DOMINGO II DE NADAL
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
DOMINGO II DESPOIS DE NADAL
4.I.2026
O
próximo martes, día 6 deste mes de xaneiro é día santo, un día fermoso e cheo
de ilusións como o é tódolos anos a entrañábel festa de Reis a pouco de comezar
o novo ano. Hai só poucos días celebrabamos a festividade de “Santa María Nai
de Deus” co que comezou este ano novo 2026. Por todo isto serei hoxe algo máis
breve, porque o que importa non é o moito oír e falar, aínda que sexa de cousas
tan marabillosas como as que celebramos, senón o moito darlle voltas no noso
interior ás grandezas que Deus fixo e segue a facer connosco. Temos que lle
abrir a Deus Pai as portas do noso interior para que nos fale a todos por medio
do seu Fillo, que é –tal como nos di Xoán no texto do evanxeo de hoxe- a
Palabra, a Palabra de Deus ó mundo, a toda a humanidade.
Por
medio desa palabra de Deus convertémonos en fillos de Deus Pai, a semellanza do
seu fillo benquerido, Xesús. Temos que ir aprendendo a concentrármonos naquilo
que é o esencial ou fundamental da mensaxe cristiá. Unha aprendizaxe que non
pode ser só teórica, senón sobre todo viva e práctica. Nestas festas que
estamos a celebrar no tempo de Nadal hai moita fondura e misterio. É nelas onde
aparece a nosa irmandade con Xesús e, en consecuencia, a nosa relación filial
con Deus Pai. Esta é a estrutura básica da nosa fe. Ese foi e é desde sempre o
plan de Deus Pai connosco.Paulo dínolo na súa carta ós Efesios da segunda
Lectura. En Xesús -coméntanos el- estamos todos “benditos”. Pois foi nel e “por
medio” del, de Xesús, como Deus Pai nos “escolleu” e “predestinou” a todos nós,
“antes da creación do mundo”, para “sermos fillos adoptivos seus”. Isto é algo
que ningún pensamento humano podería sospeitar desde si mesmo se non nos fose
revelado por medio de Xesús, aquel que coñece o seu Pai Deus como o fillo
“benquerido” que se relaciona con el de maneira infinitamente familiar e única.
Xa
que este Deus Pai é para nós absolutamente infinito e nos resulta polo tanto
totalmente imposible poder entendelo e comprendelo, por iso se nos comunica a
través do seu Fillo humanizado, feito home. Un neno, un coma nós, si que o
podemos entender dalgunha maneira, porque participa da nosa común humanidade. É
así como Xesús se converte na Palabra de Deus, sendo esta Palabra tan divina
coma o Pai que a pronuncia. Por iso é tan fondo, tan sublime e, por estraño que
poida parecer, tan doado tamén de entender o que se nos di neste tan famoso
comezo do evanxeo de Xoán que acabamos de proclamar e escoitar.Xesús é a
“palabra” de Deus Pai ó mundo. É Deus mesmo quen nola dirixe. Con iso quedamos todos
nós automaticamente dignificados. Cando un grande -e non pode haber ninguén
meirande ca Deus- lle dirixe a un a súa palabra, fica un ipso facto
transformado. Entra un así nunha relación insospeitada. Pasamos de ser un nada,
un ninguén, á dignidade e grandeza de vérmonos convertidos en “fillos de Deus”.
Podemos dicir que en certo modo nacemos de novo. Xoán dinos que “nacemos” da
“vontade de Deus”. Ó nacermos deste xeito divino, recibimos -continúa a
proclamar Xoán- “o poder de sermos fillos de Deus”.Non desvaloricemos esta
grande mensaxe cristiá: “fillos de Deus”. Non de idéntica maneira a como Xesús
é fillo de Deus, mais somos verdadeiros e auténticos fillos seus.
Por
iso, a gran mensaxe de Xesús como “Palabra” de Deus dirixida a nós e que nos
converte en fillos seus, en fillos de Deus Pai, ten unha enorme capacidade
vivificadora e iluminadora. Pois nesa palabra -dísenos alí- está a “vida”. “Eu
son -diranos Xesús- o camiño, a verdade e A VIDA”. Unha vida que é, ó mesmo
tempo,“luz dos homes”, luz contra a que as tebras nada poden facer. “A Palabra
–dinos Xoán- era a verdadeira luz que aluma todo home que vén a este mundo”.
“Eu son –diranos Xesús- a LUZ do mundo”. Xesús, palabra de Deus Pai ó mundo, é
para Xoán ese novo sol que dá vida e claridade fronte a morte
e escuridade.Por todo isto, Xesús como “palabra” non é unha palabra oca,
baleira, abstracta. É, polo contrario, unha palabra con peso, con contido, con
carne. “A Palabra fíxose carne”, dísenos alí. Da mesma maneira que Deus Pai é
en si mesmo plenitude, riqueza e realidade infinitas, así o é tamén a súa
Palabra. Non podía ser ela doutra forma. Así, por Xesús podemos saber como é
Deus. Este é o resumoda reflexión de Xoán: “A Deus ninguén o viu; o Unixénito,
que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou”.
Deámosllegrazas
a Deus por el ter querido mostrársenos no seu fillo Xesús, aparecendo entre nós
-tal como nos di Xoán- “cheo de graza e de verdade”.
Manuel Cabada Castro
[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños
aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e
Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025).
Distribución: Editorial Galaxia]
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/2-domingo-de-nadal-a-xoan-11-18-2/
https://remoldapalabra.blogspot.com/2026/01/2-nadal-2026.html



Comentarios
Publicar un comentario