Domingo Advento 2A

+ Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

 DOMINGO II ADVENTO

7.XII.2025

 

            Estamos no segundo chanzo desta escaleira que nos vai achegando, con humildade e abraio, ó berce de Nadal: alí onde está o Neno Xesús no presebe de Belén.Hoxe as lecturas póñennos diante dunhas imaxes, que nos tempos que corren semellan pura utopía.Mais Isaías é profeta e non un novelista. Nas novelas mergullámonos -cando dispoñemos dun pouco de lecer- con ilusión e secreto contento, para así refuxiármonos dalgún xeito da dura realidade que a vida tantas veces nos impón.Mais non. Isaías, movido e acendido pola experiencia do espírito de Deus, fálanos dun futuro que ocorrerá. Dunha aparición neste mundo noso, no vello tronco da historia humana, dun xermolo humano-divino que se constituirá nun novo reino, nunha nova maneira de relacionármonos os humanos entre nós e con Deus. Un“reino de xustiza, de amor e de paz”.

            Lembremos as imaxes coas que nos describe Isaías eses novos tempos. Na súa fermosura, non teñen desperdicio e compréndese así moito mellor o que el nos quere anunciar ca con moitas ideas e conceptos precisos e aquilatados:“O lobo habitará co carneiro e o leopardo deitarse co cabrito; o becerro e o leonciño pacerán xuntos: un meniño pequeno sacaraos ó pasto. A vaca e a osa pacerán xuntas, xuntas deitaranse as súas crías; o león, o mesmo có boi, comerá palla. Un meniño de leite xogará no tobo da cobra, e un neno destetado collerá a víbora coa súa man. Ningún será malvado nin fará o mal en todo o meu monte santo: o país estará cheo de coñecemento do Señor, o mesmo que as augas enchen o mar”.          Ou sexa. O Deus que se nos amosará liturxicamente dentro de tres semanas no Nadalé un Deus que quere implantar e implantará un mundo de convivencia harmoniosa na humanidade e en toda a creación, saída esta das mans e do corazón de Deus. Un mundo, un cosmos inmenso e variado no que non haberá xa agresores ou agredidos, senón pacífica convivencia.

            Mais isto non ocorrerá sen nós, sen a nosa propia acción e o noso compromiso coa paz, co amor, coa convivencia, coa igualdade entre todos. Non só entre os humanos senón en conxunción con todo o inmensamente variado mundo vexetal, animal etc. Todo el saído do poder e da grandeza absolutamente infinitas dun Deus creador de todo.Porque se Deus se nos amosa en Xesús coma un Deus pacífico e familiar, tampouco quererá el impoñerse ditatorialmente a si mesmo no mundo. Se tal cousa ocorrese, deixaría de ser o Deus libre e dador de liberdade e destruiría ó tempo en nós calquera pegada de liberdade para relacionármonos libremente con el, cos demais e con toda a creación.Por iso, nun moi fondo sentido, podemos dicir que nós dependemos de Deus,mais taménque El depende de nós. Por iso é moi sabio e de vastas consecuencias o coñecido dito do santo fundador do xesuítas que soa así: “Fai todo coma se todo dependese de ti e confíalle a Deus o resultado coma se todo dependese del”. Deus e mais nós, nós e mais el. “Entre” as mulleres, os varóns, os nenos e as nenas, os vellos, a mocidadee mais Deus somos quen de cambiar o mundo.

            Entenderemos tamén así por que outro profeta, Xoán Bautista, temporalmente algo máis achegado a nós ca Isaías, incitaba os seus contemporáneos á “conversión” para dese modo estar en condicións de aceptara mensaxe de Xesús, que andaba xa entre eles. O clamor do Bautista dirixíase a todos, a grandes e cativos, a pecadores e a oficialmente “relixiosos”, servíndose das palabras de Isaías: “Preparade os camiños do Señor, endereitade os seus vieiros”.Somos, pois, nós -non Deus- os que temos que cambiar, os que temos que converternos ós seus grandiosos e case incríbeis proxectos sobre nós. Proxectos que só buscan en definitiva a nosa plenitude e felicidade.O Bautista formula a súa proclama desde o exemplo da súa propia vida persoal de renuncia a comodidades e seguridades, a todo aquilo que a meirande parte da xente do seu tempo e tamén do noso busca para si. El é parco no comer, no vestir e nas cousas das que fai uso. Renunciara xa previamente á cómoda e envexábel función de exercer o oficio sacerdotal no templo de Xerusalén, cousa normal se el continuase a tradición familiar sendo como era o único fillo do sacerdote Zacarías. O Bautista ten así suficiente autoridade moral para chamar “raza de víboras” a fariseos ou saduceos, ou sexa, ós representantes sociais e relixiosos mellor situados entre os demais. Porque os seus feitos non se correspondían co seu status social e relixioso. Non eran, xa que logo, tal como eles fachendeaban, verdadeiros e consecuentes “fillos de Abrahán”.Pola súa parte, Xoán, o “Bautista”, é dicir, o “bautizador”, sinálalle Xesús á xente, e a través dos séculos tamén a nós, como o auténtico bautizador, porque -segundo nos indica o mesmo Xoán- Xesús bautizaranos a nós co “Espírito Santo”.

Manuel Cabada Castro

           

 

[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos)-As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia]


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/2-advento-a-mateu-31-12-2/




Fichas Advento A

Comentarios

Publicacións populares