Bautismo do Señor - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
BAUTISMO DO SEÑOR
11 xaneiro 2026
Os máis maiores de nós recibimos o bautismo cando
eramos moi pequenos. Os nosos pais ou s padriños e madriñas leváronnos no colo
á fonte bautismal e as augas do sacramento recibido, sen sermos conscientes do
que alí pasaba, transformáronnos oficialmente en cristiáns e uníronnos ó corpo
místico de Cristo, á súa Igrexa. Isto é, máis ou menos, o que lemos ou temos escoitado
sobre o que entón ocorreu. Trátase dun rito sacramental. Mais o importante é o
que se agacha nese rito. Se, andando o tempo, non asumimos persoalmente o que o
rito significaba, de pouco nos valeu o tal rito. O bautismo debería ser unha
fonda transformación, un mergullarse nas augas purificadoras de Deus, para
deixármonos levar pola súa claridade, o seu frescor, o seu poder vivificador.En
calquera caso, Xesús non foi bautizado de neno. Ou se queredes, si, recibiu un
modo de bautismo sendo neno. Tal bautismo –poderiamos dicir- foi o de nacer
pobre e entre pobres, aínda que moi rico nun grande amor: o que seus pais, Xosé
e María, lle deron. A natureza, os pobres e necesitados, as plantas e animais
convertéronse na súa primeira auga bautismal. Purificadora e vivificadora.
Xesús sentiuse así e para sempre identificado cos pobres e necesitados. O seu
Pai Deus aprendeulle así, dende o máis fondo, que estes eran tamén e de maneira
especial irmáns seus, de Xesús, e irmáns polo tanto tamén nosos.
Este que poderiamos chamar primeiro bautismo de Xesús
recibiría moito máis tarde a súa forma ritual ó el ser bautizado polo Bautista,
palabra que quere dicir o que somerxe, o “mergullador”. Este rito era daquela
practicado por “inmersión” na auga. O humilde Bautista non quería realizar tal
rito con Xesús, pois –tal e como el ben pensaba- sería máis ben o propio Xoán
Bautista quen debería deixarse bautizar por El. De modo que o bautismo do Señor
foi moi distinto do noso infantil bautismo. Se nós eramos entón infantes inconscientes,
Xesús era xa un mozo adulto, que se estaba a abrir paso na vida. No seu caso
foi, pois, un acto moi consciente e persoal. Xesús sentiríase atraído, como
tamén outros dos seus compañeiros ou coñecidos, pola figura, o comportamento e
as palabras do Bautista que chamaba á conversión e a preocuparse por facer o
ben desde o seu propio e persoal testemuño de vida. Moito do atractivo do
Bautista consistía en que aquilo que el predicaba ou proclamaba estábao a levar
á práctica na súa propia vida. Pois el era unha persoa consecuente coa
experiencia que sentía de Deus no seu interior, por limitada que fose esa
experiencia, a de Xoán Bautista, se a comparamos coa de Xesús.
Pola súa parte, Xesús percibía en si mesmo unha moi fonda
e misteriosa experiencia de se sentir querido por Deus, por un Deus que se lle
manifestaba a el como o seu Pai moi querido. El falaba con absoluta confianza
co seu Pai Deus, que o quería a el infinitamente. Mateo dinos que, tras ser
bautizado por Xoán, “se oíu desde o ceo unha voz que dicía: Este é o meu fillo
benquerido, o predilecto”.Non deixa de ser curioso e sorprendente. Xesús
déixase bautizar por Xoán. Mais o que se produce en Xesús tras este bautismo é
algo moi diferente do que ocorría co bautismo de Xoán. Os entendidos dinnos que
Xoán Bautista centraba toda a súa predicación e a súa práctica relixiosa no
pecado, convidando e intimando os
pecadores á conversión, mais -velaquí a diferenza- Xoán non realizaba
xestos de compaixón, de misericordia ou de bondade coa xente. Non se preocupaba
dos enfermos, dos nenos, dos leprosos, dos marxinados ou marxinadas. Habitaba
no deserto. Xesús, en cambio, percorrería toda Galilea, achegándose ós lugares
onde estaba a xente, sandando, consolando, facendo o ben a todos.
Aparentemente, Xesús era un máis dos que se achegaban ó
Bautista pra se deixar interpelar por el. Neste sentido, poderiamos dicir que
Xesús estaba tan unido ó seu Pai Deus coma ó seu pobo, á súa relixión, á súa
cultura, á súa lingua, ós seus costumes. No seu interior ardía, porén,dun xeito
especial un lume divino que el quería que servise para dar luz e calor a todos.
Era o lume interior que procedía de se sentir Fillo “benquerido” de Deus e
irmán de todos.Esta intimidade de Xesús con Deus-Pai e con toda a humanidade
foi a que fixo que o seu achegamento ó Bautista non fose máis ca o comezo da
súa propia misión “evanxelizadora”, é dicir, anunciadora de boas ou alegres
noticias. Aquilo que o papa Francisco concentrou na súa primeira encíclica“A
alegría do Evanxeo”. El cumpre, pois, ó ser bautizado polo Bautista, cun rito
relixioso, mais a través del vaise converter nunha persoa definitivamente libre
para se deixar levar, polo Espírito e polo Pai, onde durante o resto da súa
complicada vida queiran levalo.
En certo modo, no bautismo de Xesús ten o Bautista unha
función secundaria. O protagonista é Deus mesmo, o Pai de Xesús e o seu
Espírito, que se pousa sobre a súa cabezacoma unha pomba. Por iso, Xesús non se
converte -tal como era o seu bautizador- nun ardente
fustrigador do pecado, senón nun anunciador da alegría do evanxeo. Pois nel
habitan felices e contentos o Deus Pai e o Deus Espírito amoroso. Mais é aquí
onde cómpre engadiralgo importante. Tamén os que fomos bautizados de pequenos
fomos bautizados -así se di na fórmula bautismal- “no nome do Pai e do Fillo e
do Espírito Santo”. E alí onde están Pai, Fillo e Espírito alí está o Deus Pai
de todos, converténdonos por medio do seu Espírito en fillos seus e irmáns de
Xesús e de tódolos seres humanos.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/bautismo-do-senor-a-mateu-313-17-3/





Comentarios
Publicar un comentario