DOMINGO 3 DE CORESMA - CICLO A

 Oracional Galego en Spotify 

DOMINGO III CORESMA

8 marzo 2026

            Na medida en que o tempo de Coresma avanza teriamos que irnos renovando ó seu ritmo. A lectura do encontro de Xesús coa samaritana, descrito por Xoán, é unha verdadeira marabilla pola súa sinxeleza e pola fondura do seu contido. Sérvenos ademais para afondar na grandeza da mensaxe de Xesús. Pois ben, se no comezo da Coresma se nos pedía que “nos convertamos e creamos no Evanxeo”, é dicir na “boa nova”, teriamos tamén que estar atentos ás novidades que nos trae e que se distinguen de anteriores manifestacións de Deus na historia humana. Tales novidades –estou diso moi convencido- seguen a ser verdadeiramente novas nos tempos de hoxe e seguirano a ser nos vindeiros, porque un acontecemento así veu romper tódolos moldes, incluso os relixiosos. Isto é así pola mesma razón pola que Deus, o Deus absolutamente infinito e inabarcábel, rompe por si mesmo coas pequenas ideas nas que nos gustaría apresalo e así empequenecelo. Na persoa humano-divina de Xesús ofrécenos o Deus absolutamente infinito -o Deus creador de todo canto existe- a doada e gratificante posibilidade de achegármonos a Deus sen utilizarmos vellos ritos ou transitando por vías digamos oficiais, venerábeis ou tradicionalmente admitidas polas diversas culturas. Se isto que comento vos puidera parecer esaxerado ou estraño, velaquí o que lle comenta un cansado e sedento Xesús á muller samaritana, tan oportuna ela para ir a por auga xustamente cando alí estaba a acougar Xesús.

            Polo relato de Xoán sabemos que a muller cambiou de terzo na súa conversa con Xesús cando el lle fixo referencia ós cinco maridos que tivera. El non a condena nin a despreza por iso. Quen sabe se aquela era unha muller consciente de si mesma, con suficiente sentido da súa dignidade e liberdade para non se deixar someter ós autoritarismos e desprezos respecto dela por parte dos sucesivos maridos! Non esquezamos que naqueles tempos a muller estaría culturalmente moito máis discriminada aínda ca hoxe. A benévola actitude de Xesús con ela é a que a lle fai intuír que quen alí fala con ela é alguén moi especial. Coa intuición dunha muller intelixente e coñecedora da vida humana decátase así que alí, onda ela, hai alguén de Deus ou, tal e como ela se expresa, un “profeta”. É xa, pois, o momento axeitado para lle formular a el unha pregunta  directamente “relixiosa”. A pregunta que lle fai  versa sobre o lugar onde está Deus, é dicir, sobre a relixión “verdadeira”. ¿É esta a do xudeu Xesús ou a dela, a dos samaritanos? Unha pregunta que tamén moita xente na nosa época fai ou pode facer ante a presenza á nosa beira de crenzas relixiosas moi diversas. Vese ben tamén que a muller non era tampouco unha “dogmática” respecto da súa propia relixión, senón que tiña as súas dúbidas sobre a lexitimidade do modo concreto de se vincular ela a uns determinados ritos ou lugares de culto.

            Xesús non a vai defraudar. Porque se a samaritana era unha muller amante de liberdade e de verdade, érao El aínda infinitamente máis, ó el ser o fillo “benquerido” dun Deus Pai, que é a liberdade e o amor absolutos. Enche así el o corazón da muller cun espírito de liberdade e de verdade que a converterá en anunciadora ante os seus veciños da gran mensaxe recibida. Vaina así descargar das angustias e atrancos ós que estaba sometida. A resposta que El lle deu hai vinte séculos a esta muller non está aínda suficientemente asimilada nos nosos tempos, incluso entre os que nos chamamos cristiáns e seguidores de Xesús. É unha resposta absolutamente sorprendente, mais totalmente coherente coa fonda e íntima experiencia que o noso Mestre Xesús tiña do seu Pai Deus. Lembremos a case incríbel resposta que lle dá á muller: “Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai... Chega a hora –e velaí- en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran o adoren en espírito e verdade”.

            Con estas inmorredoiras palabras puxo Xesús definitivamente no seu interior á samaritana aquela auga ou -segundo o texto de Xoán- aquela “fonte que salta ata a vida eterna” que ela en realidade estaba sempre a buscar. De modo que un cristián só o é de verdade cando, ó se achegar á súa igrexa habitual para escoitar a mensaxe de Xesús é consciente de que a nosa “adoración” do Deus de Xesús non se restrinxe ou limita a un concreto lugar, senón que  pode ocorrer e ocorre de feito en calquera lugar do mundo, sexa este considerado sagrado ou non. Por que? Pois porque o Deus de Xesús non é o Deus dalgúns, senón o Deus de todos. A Palabra de Deus diríxese sempre a tódalas conciencias en calquera tempo ou lugar. No seo tamén de calquera outra cultura ou relixión.


Manuel Cabada Castro

[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia]

 



 VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/3-coresma-a-xoan-45-42-3/

https://remoldapalabra.blogspot.com/2026/03/3-coresma-2026-a.html



CORESMA A


Comentarios

Publicacións populares