Sagrada Familia - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
SAGRADA FAMILIA
28.XII.2025
Próximos
estamos a escena familiar do Nadal, cando o Neno Xesús é coma o sol que co seu
resplandor fai desaparecer lúa e estrelas. Refírome a María, Xosé, pastores e o
agarimoso gando que a tradición coloca á súa beira. Todos eles son algo
esencial na primeira mensaxe de Xesús ó mundo coma fillo benquerido do Deus
Pai. Pois a Palabra derradeira de Deus Pai ó mundo non se fixo escoitar dunha
maneira illada, eremítica, desvinculada dos nosos modos de ser e de nacer. Ela
aparece no seo agarimo dunha familia. O Deus cristián -Pai, Fillo e Espírito-ten
desde sempre, de modo misterioso e incomprensíbel para nós, trazos familiares.
Este Deus trinitario é así un determinado xeito -o máis misterioso e fondo que
se pode concibir- de vida familiar. Un marabilloso modo de ser e de vivir en
unidade e diferenza, modelo máximo e supremo de toda vida.Cando Xoán se atreve
a describirnos como é Deus, dinos que é “amor”. Dificilmente poderiamos
achegarnos a entender o que isto quere dicir se El fose en si mesmo un ser
solitario, eremita, algo que en si mesmo non estivese relacionado con ninguén.
Por iso entendemos algo mellor a Deus cando se nos di que Deus é en si mesmo un
Deus en tres persoas, por máis que isto non suprima senón que agrande aínda
máis o misterio de Deus.
Familia
significa así pluralidade na unidade. O
que crea esta unidade e pluralidade é precisamente o amor. Vedes así como a
festa que celebramos hoxe da Sagrada Familia nos leva en principio alén do
misterio concreto do nacemento de Xesús no seo dunha familia. Unha familia que
carece dos medios e recursos que lles sobran ás familias ricas e poderosas,
mais que é abondosa en algo que, se non se ten, de pouco lles serven en último
termo eses outros medios exteriores. Pois se algo ten esta familia formada por
María, Xosé e mailo Nenoé precisamente o amor co que se queren. Nisto non poden
ter envexa a ninguén. Un amor que é o corazón de Deus mesmo. Por iso esta
familia é verdadeiramente “sagrada”: a “Sagrada Familia” que estamos a
celebrar.
Sabemos
que, para podermos amar alguén, hai que ter recibido amor. Por iso os fillos só
poden amar os seus pais se experimentan o seu amor, o seu agarimo. Só así se
constrúe unha familia na que todos os seus membros se atopan a gusto. Xustamente
por iso, para podermos ter inclinación e forzas para amarmos a Deus, precisamos
tamén coñecer e experimentar antes o moito que El nos quere. Deste xeito, por
exemplo, se aprendemos a ver no Xesús de Nadal a proba concreta do amor que
Deus Pai nos ten ó el nos dar o seu Fillo benquerido, entón sentirémonos
fondamente movidos a amar a DeusPai, o seu fillo e irmán noso Xesús,as irmás e
irmáns do mundo enteiro xunto con toda a realidade creada (vexetal ou animal) do
noso mundo ou do universo enteiro.Só así seremos quen de formarmos unha familia
semellante á Sagrada Familia de Nazaret e semellante tamén a esa especial
“familia” orixinal e primeira que, de xeito misterioso, Deus mesmo é.
Desde
estas consideraciónsé relativamente doado comprender o programa que Paulo nos
propón na súa carta de hoxe ós Colosenses: “revestídevos de sentimentos de
misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos
uns ós outros e perdoádevos... Cinguídevos co amor... Maridos, amade as vosas
mulleres... Pais, non asoballedes os vosos fillos”. Todo isto era unha
verdadeira revolución nuns tempos nos que, por exemplo, a muller adoitaba ser
considerada como algo inferior e subordinado ó varón e no que a importancia do
amor ós fillos tardaría aíndaséculos en ser descuberta. Algo que continúa aínda
a ser revolucionario nos tempos actuais,ante a sorpresa e admiración da xente
cando tamén o papa Francisco nos falaba da importancia da “tenrura” e do agarimo,
que el mesmo practicaba un día si e outro tamén con enfermos, pobres ou xente
carente de recursos materiais. El xustificaba este seu comportamento co que nos
dicía na súa Exhortación que leva como título “A alegría do evanxeo”. Velaquí vai
un anaco do que nela podedes ler: “Todo ser humano é obxecto da tenrura infinita do Señor, e El mesmo
habita na súa vida. Xesús Cristo deu o seu precioso sangue na cruz por esa
persoa. Alén de toda aparencia, cada un é inmensamente
sagrado e merece o noso cariño e a nosa entrega. Por iso, se consigo axudar
unha soa persoa a vivir mellor, iso xa xustifica a entrega da miña vida”. El faalabaademais
textualmente nesta súa “Exhortación” de que toda persoa é “inmensamente
sagrada”. Pois ben, se isto é así, non nos deberiamos limitar a considerar
“sagrados” unicamente os membros -Xesús, María, Xosé- da chamada “Sagrada Familia”. Pois para Francisco
“sagrados” somos todos, alén da nosa particular aparencia exterior. De modo que
así como bicamos unha reliquia ou unha imaxe relixiosa, con moita máis razón
deberiamos facelo cun enfermo ou semellante. Así procedíapor exemplo o papa
Francisco en determinadas cerimonias da Semana Santa.
Manuel Cabada Castro
[Manuel Cabada Castro, Boa
nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo,
SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) - As Edicións do Adro).
Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025).Distribución: Editorial Galaxia]
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/sagrada-familia-a-mateu-213-15-19-23-3/



Comentarios
Publicar un comentario