Domingo 3 do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Homilía Domingo III T.O.
25.I.2026
Dende hai algúns anos este domingo terceiro do tempo
litúrxico ordinario leva o nome de “o domingo da palabra”, da palabra de Deus
que é Xesús e da nosa palabra que recibimos e anunciamos con humildade ó mundo
enteiro, a toda a creación.
Así pois, as lecturas fálannossobre todo de Xesús Cristo
como “luz” e como “centro” do seu reino, é dicir, de cantos nos chamamos
cristiáns e de canta persoa existe de boa vontade. No Evanxeo de Xoán (8, 12)
pónsenos en boca de Xesús estas palabras: “Eu son a luz do mundo. Quen me segue
non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida”. O profeta Isaías
anunciara xa dalgunha maneira esta luz, tal como se nos amosa na 1ª Lectura,
cando nos fala de que “o pobo que camiñaba na escuridade viu unha gran luz”.
Nos Evanxeos é moi frecuente, sobre todo no de Lucas, a alusión a Xesús como
“luz”: “Visitaranos o sol que nace do alto, para alumar os que viven en tebras
e na sombra da morte” (Lc 1, 78-79), “luz para alumar as nacións” (Lc 2, 32), etc.
Se El é, pois, luz, entón é el quen aluma e orienta na escuridade. Sabemos ben
que sen luz andamos desnortados. Por iso de noite, se non dispoñemos dalgunha
pequena luz feita por nós, ficamos normalmente na casa ata que volva raiar o rei
sol pola mañá. Cando eu era cativo e aínda non había luz eléctrica na miña
aldea en Terra de Montes, lembro ben o que ocorría cando era de noite. Se algún
veciño nos visitaba entre lusco e fusco e marchaba entrada xa a noite despois
de parolarmos xuntos á calor do lume da lareira, procedía deste xeito: collía
unha acha do lume da lareira e levábaa na man movéndoa dun lado para outro. A
acha facía as veces de pequeno sol pola noite. Deste modo non tropezaba no
camiño ata el chegar á súa casa, momento en que a metía entre as achas no lume
da propia lareira.
Ben sabemos da importancia que o noso sol ten como fonte
de luz, de calor e de vida para canto estáonda nós. Os faros do mar (ese
pequenos soles nocturnos coma o da Torres de Hércules) para iso están: para
orientar os mareantes contra os perigos dun mar embravecido. Agora ben, ser luz
é ser tamén centro de atracción e de conxunción. Como as bolboretas se amorean
de noite arredor da luz, así deberiamos tamén sentir Xesús como foco de
atracción e centro das nosas vidas. Por iso non lle gustaba a Paulo, na súa
carta ós Corintios, que aqueles que recibiran a gran nova de Xesús deixasen
logo de consideralo como o seu verdadeiro e único centro ó diciren uns e outros:
“Eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas, etc.”.
Un seguidor e amigo de Xesús Cristo terá que ser sempre, alén
de comprensibles e inevitábeis diferenzas, un construtor de unidade, de amor e
de paz entre irmás e irmáns. Pois Cristo, tal como di Paulo, tampouco “está
dividido”. El é xustamente quen nos uniu a todos consigo e co Pai, na forza e
no poder do Espírito Santo, formando así entre todos un mesmo corpo, como
tantas veces Paulo nolo repite. Por iso lles pide ós de Corinto que “se axeiten
todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento”.A luz atrae, crea unidade e
amizade. E así o deberon percibir aqueles catro pescadores da ribeira do mar de
Galilea (entre eles o noso Santiago) cando decidiron seguir a quen os convidaba
a seren “pescadores de homes”, deixando barca, redes e pai.
Iso de ser pescador, de mar ou de río, é cousa que vén
sendo case como unha pequena vocación. O famoso frade bieito Martín Sarmiento,
que no século XVIII foi un incríbel defensor da cultura e da lingua galega
desde a súa cela do mosteiro de Madrid, dicía nunha das súas cartas: “Vivindo
en Asturias no ano 1721 ofrecéuseme a ocasión de sospeitar para que profesión
concreta nacera. Quen me crerá? Sospeitei que nacera para ser pescador de cana.
Tanto me gustaba ese exercicio o pouco tempo que a el me dediquei”.Efectivamente,
na tarefa de pescar faise exercicio de esperanza, de paciencia e de ilusión.
De todos modos, os reconvertidos en apóstolos (Pedro,
Andrés, Santiago e Xoán) continuarán a practicar, unha vez convertidos en
“pescadores de homes”, as mesmas virtudes que dalgún xeito xa practicaban. É porén
importante decatármonos de que sempre é Xesús quen chama. Coma o sol. É el quen
ilumina e abre camiño á nova vida daqueles pescadores que agora van ser
reciclados en apóstolos da Boa Nova. A luz é sempre o primeiro: a que abre
novas posibilidades e realidadesós que por ela son iluminados. E Xesús quen sempre
leva a iniciativa. Nós (non só os apóstolos) estamos chamadosó seguimento de
Xesús. Deste xeito poderemos ser tamén luz nun mundo que precisa de persoas que
saiban comunicar a grandeza e a alegría que Deus nos trae a todos no seu Fillo
Xesús. Dicíanolo o papa Francisco na súa grande Exhortación “A alegría do
evanxeo” con frases coma estas: “Con Xesucristo sempre nace e renace a
alegría”.
Manuel Cabada Castro
[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños
aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e
Traballos) - As Edicións doAdro). Ciclos A, B e C. Tres
tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia]
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/3-tempo-ordinario-a-mateu-412-23-3/
FICHAS A



Comentarios
Publicar un comentario