DOMINGO 5 DE CORESMA - CICLO A

 Oracional Galego en Spotify 

Homilía domingo V Coresma

22 marzo 2026

            No próximo domingo, ode Ramos, entramos xa na Semana Santa. E semella que a liturxia ten présa para nos anunciar o que vai vir despois da treboada da Paixón de Xesús para nos dicir que sempre hai –sempre- detrás de todo e pese a todo, Resurrección.A resurrección de Lázaro é prenuncio da  resurrección de Xesús e tamén da nosa. Algo que os cristiáns deberiamos proclamar ós catro ventos con toda a nosa forza.O relato da resurrección de Lázaro é realmente impresionante por moitas veces que un o lea ou escoite. Mais é tamén unha maneira de facérsenos comprensíbel o porqué da Resurrección de Xesús e o porqué tamén da nosa. Agora ben, a resurrección de Lázaro é moi diferente da resurrección de Xesús ou da vindeira nosa. Por que? Porque Xesús resucita Lázaro a unha vida que sería máis ou menos coma a que tivera antes.Esta resurreccióné só unha pequena mostra do que será a verdadeira resurrección nosa, definitiva e para sempre.

            Pola miña parte, adoito comentar, co gallo de misas de defuntos ou nos cabodanos, que se se suman estas tres “cantidades” (para o dicir dalgunha maneira) -Deus,o seu poder e mailo seu amor- entón o resultado destes tres sumandos é igual a: resurrección. Pois ben, sobre o poder de Deus non fai falla falar moito. Nós cremos que El é o creador de todo canto existe, sen que antes houbese absolutamente nada, ningún material, que lle puidese axudar ou valer para servirse del e facelo. Así o dicimos sempre no comezo do “Credo”: “Cremos nun só Deus, Pai todopoderoso, creador do ceo e maila terra”. Ese poder infinito é o que se manifesta dalgunha maneira no seu Fillo cando no texto de Xoán se nos di que Xesús, ante a sepultura de Lázaro, “berrou con voz forte: Lázaro, ven para fóra!”. Con voz forte, poderosa, de quen sabe que ninguén, nada, pode escapar á súa forza, á súa omnipotencia.No que se refire ó amor de Deus para connosco, tampouco precisamos estendernos moito. Deus quérenos de verdade, infinitamente máis do que podemos amar nós unha persoa. Xesús falou sempre do seu Pai Deus como Pai tamén noso. Xesús é así, pola súa parte, o noso irmán maior.

            Agora ben, cómpre aludir neste contexto a algo que dicía o filósofo francés Gabriel Marcel: “amar unha persoa -di el- é dicirlle ‘ti, ti  non morrerás endexamais’”. Isto sabémolo todos ben. Cando de verdade queremos unha persoa (pai, nai, esposa, esposo, filla, fillo, noivo, noiva etc.), fáisenos dificilmente aturábel, case impensábel, que esa persoa poida morrer, que vaia morrer. Amar leva consigo, pois, que a persoa querida sexa considerada por nós en certo modo como algo inmortal, como alguén que non pode morrer, que non debería morrer. E se, a pesar de todo, morrese e tivésemos o poder para lle devolver a vida, fariámolo decontado. Resucitámolo e punto.

            Lembremos agora o texto da resurrección de Lázaro. Que ocorre alí? A familia de Lázaro é unha familia especialmente querida por Xesús, que pola súa parte é tamén moi querido e aceptado polos membros desa familia. Onda a sepultura de Lázaro atópanse, pois, Lázaro, que leva varios días morto, as súas dúas irmás, Xesús e maila xente que os acompañaba. Mais Xesús éo verdadeiro centro do que alí está a ocorrer. Nel habita toda a divindade do Pai, todo o seu poder e todo o seu amor. Fagamos agora a operación da suma (é unha maneira de falar). Temos os tres sumandos: Deus, poder e mais amor. O resultado desta suma é: resurrección de Lázaro. Se “amar” é, segundo Gabriel Marcel, “dicirlle a un: ti non morrerás nunca”, o resultado é resurrección.

            Como Deus é Deus e, xa que logo, ama e pode infinitamente, por iso fainos, faranos, vivir para sempre, alén do realizadocon Lázaro. O que ocorreu con el foi só un sinal para nós do queocorrerá para sempre. Como vai permitir Deus que morramos para sempre os que el quere, tendo poder para darnos vida e para sempre?Pois ben, o amor de Xesús a Lázaro é algo que está alí presente á maneira dunha música de fondo. As irmás mándanlle con tempo o recado a Xesús: “Señor, mira, o que amas está enfermo”. Xoán engade aínda: “Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela e mais a Lázaro”. O mesmo Xesúscomunícalles ós apóstolos: “Lázaro, o noso amigo, dorme”. Dísenos tamén que Xesús “se botou a chorar” (!) ante a súa sepultura. E a xente que estaba alí interpretou correctamente as súas bágoas como un sinal do moito que o quería. “Hai que ver como o quería!”, comentaban.

            Agora podemos dalgún xeito entender como, cando se xuntan o poder de Deus e o seu amor a nós, o resultado é a incríbel nova da Resurrección, moito máis marabillosa e grandiosa aínda ca a recibida por Lázaro.

Manuel Cabada Castro

 

Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025).

SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal).    Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).

 

 VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/5-coresma-a-xoan-111-45-3/



CORESMA A




Comentarios

Publicacións populares