III Domingo de Pascua - ciclo B
Primeira Lectura Feit 3, 13-15. 17-19
Matastes o autor da vida, a quen Deus resucitou de entre os mortos
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Naqueles días, díxolle Pedro ao pobo:
O Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob, o Deus de nosos pais, glorificou o seu servo Xesús, a quen vós entregastes e negastes diante de Pilato, cando este estaba decidido a deixalo en liberdade.
Pero vós rexeitastes o Santo e o Xusto; pedistes que indultasen un asasino, mentres que matastes o dono da vida, a quen Deus resucitou de entre os mortos. Disto nós somos testemuñas.
Xa sei, irmáns, que obrastes por ignorancia, como tamén as vosas autoridades, pero Deus cumpriu así o que anunciara por boca dos profetas, que o seu Cristo padecería. Arrepentídevos, logo, e convertédevos para que se borren os vosos pecados.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 4, 2. 4. 7. 9
R.: (7a) Fai brillar sobre nós, Señor, a luz do teu rostro.
Ou: Aleluia.
Cando te invoco, respóndeme,
meu Deus, meu defensor;
na estreiteza ti déchesme fartura;
apiádate de min e escoita a miña oración.
Recoñecede que o Señor enalteceu o seu amigo,
que o Señor me responde cando o chamo.
Moitos din: “Quen nos amosará a felicidade,
se fuxiu de nós, Señor, a luz do teu rostro?”.
Déitome en paz e logo adormezo,
porque só ti, Señor, me dás seguridade.
Segunda Lectura 1 Xn 2, 1-5a
El é propiciación polos nosos pecados e polos de todo o mundo
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non pequedes; pero, se algún peca, temos quen nos defenda diante do Pai, Xesús Cristo, o xusto. El é quen expía os nosos pecados, e non só os nosos, senón tamén os de todo o mundo.
Sabemos que o coñecemos de verdade polo feito de que cumprimos cos seus mandamentos. O que di: “Eu coñézoo”, pero non cumpre cos seus mandamentos, é un mentireiro e non ten en si a verdade revelada.
Quen garda a súa Palabra, nel o amor de Deus chega de verdade ao máximo.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Lc 24, 32
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Señor Xesús, descúbrenos o sentido das Escrituras;
fai arder o noso corazón mentres nos falas.
Aleluia.
Evanxeo Lc 24, 35-48
Tal está escrito, que Cristo ha padecer e resucitar de entre os mortos ao terceiro día
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel tempo, os discípulos de Xesús que volveron de Emaús contaron o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan.
Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles Xesús no medio e díxolles:
— A paz sexa convosco!
Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito. Pero el díxolles:
— Por que estades asustados, e a que veñen esas dúbidas? Mirade para as miñas mans e para os meus pés, sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.
E, dicindo isto, mostroulles as mans e mais os pés. Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer. Xesús preguntoulles:
— Tedes por aí algo que comer?
Déronlle un anaco de peixe asado. El colleuno e comeuno diante deles. Logo díxolles:
— A isto me referíaeu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e mais nos Salmos acerca de min.
E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. E engadiu:
— Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario