levarán a un e deixarán o outro. Estarán dúas mulleres moendo no muíño, levarán a unha e deixarán á outra.

Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendédeo ben: se soubese o dono da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén: estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase o Fillo do Home.

   
             Palabra do Señor

Comentarios

Publicacións populares