Domingo Advento 3A

     Oracional Galego en Spotify 

+ Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

DOMINGO III ADVENTO

14.XII.2025

            O tempo de Advento tenunha certa ambigüidade en canto que por un lado podemos dicir que principalmente se refire á espera do nacemento do Señor, mais por outra banda faise nel alusión tamén á derradeira vinda do Señor á fin dos tempos, cando o Cristo glorioso restaure definitivamente todo.Por iso, é dicir, por esta que chamo “ambigüidade”, a actitude de espera e de esperanza na vinda de Xesús en Nadal vén sendo tamén unha especie de aprendizaxe da actitude que deberiamos ter todo o ano e toda a nosa vida, ata o definitivo encontro co Señor.Temos que ter, pois, actitudes de esperanza, de alegría e de paciencia durante toda a nosa vida. É unha especie de cóctel de actitudes aparentemente difíciles de harmonizar, mais que constitúen de feito a sustancia da nosa vida. Así o proclamahoxe o profeta Isaías: “Ponde firmes os xeonllos que tremen”. “Collede ánimo, non temades”. “Velaí chega o voso Deus, El mesmo,  e salvaravos”. “Os rescatados do Señor ... conseguirán ledicia e felicidade, pois o sufrimento e o pranto fuxirán”.

            Segundo a mensaxe de Xesús, a vida enteira é coma un día no que pode haber de todo: chuvia, nubes brancas ou escuras, sol que nos amosa claramente a súa face, quenturas e friaxes. Algo semellante se nos di tamén na carta de Santiago da segunda Lectura. Estamos todos envoltos nun proceso semellante ó que se ten que someter toda semente que queira frutificar e sobrevivir alén de si mesma, mais manténdose ela mesma dunha forma nova, superior, como planta vizosa e produtora de novas sementes. Tal é o misterio da vida, que leva consigo procesos difíciles e complicados como o noso enfermar ou finar, por máis que o proceso real non remate aí. Un proceso que require paciencia, esforzo, confianza, esperanza. Dínolo Santiago na súa carta deste fermoso xeito: “Tede paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como o labrego, coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra, agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará”.

            O tempo de Advento convídanos, pois, a sermos “sementes”. Mais sementes conscientes do que nos pasa en canto sementes que somos, conscientes dos cambios e procesos que ocorren en nós e que nos han levar misteriosamente a unha vida máis plena, máis verdadeira. Un gran de millo ou de trigo non sabe o que lle pasa cando se converte en semente, cando cae na terra, na escuridade, na humidade, nas chuvias, neves ou fríos da invernía que lle veñen enriba. Un gran de trigo ou de millo non pode saber nin crer, non pode sufrir, nin esperar. Nós, en cambio, podemos saber e sentir todo iso. Esa é a nosa diferenza e a nosa grandeza. Ese é o misterioque nos asemella a Xesús na súa vida, nos seus padecementos, na súa morte e na súa resurrección. Un tal Xesús é o que nos pon hoxe diante dos ollos o evanxeo de Mateo, cando se nos di que Xoán Bautista é loado por Xesús en canto “preparador” da súa Boa Nova. Mais só, e nada máis, en canto “preparador” ou iniciador do novo camiño de Xesús. Sabemos ben que o Bautista se centrou no labor de achanzar o terreo para os seu oíntes poderen escoitar con proveito a mensaxe de Xesús. A linguaxe do Bautista era así unha linguaxe de penitencia, de conversión, de temor ó xuízo de Deus. Un Deus concibido aínda, xa que logo, sobre todo como castigador ou vingador.

            Polo contrario, Xesús amosarasecomo “alegre anunciador” da Boa Nova. Como aquel que se presenta a si mesmo como “liberador” do mal, da limitación e como destrutor da morte. Por isos a súa resposta ós discípulos do Bautista é esta: contádelle a Xoán que “os mortos resucitan”. Teñen tamén que contarlle -segundo lles encarga Xesús- que este toma partido polos pobres, necesitados e marxinados da sociedade. Contádelle -dilles el- que “ós pobres se lles está a anunciar a Boa Nova”. É dicir, Xesús preséntase a si mesmo ante os discípulos de Xoán -para que llo comuniquen a el- coma aquel que -diferenciándose de Xoán- vén amosarnos un Deus que en Xesúsestá aí non para condenar, senón para salvar, para amar e dar a súa vida por todos, para proclamar e construír esperanza, para sufrir cos que sofren e aledarse cos que se aledan.       

            Comprenderedes ben así por que o recordado papa Francisco nos falaba tanto da “alegría”, da alegría  que todo cristián ha ter. Ese foi o título que lle puxo á súa encíclica: “Evangelii Gaudium”, é dicir, a alegría do Evanxeo. A encíclica comeza así: “A alegría do Evanxeo enche o corazón e a vida enteira dos que se atopan con Xesús. Os que se deixan salvar por El son liberados do pecado, da tristeza, do baleiro interior, do illamento. Con Xesús Cristo sempre nace e renace a alegría. Nesta Exhortación quero dirixirme ós fieis cristiáns para convidalos a unha nova etapa evanxelizadora marcada por esa alegría”.Dinos el así que se trata dunha “nova” etapa de evanxelización, aínda que estea de feito en perfecta continuidade coa presentación de si mesmo que Xesús lles fai ós discípulos de Xoán Bautista para que lle leven a este a resposta de Xesús. Esta é xustamente a razón pola que Xesús -aínda que el faga unha gran loanza do Bautista ó dicir del que é “moito máis ca un profeta” e que “ningún nado de muller fora meirande ca el”- engada seguidamente que “o máis pequeno no reino dos ceos é meirande ca el”. É dicir, meirande có Bautista.

Manuel Cabada Castro

           

[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia]

 

 

 VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/3-advento-a-mateu-112-11-3/




 

 

 

 

 

 

 

Comentarios

Publicacións populares