Domingo 4 do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Homilía Domingo IV Ordinario
1.II.2026
Como limiar da grande ensinanzado evanxeo de hoxe sobre
as oito benaventuranzas ou, mellor, sobre as “oito felicidades”, as lecturas previas
convídannos xa dalgún xeito a elas: “Buscade o Señor –dinos o profeta Sofonías-
tódolos pobres do país..., buscade a xustiza, buscade a humildade”. O apóstolo Paulo
vai tamén nesta mesma liña cando describe os cristiáns de Corintodeste xeito:
“Entre vós non hai moitos sabios,
poderosos ou nobres... Ó contrario, o que hai de parvo no mundo, iso foi
escoller Deus para desconcertar os poderosos; o plebeo e mailo desprezado, o
que non é, iso foi escoller Deus para anular ó que é”. De feito, Paulo intentoucomunicarllesesta
Boa Nova de Xesús ós “sabios” de Atenas. Mais estes, moi satisfeitos consigo
mesmos e co seu saber e poder, a pouco de empezaren a escoitalo e sobre todo ó
lle oíren falar da resurrección dos mortos, despedírono en ton burlón
dicíndolle, tal e como se nos conta nos “Feitos dos Apóstolos” (17, 32), deste
xeito: “Ben, home, ben. Xa te escoitaremos disto noutra ocasión”. Dalgunha
maneira foron os “sabios” atenienses os que lle aprenderon a Paulo que cantos se
senten cheos de si mesmos non poden ter sitio en si para a boa e “feliz” nova
do Xesús das “oito felicidades”.
Si. Non pensemos que Xesús, este gran misterio de Deus
que se agacha no Xesús de Nazaret, quere ou busca a nosa desgraza, a nosa
infelicidade. Se iso fose así, hai tempo que tería desaparecido calquera rastro
de cristianismo, pois foi Deus mesmo quen nos fixo con infindos desexos de
felicidade. Só alguén así pode infundirnos tales desexos e só el pode tamén
satisfacelos totalmente. O que pasa é que os camiños que nos levan á felicidade,
a unha felicidade fonda e perdurábel, non son precisamente os que á primeira
vista o parecen ou os que certa propaganda ou determinados intereses políticos
ou comerciais nos propoñen.
Os países tecnoloxicamente máis avanzados pensan con
frecuencia que a felicidade das xentes dun país concreto está directamente
relacionada co seu PIB, co seu “Produto Interior Bruto”. Nisto, como tamén
seguramente noutras cousas, estamos nun erro. Hai xa case medio séculoque o rei
de Bután (un pequeno país montañoso entre a India e China) sostiña que o
benestar dun país habería que medilo non polo PIB senón polo FIB, é dicir, pola
“Felicidade Interior Bruta”. Este FIB apoiaríase sobre catro piares: promoción
dun desenvolvemento sostible e igualitario; preservación e promoción dos
valores culturais propios; conservación de medio ambiente e, finalmente,
estabelecemento dun bo goberno no país. Posiblemente este gobernante levaba razón
coa súa afirmación. Pois, como adoitamos dicir, máis vale ser que ter. Ou, como
escribía tamén o filósofo francés Roger Garaudy, “no sur mórrese por falta de
medios, mentres que no norte por falta de fins”. De aquí queen principio non
debería considerarse absurdo ou pura e simple utopía o camiñoproclamado por
Xesús hai vinte séculos.
É verdade que de tantas veces oídas, as oito
“felicidades” ou benaventuranzas do chamado “Sermón do monte” podenesvararnos
nos oídos ou soarnos a música celestial. En calquera caso, Xesús fálanos das
oito “felicidades” como algo que procede tamén da súa propia experiencia como
ser humano entre as xentes do seu tempo. Estas oito felicidades veñen ser así
en realidade un espello que reflicte a persoa e o modo de se comportar o propio
Xesús e de cantos queiran seguilo consecuentemente na súa vida. Xesús é,
efectivamente, “pobre no espírito” (é dicir, pobre de verdade e por propia
querenza e decisión), “chora” (lembrádevosa escena previa á resurrección do seu
amigo Lázaro), é “sufrido”, é “famento e sedento de xustiza”, é
“misericordioso”, é “de corazón limpo”, “traballa pola paz”, é -finalmente-
“perseguido por causa da xustiza”. E foi xustamente esta última “felicidade”, a
de ser “perseguido por mor da xustiza”, o que o levou á morte e, seguidamente,
á felicidade plena da resurrección. “Hoxe estarás comigo no paraíso”, díxolle ó
seu compañeiro de tortura (ó chamado bo
ladrón).
Si. As “oito felicidades” proclamadas por Xesús ante a
multitude que o escoitaba no cumio dun monte, veñen ser como o abrentedun novo
sol que espalla a súa luz sobre o val para facer xurdir un novo día, unha nova
época. Un “Reino dos Ceos” (como nos diMateo) que se fará realidade se somos -coma
o Mestre- pobres no espírito, sufridos, famentos e sedentos de xustiza,
misericordiosos, de corazón limpo, traballadores a prol da paz e perseguidos
por causa da xustiza.Non nos deixemos levar pola incredulidade ou pola
desesperanza á vista da crúa realidade dos acontecementos que ocorren ó noso
arredor ou polo mundo adiante. Pois o noso Mestre chama e declara ditosos e
felicesa cantos proceden así, é dicir, cantos están
atentos e decididos á levaren á práctica as “oito felicidades”.
Manuel Cabada Castro
[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños
aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e
Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos
(2024-2025).Distribución: Editorial Galaxia]
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/4-tempo-ordinario-a-mateu-51-12a/



Comentarios
Publicar un comentario