FICHA E LECTIO: CRISTO REI DO UNIVERSO B

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2

LECTIO:

                                    Rei igualitario

                                    (21. XI. 2021)

 

Con este domingo remata o ano litúrxico, antes de comezarmos unha nova etapa co tempo de Advento. Despois de estarmos no ciclo do chamado “tempo ordinario”, no domingo que vén entraremos xa na nova órbita da festa do Nadal: un novo sol que nos irá quentando pouco a pouco o espírito ata o 25 de decembro.

Remata o ano litúrxico cunha festa englobante, universalizadora: a de Xesús Cristo como Rei do universo. É dicir: rei de toda a creación, desde a máis humilde partícula da materia ata os cumios máis altos de soles e galaxias, sen deixar –claro está- de lado esta nosa humanidade, pasada, presente e vindeira, da que quixo formar parte Xesús, o fillo de Deus, o Rei noso e de canto existe.

En momentos cruciais da súa vida afirmará el a súa realeza, por exemplo no evanxeo de hoxe ante Pilato que lle pregunta sobre ela. “Eu son Rei. Para isto nacín e para isto vin ó mundo, para dar testemuño da verdade” (Xoán 18, 37). De feito, o título de “rei” figurará ben alto na cruz onde el foi crucificado: Xesús Nazareno, rei dos xudeus. Un título que se converterá coa súa morte e resurrección en título universal. É dicir: rei, non só dos xudeus, senón da humanidade toda, de todo o universo, dando así nome á festividade que estamos a celebrar.

Mais, como ben sabemos, a súa realeza é moi distinta das realezas humanas. Por iso non lle compracía que, aínda séndoo en realidade, o considerasen rei ou o tratasen como tal, fuxindo así de calquera pretensión popular humana de o proclamaren rei. El anuncia, polo contrario, unha mensaxe de fraternidade universal, alicerzada non no poder (tal como adoitan facer os reis da terra), senón no servizo. Abonda con lembrar aquelas súas programáticas palabras que tan directamente se opoñen á normal comprensión do status dos reis: “Sabedes que os que figuran como xefes das nacións as asoballan e lles impoñen a súa autoridade. Non ha ser así entre vós. Ó contrario, entre vós o que queira facerse grande ha ser servidor voso, e o que queira ser primeiro ha ser servo de todos; porque tampouco o Fillo do Home veu para que o sirvan, senón para servir e para dar a súa vida en rescate por todos”.

Por iso, dado o aparente fracaso da súa misión, clarificará unha vez máis o sentido do seu reino nas horas previas á súa crucifixión ignominiosa deste modo: “O meu reino non é deste mundo. Se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase ós xudeus. Pero o meu reino non é de aquí”.

Por iso tamén o Prefacio da eucaristía desta festividade describe o seu reino con estas características: “reino de verdade e de vida, reino de santidade e de graza, reino de xustiza, de amor e de paz”. Dito doutra maneira -de modo negativo- para que as palabras anteriores non nos esvaren na mente de tanto telas oído: reino que rexeita a mentira e a morte, o pecado e a fachenda, a inxustiza, o odio e a guerra.

Foi el así rei amigo da vida, rei santo, rei amoroso e pacífico desde o berce do Nadal ata a cruz do venres santo. Os reis magos preguntaban xa en Xerusalén polo “rei dos xudeus” que acababa de nacer. Este título acompañarao así desde o nacemento ata a morte. Un rei, polo tanto, distinto, que nace como pobre entre os pobres e morre flanqueado por dous pobres axustizados. E, malia todo iso, continúa a ser verdadeiro rei, tal como o souberon representar artisticamente algunhas imaxes románicas de Cristo crucificado coa coroa rexia sobre a súa cabeza.

A maioría dos reis actuais -grazas a Deus (poderiamos dicir)- non dispoñen xa do seu antigo poder. De aquí vén aquel dito de que “o rei reina, mais non goberna”. En cambio, de Xesús si podemos dicir non só que é rei e que “reina”, senón que tamén “goberna”, aínda que de xeito moi distinto, claro está, ó dos gobernantes deste mundo. Pola forza do seu Espírito (o Espírito Santo que nos mandou en Pentecoste) el é, si, “distinto” dos demais reis, mais non “distante”. Porque el habita no máis íntimo de nós mesmos, axudándonos, fortalecéndonos, consolándonos, amándonos. Isto si que é verdadeiro, fondo e íntimo “goberno”, un goberno baseado non no poder, senón na suavidade do amor e do interno convencemento e comprensión.

            Neste sentido, cando lle responde a Pilato que si, que el é verdadeiro “rei” e que veu ó mundo para “dar testemuño da verdade”, engade a isto unha frase que a min sempre me chamou moito a atención: “todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz”. Decatádevos, polo tanto, de que o que se precisa non é estar na posesión da verdade, porque a verdade total, absoluta, definitiva, non nos cabe a ninguén na nosa pequena cabeciña. Esa verdade supéranos absolutamente a todos e cada un de nós. Ninguén pode dicir de verdade que el é “a verdade”. Só el o podería dicir de si mesmo e de feito así o dixo: “Eu son o camiño, A VERDADE e a vida”. O que se nos pide é que esteamos “abertos” á verdade. Porque estarmos “abertos” á verdade significa que estamos xa escoitando a súa voz. Unha voz que non se expresa a berros nin de maneira impositiva (á maneira dos reis tradicionais deste mundo), senón na paz e na respectuosa e íntima fraternidade.

            De maneira semellante a aquel marabilloso encontro de Elías na montaña con Deus. Elías aprendeu efectivamente alí a non ver a Deus en relación co “rexo furacán”, co “tremor da terra” ou co “gran lume”. Nestes fenómenos –dísenos no texto do Antigo Testamento- ”non estaba o Señor”. Si estaba el, en troques, no silencio que fala, ou –como se di alí no mesmo texto- no “murmurio dunha airexadiña suave”. Como esa suave brisa que pode virnos do mar despois do solpor dun bo día de verán.

Este -e non outro- é o estilo, a marca, da realeza do noso Rei do Universo.


Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/xesus-cristo-rei-do-universo-b-xoan-1833-37/



Comentarios

Publicacións populares