DOMINGO XXXII ORDINARIO - ciclo B


Primeira Lectura   1 Re 17, 10-16

A viúva fixo un pequeno pan coa pouca fariña que tiña e deullo a Elías

LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS


            Naqueles días, foi o profeta Elías a Sarepta e, ao entrar pola porta da cidade, viu alí unha muller viúva que estaba xuntando guizos. Elías chamou por ela e díxolle:

            — Fai o favor e vaime por unha pouca auga na xerra para beber.


            Mentres ía ela collerlla, Elías chamouna e díxolle:

            — Tráeme tamén, se podes, na túa man un anaco de pan.


            Ela díxolle:

            — Pola vida do Señor, teu Deus, que non teño pan ningún. Quédame só na artesa unha presa de fariña e unha pinga de aceite na aceiteira. Ves que estou apañando guizos. Irei preparalo para min e para o meu fillo. Comerémolo e despois teremos que morrer.


            Díxolle Elías o texbita:

            — Non teñas medo. Anda e fai como dixeches. Pero primeiro prepara un panciño con iso e tráemo a min. Despois xa prepararás para ti e para teu fillo. Pois isto di o Señor, Deus de Israel:


            “A talla de fariña non se acabará e a aceiteira do aceite non minguará,

            ata o día en que o Señor mande a chuvia á terra”.


            Foi ela facer o que Elías lle dixera. E comeu el, ela e seu fillo, moito tempo, sen que se acabase a fariña da talla nin minguará o aceite na aceiteira, como dixera o Señor por medio de Elías.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus


 


SALMO RESPONSORIAL   Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10

R.: (1)Loa, alma miña, o Señor.

Ou:Aleluia.


O Señor garda por sempre a súa fidelidade;

failles xustiza aos oprimidos

e dálles pan aos famentos.

O Señor libra os cativos.


O Señor abre os ollos dos cegos,

o Señor endereita os dobrados,

o Señor ama os xustos.

O Señor protexe os forasteiros.


O Señor sostén os orfos e as viúvas,

extravía os camiños dos malvados.

O Señor reina eternamente,

o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.

Aleluia.


 


Segunda Lectura   Heb 9, 24-28

Cristo sacrificouse dunha vez para sempre para quitar os pecados de moitos

LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS


            Irmáns:

            Cristo non entrou nun santuario de feitío humano, copia do verdadeiro, senón que entrou no propio ceo, para poder presentarse agora diante do mesmo Deus a favor noso; e non para repetir moitas veces o seu propio sacrificio, como fai o Sumo Sacerdote, que entra cada ano no santuario levando sangue alleo porque, se así for, debería ter sufrido moitas veces desde a creación do mundo; pero agora manifestouse dunha vez para sempre, no derradeiro período da historia, para acabar co pecado polo sacrificio de si mesmo.

            Como o destino de todo home é morrer só unha vez e, a continuación da morte, vén o xuízo, así tamén Cristo, despois que se ofrendou para quitar os pecados, aparecerase por segunda vez, agora sen relación co pecado, para salvar os que o están agardando con ansia.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus


 


ALELUIA   Mt 5, 3

Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.

Ditosos os pobres no espírito

porque deles é o Reino dos Ceos.

Aleluia.


 


Evanxeo   Mc 12, 38-44 (longa)

Esta pobre viúva deu máis ca todos

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS


            Naquel tempo, Xesús ensináballe á xente dicíndolles:

            — Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos e que lles fagan reverencias polas rúas, buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes. E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como merecen.

            Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura. E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. Entón, chamou os seus discípulos e díxolles:

            — Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis ca os ricos todos. Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir.


                                   Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo           


______________________________________________________________________

Ou:41-44 (máis breve)

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

            Naquel tempo, sentado Xesús fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto.

            E moitos ricos botaban con fartura. E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. Entón, chamou os seus discípulos e díxolles:

            — Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis ca os ricos todos. Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza botou todo canto tiña para vivir.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus


 


Comentarios

Publicacións populares