+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
SANTA MARÍA NAI DE DEUS
1 xaneiro 2026
Dunha forma ou doutra todos temos a experiencia do tempo
que pasa e que vai pasando connosco. Se non houbese anos que contar, noite
vella e aninovo, abrentes e solpores, noites e días, resultaríanos menos doado
dármonos conta do paso do tempo.Moitos filósofos, pensadores ou científicos intentaron
e intentan saber en que consiste realmente o tempo. Mais nós estamos tan
identificados con el que nos resulta difícil velo fóra ou diante nosa para
podérmolo contemplar en si mesmo. Dicimos que Deus vive na súa propia
eternidade e que nós vivimos no tempo. O caso é que este Deus que chamamos
intemporal se fixo, no seu Fillo Xesús do Nadal, temporal, ou sexa, metido no
tempo. De maneira que, irmáns como somos de Xesús e participantes así da súa
divindade (como nos di a propia liturxia), temos todos algo de temporais e algo
de eternos. Somos persoas humanas e, xa que logo, limitadas, mais entendemos tamén
dalgún xeito iso de sermos eternos e, ademais, querémolo ser. A quen non lle
gustaría vivir cen, mil, un millón de anos, vivindo ademais, como se adoita
dicir, cunha boa “calidade de vida”?
Con isto o que quero dicir é que, ó rematarmos un ano e
darmos comezo ó novo, deberiamos darlle grazas a Deus por nos permitir
debruzarnos ó balcón asollado deste novo ano, podéndomos así ollar con
esperanza cara ó futuro. E tamén pedirlle perdón porque hai moita contaminación
no mundo para podermos chegar limpos de po e palla ata a fin do ano. Se dicimos
que o xusto peca sete veces, cantas veces non teremos pecado nós, que tampouco
podemos fachendear de xustos, pois isto mesmo sería un pecado máis a engadir ós
que xa temos...Á altura deste comezo do Aninovo é moi posíbel que a todos nos
conveña medrar máis no senso da nosa común fraternidade, derivada de sermos e
sentírmonos fillos dun mesmo Pai, do noso común Pai Deus. Polo menos cara a
isto semella apuntar a Segunda Lectura de hoxe, tomada da carta do apóstolo
Paulo ós Gálatas. Dinos nela Paulo que Deus Pai nos mandou o seu Fillo, nado
dunha muller, para deste xeito podérmonos converter en fillos “adoptivos” de
Deus; e que por iso todos podemos
invocar a Deus chamándoo “¡meu Pai!”; e que de aquí provén tamén o feito de que
sexamos de verdade “herdeiros” das grandezas e riquezas de Deus Pai. “Por seres
fillo –dinos Paulo- es tamén, grazas a Deus, herdeiro”.
Esta carta de Paulo é unha grandiosa e persistente loa da
“liberdade”. Por moito que algúns poidan pensar que os cristiáns estamos
sometidos a un Deus ameazador, a verdade é que temos dereito e razóns para
considerármonos libres. Libres no noso comportamento e na nosa relación con
Deus e con todos. Paulo dío de maneira clara nesta súa carta: “Ti xa non es
escravo, senón fillo”.Por iso o primeiro de ano é tamén o “Día Mundial da Paz”.
E está claro que non pode haber “paz” onde hai asoballamento ou escravitude. Un
cristián non debería endexamais aturar ser “escravo” de ningún Deus nin de
ningunha persoa humana, sexa esta quen sexa. Deus fíxonos en Xesús libres. Mais
esta liberdade non é unha calquera. Trátase dunha liberdade de quen libremente
se fai “escravo” dos demais en servizo e amor a eles. Exerceuna así o noso
irmán Xesús durante toda a súa vida e de maneira simbólica lavándolles os pés
ós seus discípulos na derradeira cea. É a liberdade de tantas persoas (oficialmente
cristiáns ou non) que intentan crear liberdade alí onde están, facéndose
libremente escravos dos demais.
No mundo pertencemos todos a unha mesma familia en canto
fillos dun mesmo Pai Deus. Se o noso irmán maior Xesús non quixo nacer nunha
casa normal, senón nunha corte, e morrer nunha cruz no canto dun leito de rosas
foi sen dúbida para que ningún desgraciado deste mundo despois del puidese
dicir que Xesús non é seu irmán.Deus quixo facerse tamén en Xesús fillo dunha
nai humana. Por iso celebramos hoxe tamén a festividade de Santa María “Nai de
Deus”. Parece imposíbel que se poida falar con verdade e case sen contradición
dunha “Nai de Deus”. Mais para Deus, unha vez máis, “non hai imposíbeis”.
Parécenos imposíbel que Deus se faga un ser humano coma nós en Xesús, e, a
pesar de todo, ese é xustamente o “misterio” central da fe que profesamos.
Renovando, pois, coa graza de Deus a nosa fe nel,
comecemos este Aninovo coa alegría do Espírito de Deus e a beizón do Pai e do
Fillo. E, de tal xeito, que a Santísima Trindade de Deus presida tódolos días
deste novo ano 2026, que dende hai só poucas horas nos acompaña. En fin, moitas
felicidades tamén a cantas e cantos celebrades hoxe o voso onomástico: Xesús ou
Xesusa, Manuela ou Manuel, Salvador, María etc! Que o Deus Señor do tempo e da
eternidade nos bendiga a todos!
[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños
aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e
Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución:
Editorial Galaxia]
VER TAMÉN:
https://remoldapalabra.blogspot.com/2025/12/maria-nai-deus-2026.html



Comentarios
Publicar un comentario