FICHA E LECTIO: Domingo 1 de Advento C

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

 Esperar esperarei...

 (28 novembro 2021)

            Damos comezo hoxe, con este primeiro domingo de Advento, ó novo ano litúrxico, coa vista posta xa na festa do Nadal que celebraremos antes dun mes. O tempo corre e nós con el. E así chegamos ó Advento.

            “Advento” significa vinda, chegada. Irémonos, pois, preparando, neste e nos próximos domingos, para a lembranza comunitaria e festiva da vinda, da chegada onda nós do Deus feito home. Un acontecemento que marca misteriosamente a historia humana toda.

            Ano tras ano, estamos así convidados, impulsados a “esperar”. A esperar sempre. Unha esperanza que ten os seus alicerces nunha fe robusta. A fe nun Deus Pai Todopoderoso –tal como dicimos no Credo- que se nos manifestou en Xesús para a nosa liberación e felicidade.

            Porque esta nosa esperanza renovada na manifestación humana de Deus no Nadal é en realidade unha esperanza que está previamente apoiada e alicerzada no feito mesmo de que Deus está xa desde sempre connosco, onda nós.

            O Deus do Advento non é polo tanto só un Deus futuro, un Deus que virá. É conxuntamente un Deus que veu, que vén e que virá. Un Deus que é, ó mesmo tempo, pasado, presente e futuro.

            Pasado, porque des que o mundo é mundo e des que existe a humanidade alí está xa Deus, construíndonos, dándonos vida e agarimándonos. Nel estamos todos desde sempre, tal e como nolo comenta o apóstolo Paulo cando nos di: “vivimos, movémonos e existimos en Deus”. Deus é así desde sempre polo tanto o facedor e sustentador de todo. Del procede e nel está desde sempre a humanidade toda.

            Pero é que ademais o acontecemento histórico do Deus que se encarnou e que puxo, como se nos di no evanxeo de Xoán, “a súa tenda entre nós” ocorreu hai xa máis de dous mil anos. Fíxose el dende aquela un de nós, un coma nós. Desde entón e para sempre veu Deus onda nós e emparentou, por dicilo así, con todos e cada un dos seres humanos e de maneira especial (por seren máis semellantes a el) cos humildes, necesitados e marxinados.

            De xeito que neste sentido a Deus non o deberiamos esperar coma se el non tivese estado xa antes onda nós. Mais este Deus que veu xa onda nós, segue a vir, está vindo onda nós acotío, en cada intre concreto da nosa vida. Está sempre presente na nosa interioridade, na nosa propia conciencia, mais tamén no noso exterior, nas persoas coas que un día e outro nos atopamos sexa de maneira esperada ou imprevista. Lembremos aquel dito de Xesús: “Eu estarei convosco ata a fin do mundo” . Ou aqueloutro: “Onde dous ou tres están reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles”.

            Por iso, cando a Igrexa nos convida neste tempo de Advento a esperar, faino sabendo que é o Deus que desde sempre está connosco o que nos dá as forzas e a graza para podermos así ter azos para esperalo. Esperar a súa repetida chegada, porque nunca seremos capaces de recibir a Deus en toda a súa grandeza, absolutamente infinita.

            Deus non é nunca algo así coma unha lección que se aprende dunha vez no cole e sobre a que xa non precisariamos volver. El é sempre algo que nin nesta vida nin na vindeira chegaremos a comprender plenamente. Para iso teriamos que ser nós mesmos absolutamente infinitos, é dicir, coma Deus. E isto é imposíbel.

            Por iso, para nós, El está sempre a chegar. As nosas alforxas deberían estar en todo intre repletas de esperanza. Unha esperanza que é ela mesma un inmenso e prezado galano, un inconcibíbel agasallo, que el mesmo nos dá para podermos estar así en disposición de recibilo.

            Así pois, e de maneira especial neste tempo de Advento, deberiamos repetir a invocación que comunitariamente proclamamos na Eucaristía: “Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. Ven, Señor Xesús!”.

            Este desexo e petición de que Xesús veña a todos e cada un de nós, a toda a humanidade e de xeito preferente ós máis necesitados da súa axuda e do seu consolo é o lema que debería presidir todo este tempo de Advento que hoxe comezamos.

            Un desexo de que o Deus que se fai un de nós no Nadal se converta en pensamento ardente e concreta vida práctica en todos. Porque a súa vinda onda nós no Nadal, participando así en todo da nosa humanidade, é un acontecemento que, por ben sabido e aceptado que sexa, non deixará nunca de nos sorprender por pouco que nel pensemos. Por iso toda preparación vén sendo cativa, todo “advento” queda curto  en relación cun acontecemento tan inimaxinábel e incríbel.

            Por outra parte, a liturxia deste Domingo I de Advento relaciona a próxima vinda de Xesús no Nadal coa súa vinda ó final dos tempos e da historia. Dinos efectivamente Lucas, en referencia a esta derradeira vinda de Xesús, que deberiamos poñernos de pé entón e erguer ben a cabeza “porque chega o día da nosa liberación”. Pois ben, esta liberación empeza xa na festa do próximo Nadal, á que desde agora nos iremos preparando.

            Tódalas vindas de Xesús son liberadoras, porque nos traen sempre boas noticias, boas novas. O Evanxeo é xa por definición “boa nova”. Por que? Porque nos ofrece futuro, un futuro aberto e esperanzado. Non podería un recibir peor noticia ca aquela na que se lle anunciara que un “non ten futuro”, que non hai nada que facer nin que esperar... No evanxeo non hai nada que se poida parecer a este tipo de desalentadoras noticias.

            Deámoslle, pois, hoxe grazas a este Deus que vén, que está sempre a vir. Porque nos ofrece futuro, porque nos dá esperanza.

            Por iso quero engadir aínda que a mellor maneira de practicar este espírito de agradecida “esperanza”, específico do Advento, é xustamente levarmos á práctica o que a vinda de Xesús nos anunciará e nos porá diante dos ollos, é dicir, o exercicio consciente e constante dunha irmandade verdadeira e real entre todos en canto irmáns dese Xesús que no Nadal se converterá para sempre en verdadeiro e querido irmán noso.

 

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/1-advento-c-lucas-2125-28-34-36-3/


Comentarios

Publicacións populares