1º DOMINGO DE ADVENTO - CICLO C
Primeira Lectura Xer 33, 14-16
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XEREMÍAS
Farei abrollar na casa de David un xermolo de xustiza
Velaquí os días -é o Señor quen fala-
nos que cumprirei a promesa
que lles fixen á casa de Israel e á casa de Xudá.
Nos días aqueles e no intre aquel
farei abrollar de David un xermolo lexítimo,
que practicará o dereito e a xustiza no país.
Nos días aqueles salvarase Xudá,
e Xerusalén descansará na seguridade,
e este lugar chamarase: "Señor, nosa xustiza!".
Palabra do Señor R/ Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 24, 4bc-5ab. 8-9. 10 e 14
R/. (1b): A Ti, Señor, elevo a miña alma.
Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador.
O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño AOS pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño AOS pobres.
Os camiños do Señor son todos misericordia e lealdade,
para os que gardan a súa alianza e os seus preceptos.
É grande a confianza do Señor cos que o temen,
e maniféstalles a súa alianza.
Segunda Lectura 1 Tes 3, 12 -- 4, 2
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS TESALONICENSES
Que o Señor afinque os vosos corazóns cando veña o Cristo
Irmáns:
Que o Señor vos faga medrar no amor duns cos outros e con todos, ata rebordar, como nos pasa a nós respecto de vós. Que El afinque os vosos corazóns nunha santidade sen falla diante de Deus, noso Pai, cando veña o noso Señor Xesús con todos os seus santos.
Polo demais, irmáns, pedímosvos con insistencia como cristiáns que, xa que aprendestes de nós como cómpre andar para contentar o Señor, que sigades así e que progresedes aínda máis.
Porque ben sabedes que instruccións vos temos dado de parte do Señor Xesús.
Palabra do Señor R/ Grazas a Deus
ALELUIA Sal 84, 8
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Amósanos, Señor, a túa misericordia,
e dános a túa salvación.
Aleluia.
Evanxeo Lc 21, 25-28. 34-36
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Está a chegar xa a vosa salvación
Naquel tempo, díxoles Xesús ós seus discípulos:
- Haberá sinais no sol, na lúa e nas estrelas; e na terra as nacións tremerán coa angustia diante do bruar do mar e das ondas; os homes morrerán cheos de medo e de desacougo, polo que virá enriba do mundo, pois mesmo os astros abalarán. Entón verán o Fillo do Home vir sobre unha nube con grande poder e gloria.
Pero cando empece a suceder todo isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación.
Tende conta de vós mesmos; non sexa que vos atordoedes na borracheira, na libertinaxe e nas preocupacións da vida, e de súpeto caia sobre vós aquel día; porque caerá como un lazo sobre todos os que habitan a terra. Vós vixiade sempre, e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir, e comparecer así seguros diante do Fillo do Home.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario