FICHA E LECTIO: 3º Domingo de Pascua B
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Descoñecido
e íntimo acompañante
(18.
IV. 1921)
A
extraordinaria nova da resurrección de Xesús, que estamos a celebrar e a
lembrar comunitariamente estes días, é loxicamente algo sobre o que a liturxia,
as lecturas e as diversas aclamacións que recitamos volven unha e outra vez.
Os
textos dos evanxeos fálannos de que foron moitos e diversos os modos de se
facer presente o Xesús resucitado ós apóstolos e ós demais discípulos. En todas
esas experiencias pascuais, cargadas de alegría e de esperanza para os seguidores
de Xesús e para cantos cren e crerán nel, dáse algo do que se pode dicir que vén
sendo común denominador de todas elas. Trátase de experiencias fondas e
transformadoras que conmoven os que concreta e particularmente as experimentan,
pero que teñen, alén diso, un carácter comunitario e universal. Refírome a que
teñen unha finalidade non só individual e particular, senón xeral. Realízanse
en función de todo o pequeno grupo cristián de entón, de cantos viñemos despois
e dos que veñan ó mundo despois de nós.
A
resurrección de Xesús é neste sentido unha nova que concirne toda a humanidade,
porque en Xesús resucitado Deus Pai destinou toda ela a unha vida para sempre, alén
da morte. Os cristián estamos así chamados a encher o mundo da esperanza de
vida que del nos vén.
Iso
é o que fan os apóstolos e discípulos ó teren a experiencia do Resucitado. Dese
modo actúan as mulleres que foran moi cedo onda o sepulcro do Señor. Realizan
axiña o camiño de volta para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do Señor.
Algo semellante fan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente
as aparicións, as experiencias, do Señor resucitado que van sucesivamente
ocorrendo. Ó longo dos tempos e dos séculos recibimos tamén outras persoas, a
través do anuncio do evanxeo, esta grande e boa nova da resurrección de Xesús
e, consecuentemente, da resurrección que nos espera a todos.
Por
iso tódolos que fomos destinatarios desta gran nova anunciámola, coa nosa
palabra e cos nosos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos hoxe en
día ou non saben dela ou non son capaces de creren nela quizais incluso por esta
nova da resurrección resultar algo tan incríbel e marabilloso. Tiña que ser ela
algo así xustamente por proceder de Deus, que é sempre meirande ca canto sobre
el maxinamos.
No
comezo do texto do evanxeo de hoxe fálasenos de que os discípulos de Emaús andaron
axiña o camiño de volta tras descubriren abraiados que aquel descoñecido que se
lles xuntara no camiño era o propio Xesús. Tiñan que comunicárllelo canto antes
ós demais apóstolos e discípulos. Eles marcharan, abatidos e desconsolados
trala paixón e crucifixión do seu Mestre, cara á súa aldea natal para
continuaren alí coa súa acostumada vida anterior. Mais tras teren experimentado
Xesús resucitado no seu camiño cara a Emaús non o pensan dúas veces. No canto de
se deitaren para acougar algo da camiñada feita, tal como pouco antes llo
aconsellaran eles mesmos ó seu misterioso acompañante (pois era xa noite ou
case de noite), o que eles agora fan -tal como se nos conta - é “levantarse
axiña e volver a Xerusalén”. Para que? Pois para comunicárllelo, o máis cedo
posíbel, ós outros compañeiros. As experiencias de Xesús non se poden enlatar
coma sardiñas no interior recuncho de cada quen. Recíbense pra as comunicar e
así outros poderen tamén alegrarse con novas tan inimaxinábeis. Como comenta
Lucas, “eles contaron, ós once apóstolos, o que lles pasara polo camiño e como
o recoñeceran no partir o pan”.
Dísenos
tamén no relato de Lucas que, xustamente cando os discípulos de Emaús facían
partícipes ós seus compañeiros do que lles acontecera no camiño, o mesmo Xesús se
fixera presente a todos conxuntamente, quentando así aínda máis os seus
corazóns e fortalecendo a súa aínda feble fe na resurrección. Apórtalles así
tranquilidade e consolo ós seus corazóns angustiados e temerosos ofrecéndolles
a súa paz: “A paz sexa convosco!”. Esvaécenselles así as néboas das súas
dúbidas e dos seus medos. Deste xeito, experimentan que todo é graza, forte e
bondadosa iniciativa do Deus que se lles manifesta en Xesús. Deus é sempre o
que dá inicio á súa obra en nós e o que a sostén e mantén. Nós só temos que
estar incondicionalmente abertos a que el faga de nós e connosco o que queira.
O
Deus de Xesús é, pois, sempre aquel que quere estar connosco. Antes de que se
nos poida ocorrer que tal cousa é posíbel. Por iso é tamén aquí Xesús o que se
auto-convida, o que toma a iniciativa, para departir amigabelmente con eles:
“Tedes por aí algo que comer?”. A nosa conversa con el é sempre posterior ou
consecuente. Está sostida e posibilitada pola anterior iniciativa de Deus.
Cando un neno, en presenza dos seus pais, lle dá as grazas a un descoñecido
amigo da familia que lle ofrece un pequeno agasallo, está a recoñecer coa súa
palabra “grazas” que foi ese descoñecido amigo, a graza ou bondade dese
descoñecido amigo, a que iniciou tan fermosa e agarimosa acción con el, co cativo
neno que de por si nada pode esixir.
Por
iso a nosa dominical eucaristía, que é unha comunitaria lembranza da morte e
resurrección de Xesús, ten tamén sempre a estrutura dun banquete, dun xantar,
no que Xesús non só se fai presente entre nós como quen nos convida á mesa,
senón incluso como aquilo mesmo que comemos e bebemos. Tan fondo e misterioso é
ese seu desexo de se unir a nós.
En
realidade é ese íntimo encontro do Xesús resucitado connosco o que
verdadeiramente nos resucita, o que nos une ó corpo e á vida de Cristo e nos
converte así xa neste mundo, dalgunha maneira, en resucitados.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/3-pascua-b-lucas-2435-48-4/
Comentarios
Publicar un comentario