DOMINGO II DE PASCUA - ciclo B


Primeira Lectura   Feit 4, 32-35

Un só corazón e unha soa alma

LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS


            A comunidade dos crentes tiña un só corazón e unha soa alma, e ninguén consideraba como seu o que posuía, senón que todas as cousas eran comúns.

            Os apóstolos, con gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e todos eles eran ben considerados.

            Non había entre eles ningún necesitado porque todos os que tiñan bens ou casas vendíanos, levaban os cartos e depositábanos aos pés dos apóstolos, que repartían a cadaquén segundo precisaba.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus


 


SALMO RESPONSORIAL   Sal 117, 2-4. 16ab-18. 22-24

R.: (1)Loade o Señor, porque é bo, porque é para sempre a súa misericordia.

Ou:Aleluia.


Que o diga a casa de Israel,

é para sempre a súa misericordia.

Que o diga a casa de Aharón,

é para sempre a súa misericordia.

Que o digan os que temen o Señor,

é para sempre a súa misericordia.


A destra do Señor é excelsa,

a destra do Señor fixo proezas.

Non hei morrer, vou vivir

e pregoar os feitos do Señor.

Castigoume o Señor, castigoume,

mais non me entregou á morte.


A pedra que os canteiros desbotaron,

esa mesma, converteuse en esquinal.

Foi o Señor quen o fixo,

unha marabilla á nosa vista.

Este é o día no que o Señor actuou,

alegrémonos nel e relouquemos.




Segunda Lectura   1 Xn 5, 1-6

Canto nace de Deus vence o mundo

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN


            Irmáns benqueridos:


            Todos cantos cren que Xesús é o Mesías, naceron de Deus; e quen ama o que xera, ama tamén a quen aquel xerou. Sabemos que amamos os fillos de Deus, se amamos a Deus e cumprimos cos seus mandamentos.

            Porque o amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados, porque nacer de Deus permítenos vencer o mundo. E esta é a vitoria que derrota o mundo, a nosa fe.

            Porque quen é o que derrota o mundo senón o que cre que Xesús é o Fillo de Deus?

            O que veu con auga e sangue foi el, Xesús Cristo; non veu con auga só, senón con auga e con sangue.

            E o Espírito é quen dá testemuño, xa que o Espírito é a Verdade.


                        Palabra do Señor                                         R.: Grazas a Deus

 


ALELUIA   Xn 20, 29

Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, aleluia.

Porque me viches, Tomé, tes fe, di o Señor;

ditosos os que creron sen veren.

Aleluia.



Evanxeo   Xn 20, 19-31

Pasados oito días, veu Xesús

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN


            Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:

            — A paz sexa convosco.


            Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse ao veren o Señor. El díxolles outra vez:

            — A paz sexa convosco; coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.


            E, dito isto, alentou sobre eles e díxolles:

            — Recibide o Espírito Santo, a quen lles perdoedes os pecados quedaranlles perdoados e a quen llelos reteñades quedaranlles retidos.


            Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús.          


            Dicíanlle entón os outros discípulos:

            — Vimos o Señor.


            Pero el contestoulles:

            — Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo, como non meta a miña man no seu costado, non crerei.


            Oito días despois, estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:

            — A paz sexa convosco.


            Despois díxolle a Tomé:

            — Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans, trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.


            Tomé respondeulle:

            — Meu Señor e meu Deus!


            Xesús díxolle:

            — Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!


            Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel.


                        Palabra do Señor                                         R.: Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares