Domingo Advento 4A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
DOMINGO IV ADVENTO
21
decembro 2025
Un filósofo alemán apelidado Krause, do que procede o
krausismo español, ideou un sistema filosófico chamado “pan-en-teísmo”, que non
é o mesmo que “panteísmo”. Este último, o panteísmo, defendería que todo é
Deus. Mais o “pan-en-teísmo” de Krause sostén que todo está en Deus (non que todo sexa Deus).En
realidade, dicir que todo está en Deus no debería soarnos como algo novo ou simple
sutileza de filósofos. Trátase, máis ben, dunha idea moi antiga e, desde logo,
moi cristiá. Aparece con frecuencia en santo Agostiño e noutrospensadores
cristiáns, tanto antigos como modernos. Podemos pensar no que lles ocorre ós peixes
e a outros animais, que, sen se daren conta, viven na auga que lles fai posible
vivir e moverse, mais non son parte da auga. Algo semellante lles pasa a pombas
ou gaivotas, que sen ser o aire, están no aire e poden vivir e voar porque o
aire as envolve e as dota de posibilidades. Peixes ou aves non son mar nin aire,
mais están no mar e no aire e participan así dalgún xeito do modo de ser do
aire ou do mar.
Nos Feitos dos Apóstolos formula xa Paulo algo semellante
cando falaba sobre o modo como nos relacionamos con Deus. Dinos el: “Deus non
está lonxe de cada un de nós, porque nel vivimos, nos movemos e estamos”. Isto que vos comento ten algo que ver
coa primeira Lectura (do profeta Isaías), que resulta ben apropiada para este
tempo de preparación para o Nadal de Xesús: “Velaí que a virxe está en cinta e
dá a luz un fillo, ó que lle pon de nome ‘Emmanuel’ (que significa ´Deus
connosco’)”. Deus, polo tanto, está sempre connosco. O tempo de Advento é tempo
de avivar a conciencia deste estar sempre “Deus connosco”, deste achegamento
tan grande de Deus a nós, tal como celebramos no Nadal ó El se nos mostrar na
presenza engaiolante dun neno. Por iso, este Neno non é só un ser humano máis,
senón o lugar do encontro máis íntimo que se pode imaxinar entre Deus e a creación
enteira, pois esta é base e fundamento de todos e cada un de nós. Na aparición
entre nós de Xesús concéntranse, pois, divindade e humanidade dunha maneira
inconcibíbel e marabillosa. Paulo exprésao ben hoxe na súa carta ós Romanos así:
Xesús Cristo“naceu como home da semente de David, pero foi constituído fillo de
Deus con pleno poder polo Espírito (Santo) santificador”.
É dicir, Xesús é un ser humano coma nós, mais vive dunha
maneira especial no “Espírito” de Deus, no “aire” de Deus. Esta palabra
“espírito” ten que ver co “aire” que respiramos e que nos dá vida. Para Paulo
ese “espírito” é o Espírito santo,“santificador”, divinizador.De modo que en
Xesús radica toda a nosa salvación. O nome mesmo “Xesús” significa, como ben sabedes,
“Salvador” ou, máis exactamente, “Yahvé salva”, “Deus salva”. Por que pode
salvarnos Xesús e de feito nos quere salvar e nos vai salvar? Pois porque ten,
como Fillo único e benquerido de Deus, todo o poder do Pai e todo o seu amor e
porque, ademais, é un máis de nós, igual en todo a nós, absolutamente
solidarizado connosco. El é absolutamente próximo a nós e ten poder infinito
para nos liberar de todo mal, incluída a liberación da morte ó nos conceder
resurrección para sempre. En resumo, Xesús salva porque é “Emmanuel”, é dicir,
porque é -dito en galego- “Deus connosco”. É o que se nos di no “Limiar” do
evanxeo de Xoán, cando se nos fala alí de Xesús como a “palabra” que Deus Pai
dirixe ó mundo. É palabra divina, pois trátase dunha palabra, tal como se nos
di alí, que “vén de Deus” e que, ademais, marabilla das marabillas!, é “Deus”
mesmo, o Deus humanizado. Dísenos alí: “A palabra fíxose carne e plantou entre
nós a súa tenda”.Unha vez máis podemos admirar así a grandeza de Deus. Deus sae
en certo modo do interior de si mesmo, da profundidade da súa divindade para se
facer un máis entre nós sen deixar de ser o que desde sempre é.
Pois ben, liturxicamente, no medio e medio desta próxima
semana, Deus Pai farase presente entre nós no seu Fillo Xesús. Presenza agarimosa.
Coma neno “in-fante”, é dicir, “non-falante”, pois iso significa “infante”. Ben
sabemos que as nenas e os nenos, coa súa presenza confiada, amorosa e risoña,
suscitan en nós amor por si mesmos, sen necesidade de palabras. En realidade,
eles falan xa, mais cunha linguaxe que os entendidos chaman “non verbal”.Tamén
sabemosos adultos que os xestos, os comportamentos, as olladas que se dirixen
ou non a alguén, os silencios ou calquera outra actitude coa que nos
relacionamos ou non cos demais, poden falar máis altoca o que expresamos coas
palabras verbais. Por iso a vivencia de Xesús nacendo coma un marxinado, nunha
familia con poucos medios, no seo acolledor da natureza, fálanos moito máis
convincentemente sobretemas fundamentais do evanxeo ca o máis elevado discurso
construído con fermosas palabras. Por iso deixo eu xa de falar.
Manuel Cabada Castro
[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia]
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/4-advento-a-mateu-118-24-3/



Comentarios
Publicar un comentario