FICHA E LECTIO: Domingo 4º de Pascua B
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
A
felicidade de se dar
(25.
IV.2021)
Estamos
en tempo pascual: tempo litúrxico de alegría, de resurrección.
Existen
diversas enquisas e comentarios sobre que tipo de persoas semellan sentirse
máis felices no seu propio quefacer. Chamoume a atención ler concretamente,
nalgún destes traballos, que en comparanza con outras profesións ou actividades
hai unha boa proporción de sacerdotes que se senten moi felices na súa
actividade. E a explicación que alí se dá é a de que a eles lles fai felices
axudar os demais. Isto viría darlle a razón ó coñecido dito de que é máis feliz
quen dá ca quen recibe.
Nun
dos Congresos Internacionais sobre o tema da felicidade falaron por exemplo,
entre outros, un monxe budista, de orixe francesa, que era considerado como o
“home máis feliz do mundo”. Tamén falou nesa reunión unha monxa contemplativa
católica. As dúas persoas coincidían en que a felicidade, por moi persoal que
sexa, non é un asunto individual, senón comunitario, social, compartido. Non se
pode ser feliz pechándose un en si mesmo, na súa propia pel coma quen di,
pensando que dese xeito un se vería libre dos perigos que ameazan a felicidade.
Polo contrario, para ser feliz hai que saírse máis ben do propio “eu”, do
propio egoísmo, e facer ben ós demais, ós
que poden precisar da axuda dun. A aludida monxa contemplativa dicía por
exemplo: “Calquera que ame e se sente amado é feliz”.
Pois
ben, todo isto ten que ver con algo moi central na experiencia cristiá, onde
tan decisivo é o mandato do “amor”: do amor ó próximo. ¿Por que é e debe ser
tan central isto no cristianismo? Pois porque iso foi Xesús: plena entrega ós
seus irmáns, os homes e mulleres do mundo concreto en que el viviu. Foi desa
maneira e non doutra como Deus Pai quixo revelársenos a si mesmo.
O
texto do evanxeo de hoxe é un verdadeiro canto a este modo de se comportar.
Xesús enténdese a si mesmo como “bo pastor”: “Eu son o bo pastor”. O acento hai
que poñelo aquí nesas dúas letras que forman a palabra “bo”. Porque ser “bo”
pastor significa, segundo o relato de Xoán, non se pechar en si mesmo, nos seus
propios intereses ou ganancias, senón coidar das ovellas das que se é pastor. O
bo pastor arrisca a súa vida, se é necesario, por salvar a vida das ovellas.
Non polo interese que elas teñan para el, senón por si mesmas, porque as quere,
porque as coñece polo seu nome, porque sabe cómo cada unha delas é e porque
está moi ó tanto dos coidados que precisan.
Non
é nada estraño neste sentido que o papa Francisco comentase algunha vez que os
evanxelizadores deberían ter “olor a ovella”. “A comunidade evanxelizadora
–dinos el- métese con obras e xestos na vida cotiá dos demais, achica
distancias, abáixase ata a humillación se é necesario e asume a vida humana,
tocando a carne sufrinte de Cristo no pobo. Os evanxelizadores teñen así ‘olor
a ovella’ e estas escoitan a súa voz”. Un “olor a ovella” que para Francisco
vén sendo sinónimo de “olor a evanxeo”.
Pois
ben, no relato de Xoán –un lindo relato- están moi unidos coñecemento e amor.
Non se pode amar sen coñecer e non se pode coñecer sen amar. Mais Xoán refire
aquí o discurso de Xesús ós fariseos cunha fondura incríbel. Porque o amor que
o bo pastor, é dicir Xesús, lles ten ás súas ovellas é un amor que ten que ver
co coñecemento e co amor cos que o Deus Pai e o seu Fillo Xesús se coñecen e se
aman mutuamente: “O Pai coñéceme a min e eu coñezo o Pai”. Este amor ten que
ver, polo tanto, coa mesma Trindade de Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito,
que é o centro mesmo da concepción cristiá de Deus.
Falamos
con frecuencia da gran felicidade que pode haber e hai en moitas familias: onde
pai e nai se queren mutuamente e queren tamén os seus fillos e estes queren
pola súa parte tamén os seus pais. E digo eu: Deus non podería ser modelo e
fonte deste tipo de amor se el fose en si mesmo unha persoa pechada en si mesma
e sen posibilidade de se relacionar con ninguén igual a si mesmo. Pois ben, o
Deus que se nos revela por medio de Xesús é un Deus misteriosamente un e trino:
poderiamos dicir que é unha verdadeira familia, a familia primordial da que
procede toda familia humana e todo amor sobre a terra.
Mais
case o máis grande é aínda o seguinte. Todos nós, toda a humanidade, estamos
chamados a formarmos parte desta primeira e felicísima familia divina do Pai,
do Fillo e do Espírito Santo. Recórdanolo Xoán na Segunda Lectura. Dísenos alí:
“Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo
de verdade”. Este “sérmolo de verdade” e desde logo moita cousa. Algo que en
principio semella imposíbel. Mais isto quere dicir que a humanidade toda, toda
a gran familia humana, está chamada a se integrar na familia máis grande e máis
feliz que imaxinar se pode: a familia -digámolo así- trinitaria, qué é Deus
mesmo.
Un
misterio que non nos pode caber na cabeza, mais que debería dirixir toda a nosa
vida e a nosa relación con cantos nos atopemos neste mundo. Porque o noso
destino é moi grande, inconcibíbel. Xoán non deixa de se referir ás
perspectivas grandiosas deste destino, que foi posibilitado para nós grazas ó
Deus que en Xesús se fixo irmán noso: “Meus amigos –segue a insistir Xoán- xa
somos fillos de Deus, mais aínda non está á vista o que seremos; sabemos que
cando Xesús apareza, nós seremos coma el, xa que o veremos tal e como é”.
O
tempo pascual é, pois, un tempo para “soñar”, para crer que son e que serán
realidade acontecementos que só semellan pertencer ó mundo dos soños. Mais
temos dereito a soñar, porque a grandeza do Deus no que cremos e o amor que nos
ten son moito meirandes ca tódolos nosos soños, por altos ou imposíbeis que nos
parezan.
Quen
podería soñar que ese Xesús que morre entre dous ladróns se ía converter,
resucitado, na clave de toda a historia humana e do noso destino?
Pois
a nosa fe pascual apréndenos e ínstanos a confesar que si, que ese non é un
soño, senón a feliz realidade que Deus mesmo construíu para nós. Podemos por
iso dicir e cantar con alegría: Aleluia!! É dicir: Loado sexa Deus!!
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/4-pascua-b-xoan-1011-18-2/
Comentarios
Publicar un comentario