Epifanía do Señor

 Oracional Galego en Spotify 

+ Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

EPIFANÍA DO SEÑOR

6.I.2026

            A escena que tradicionalmente se nos pon á vista na festividade da Epifanía do Señor ten que ver con reis, estrelas e coa alegría dos agasallos de ouro, incenso e mirra que os reis magos lle ofrecen ó Neno Xesús.Eran seguidores dunha estrela da que Mateo nos di que lles daba luz na súa busca da Verdade e da Vida. A busca concretaríase no encontro agarimoso con Xesús, o Emmanuel, o “Deus connosco”. Os Reis veñen ser así símbolo bendito de cantos -humildes ou poderosos- se poñen en camiño para ofreceren os seus dons e o seu agarimo a pobres e necesitados do mundo, representados na pobreza de Xesús e de seus pais. Pois ben sabemos ben que é neles -nos pobres- onde Deus se atopa a gusto e onde el quere que aprendamos a atopalo. É unha lección que non nos resulta doado aprender. No Neno Xesús identifícase Deus cos pobres e cos humildes do mundo enteiro. É, pois, neles onde Deus quere ser servido, querido e agasallado.

            Vede con que forza o papaFrancisco se referiu unha vez a este lugar central que deberían ocupar os pobres no interior da Igrexa: “Quero unha igrexa pobre para os pobres. Eles teñen moito que ensinarnos... É necesario que todos nos deixemos evanxelizar por eles. A nova evanxelización é un convite a recoñecer a forza salvadora das súas vidas e a poñelos no centro do camiño da Igrexa. Estamos chamados a descubrir Cristo neles, a prestarlles a nosa voz nas súas causas, mais tamén a sermos amigos seus, a escoitalos, a interpretalos e a recoller a misteriosa sabedoría que Deus quere comunicarnos a través deles”.

            Volvendo de novo ós Reis Magos, móstrannos eles no seu comportamento que é precisamente neste servizo ó próximo necesitado, representado na pobreza do Neno Xesús, onde se atopa a verdadeira grandeza de cantos dispoñen de bens eriquezas. Eles son só verdadeiramente grandes e poderosos cando saben engrandecer e alegrar cantos carecen de posibilidades para desenvolver con dignidade a súa vida.Por outra parte, non esquezamos que esta decisión -a dos Reis Magos ou tamén a nosa propia e particular decisión- foi ou é unha acción puramente persoal. Sempre é Deus quen dirixe a historia e os acontecementos -aínda que o faga dende o humilde lugar dun presebe-. É sempre elquen de moi diversas maneiras suscita en todos -coma nos Reis Magos- bos pensamentos e desexos. É sempre el quen inspira e atrae cara ó ben, cara ó humilde servizo ós pobres e necesitados do mundo.

            Nos relatos de Nadalos redactores destes acontecementos salvíficosestannos a ofrecer, nunha linguaxe mitolóxica, unha mensaxe moi concreta que suscita e provoca alegría e esperanza. Temos aí diante un Deus salvador, un Deus Pai que se fai irmán de todos en Xesús. A fraternidade entre todos queda deste xeito instaurada no mundo como realidade e como fermoso e esperanzador proxecto a realizar. Un tal anuncio ou destino da humanidade é o contrario do comportamento dun Herodes preocupado pola posibilidade de que o anunciado “rei dos xudeus” o vaia desbancar do seu posto real, da súa privilexiada posición. Porque cando un fai depender a súa vida do propio poder, da propia forza e da propia violencia, verase inevitabelmente tentado a recorrer a toda clase de trampas e artimañas para se manter no seu posto fronte a quen o poida desbancar.

            Este tempo de Nadal é así un tempo forte que convida a converternos en novas criaturas. É, ademais, un tempo que contén unha mensaxe dirixida non só ós cristiáns, senón á humanidade toda. Porque o verdadeiro templo de Xesús é o mundo enteiro e non o pequeno interior das nosas igrexas onde podemos contemplar as variadas  representacións do seu nacemento. Á fin e ó cabo, pagáns eran tamén os Reis Magos que camiñaron cara ó encontro do Neno Xesús para agasallalo cos seus galanos. Por iso o xudeu Paulo, reconvertido en cristián, alude expresamente, na segunda Lectura,  e con grande abraio, ó gran “misterio” de que tamén “os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo”.EsteDeus universal e concreto, aberto a todas e a cada unha das persoas de calquera espazo cultural, de calquera país, de calquera relixión ou de calquera tempo histórico, é o que os seguidores de Xesús temos que lles ofrecer con humildade, agradecemento e alegría a todos, se é que queremos manternos fieis ó noso Mestre.

            Día de Reis é tradicionalmente un día de regalos e ilusións para moitos, sobre todo para os máis pequenos. Fagamos que tódolos días da nosa curta ou longa vida sexan“Día de Reis” para cantos se atopen nalgún momento das súas vidas connosco. Converterémonos así pola nosa parte en verdadeiros e esperados reis magos para os empobrecidos deste noso mundo.


Manuel Cabada Castro

 

 

[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia]


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/epifania-do-senor-a-mateu-21-12-3/

https://remoldapalabra.blogspot.com/2026/01/epifania-2026.html








Comentarios

Publicacións populares