Domingo 2 do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Domingo II T.O.
18.I.2026
Seguen a resoar no evanxeo de hoxe temas e experiencias
de lecturas de días anterioresdo tempo de Nadal.Así, despois da Segunda
Lectura, dixemos: “Aleluia, aleluia. A Palabra fíxose carne e habitou entre
nós; a cantos a recibiron deulles o poder de seren fillos de Deus. Aleluia”. De novo a gran nova de que, se “recibimos” a
Palabra de Deus “feita carne”, somos por esa recepción, por esa fe na
Encarnación de Deus, nada máis e nada menos que “fillos de Deus”.
Con todo o que iso leva consigo: dignidade “divina” de
cada un de nós e das persoas do mundo enteiro e destino de tódolos seres
humanos a un vivir, alén da nosa morte
individual, en familiaridade eterna con Deus e con toda a humanidade
glorificada. Conforme a esa dignidade derivada de sermos “fillos de Deus” e
pertencentes xa que logo á familia de Deus como inmerecido don del.Xoán
Bautista volve así estar liturxicamente connosco dando testemuño dese Xesús
misterioso que -en compaña de pecadores e xentes sinxelas e abertas á
misericordia e ó perdón-vén ser bautizado por Xoán.
O testemuño de Xoán Bautista verbo de Xesús é importante
para nós e para o noso tempo. Xoán, con ser el grande -“o meirande dos nados de
muller”, dinos sobre el Xesús-, dá testemuño da superior grandeza de Xesúscando
Xoán nos di sobre o fillo de Xosé e de María: “Detrás miña vén un home que pasa
diante miña, pois existía primeiro ca min”.
A grandeza de Xesús é para Xoán moito maior do que se
podería pensar, pois é o propio Xesús quen se presenta no Xordán coma un
pecador máisque se achegaalí para ser bautizado e congraciado con Deus polo
Bautista. Por iso proclamaráeste de maneira solemne: “Eu vino e dou testemuño
de que este é o Fillo de Deus”. Non un
fillo máis de Deus, tal e como podemos ser e somos de feito todos nós en canto
fillos de Deus pola súa graza. Non! Xesús é proclamado por Xoán como “o Fillo”, o Fillo único do Pai Deus,
igual có Pai en eternidade, en poder ou en bondade.
Mais Xoán experimenta, ve e proclama tamén o “home” Xesús
como asociado non só co Pai (en canto “Fillo” del), senón tamén co “Espírito”,
co “Espírito Santo”, esa segunda persoa da Santísima Trindade coa que sería ben
bo que falásemos de xeito familiar e frecuente na nosa oración. Pois o Espírito
Santo -se é que podemos expresarnos así- vén sendo algo así como o corazón
mesmo do Deus trinitario (Pai, Fillo e Espírito).Xoán dá testemuño desta
asociación, desta unión de Xesús non só co Pai, senón tamén co Espírito Santo:
“Eu vin o Espírito -dinos o Bautista- baixar do ceo como unha pomba e pousar
enriba del”.
Hai aquí tamén outra asociación máis e moi importante,
aínda que poida quedar un pouco agachada no relato do evanxeo. Na escena que
aparece directamente ante nós, Pai, Fillo e Espírito amósanse conxuntamente en
unión, en comuñón. Mais cómpre non esquecer que Xesús está en compaña doutros: as
persoas que escoitan Xoán e desexan seren bautizados por el. Xesús aparece alí como
“un de tantos”. Tal como o proclamaba Paulo noutra ocasión, na súa carta ós
Filipenses, cando lles dicía ós seus destinatarios que “Xesús se despoxou do
seu rango e tomou a condición de escravo, pasando por un de tantos”. Resulta,
pois, que a Santísima Trindade en pleno (Deus Pai, Fillo e Espírito) está unida
a toda a humanidade, grazas á humanidade de Xesús.
E podemos aínda engadir algo máis. Resulta tamén que o
Deus único -Pai, Fillo e Espírito- aparece aquí unido, asociado, con toda a
creación, simbolicamente presente nas augas do Xordán nas que se mergulla Xesús
polo bautismo de inmersión.Xoán o Bautistaten aínda unha indicación máis -e
preciosa- sobre quen é Xesús. De si mesmo dicía o Bautista que el bautizaba
“con auga”, mergullando os que se achegaban a el na auga do Xordán. “Eu bautizo
con auga”, dinos Xoán. Mais sobre Xesús diranos el: “El é o que bautiza con
Espírito Santo”.
É dicir, é Xesús quen nos “mergulla” no “Espírito Santo”,
ou sexa, no Deus como bondade, tenrura e forza que o pode todo e que está alén
de calquera rito formal concreto. De modo que estamos así, grazas a Xesús,
verdadeiramente “mergullados” en Deus, que é a nosa casa, a nosa felicidade, o
noso poder. Libres, xa que logo, de calquera medo, anguria ou poder que nos
poidan ameazar.Unha vez máis, teremos que agradecer nas nosas Eucaristías (Eucaristía
significa “acción de grazas”) ó noso Deus a súa grandeza e maila súa bondade:
El está sempre connosco. El fíxose “Emmanuel”, é dicir, “Deus connosco”.
Manuel Cabada Castro
[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade
de Estudos, Publicacións e Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C.
Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia]
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/2-tempo-ordinario-a-xoan-129-34-3/



Comentarios
Publicar un comentario