INMACULADA CONCEPCIÓN 2025

CONSAGRACIÓN A MARÍA

Virxe María, ao teu Inmaculado Corazón
confiamos hoxe as nosas vidas.

Protéxenos coma fillos teus.
Condúcenos da túa man.             
Ensínanos a vivir na verdade,           
que é Xesucristo.                           
Fortalece a nosa vontade
para que nunca
queiramos vivir separados de Ti.

Sosténnos nos nosos compromisos 
como cristiáns bautizados                 
e fai que tamén en nós          
coma en Ti
se cumpra sempre  
a vontade de Deus.

Inmaculado Corazón de María 
sé Ti a nosa salvación.

Enlace Orixinal Ivoox



 

 






LECTIO:

INMACULADA CONCEPCIÓN

8.XII.2025

       En relación coa festividade da Inmaculada Concepción podemos dicir que María foi a primeira crente, a primeira cristiá. Con anterioridade incluso ós mesmos Apóstolos, en canto que creu na palabra de Deus dirixida a ela e aceptou con humildade o convite de Deus para ela ser nai de Xesús, o noso irmán maior. Por iso chamámola Nai de Deus, nai da Igrexa e nai da esperanza.Por esta fonda, íntima e inimaxinábel relación con Deus tiña que estar María lonxe de calquera forma de pecado dende o primeiro intre da súa existencia. De aquí provén a súa grandeza. Ela é a “chea de graza”, tal como a invocamos na oración “Deus te salve, María, chea de graza...”. Porque se estar en “graza”, ter a “graza de Deus” significa estar a ben con Deus, non pode haber persoa humana no mundo coa que Deus poida estar máis a gusto ca con quen é a Nai de Xesús.Agora ben, para ser María a “chea de graza” tivo que lle deixar -para dicilo dalgunha maneira- moito espazo a Deus para el poder habitar plenamente nela. Ela faise así pequena de todo. Ata se converter na “escraviña” de Deus. Integramente dedicada ó seu servizo: “Velaquí a escrava do Señor”.

       María era totalmente consciente de que para Deus realizar nela as súas marabillas, as súas grandezas, non podía haber outro camiño có de ela non ser obstáculo algún á obra de Deus. É dicir, recoñecerse pequena ante a grandeza do poder e da bondade de Deus. Foi así como María se converteu en verdadeiramente “grande”. Recoñecerao no seu fermoso himno do “Magníficat”, cando vai visitar a súa curmá: “Proclama a miña alma a grandeza do Señor, alédase o meu espírito en Deus o meu Salvador, porque ollou a humillación da súa escrava... O poderoso fixo obras grandes por medio de min”. En tal sentido cómpre ter en conta un detalle filolóxico que non carece de importancia. Refírome a que propiamente non deberiamos dicir sen máis de María que está “chea” de graza, senón que foi “enchida” (por Deus) de graza. Así o quere dar a entender o propio Lucas cando escribe en grego “kejaritoméne”, que é unha forma verbal pasiva. Como se dixésemos: “Alédate, María, Deus encheute de graza”.  Deste modo vén expresar Lucas que é sempre Deus quen toma a iniciativa, quen “enche”. Por iso María di a verdade cando manifesta que foi Deus -non ela- quen fixo que nela xurdisen grandes marabillas.

       Mais non deberiamos quedarnos nesta obrigada loa de María Inmaculada pola grandeza que recibiu de Deus. Tampouco nos deberiamos limitar a lle agradecer a Deus as grandezas que realiza no mundo ó se facer fillo en Xesús dunha muller, María,  que non por iso deixa de continuar a ser unha criatura humana como calquera de nós.Porque a grandeza realizada por Deus en María é unha case incríbel mensaxe. Pois todas e todos estamos dalgún xeito representados nela en canto “chea de graza”. A diferenza está en que o que en María é “plenitude de graza”, en nós, en toda a humanidade, éproxecto que Deus está aínda a realizar. Toda a humanidade temos o mesmo destino: deixármonos encher pola sobreabundante graza de Deus, un destino no que María vai diante nosa. Para así formarmos xunto con ela unha mesma e única comunidade de amor a Deus Pai e de mutuo amor entre todos.

       Tal vén ser o destino do que nos fala o apóstolo Paulo na carta ós Efesios, candodi: “Deus Pai bendiciunos con toda bendición espiritual, en Cristo”. Deus “escolleunos para sermos santos e sen mancha [é dicir, “in-maculados”]”. Estamos “predestinados polo Pai a sermos fillos adoptivos seus”. Fomos “prelixidos... para sermos imaxe da súa gloria”.Agora ben, que significado concreto ten todo isto para nós alén de recoñecermos e agradecermos o grandioso destino que Deus nos ten preparado?Coido que a grandiosidade desta festa da Inmaculada está en que nos pon de manifesto que cando alguén se entrega en corpo e alma a Deus, pode Deus facer nel e con el verdadeiras marabillas. Pode convertelo, como ocorre en María, en vivo e sorprendente instrumento de salvación para moitos.

       María foi así a que nos trouxo Xesús ó mundo. E Xesússignifica Salvador. Foi ela a que, coa súa plenitude de graza, puido ter no seu colo o desexado de tódalas nacións, o Deus feito home. Foi ela a que no seu fillo Xesús nos deu a posibilidade dunha fraternidade universal con todos. E non imaxinemos María como unha muller fóra do normal, recluída no interior de si mesma coma se o peso da súa gran dignidade a paralizase. Ela entendeuse sempre a si mesma como a “escraviña” de Deus, como muller sinxela, pobre, dilixente e traballadora, fiel coma ninguén a Deus e ós demais, espallando entre todos o amor que ela recibira abondosamente de Deus. Como podería ser doutra forma a nai de Xesús, daquel que naceu e viviu toda a súa vida entre pobres e sinxelos e identificándose ademais con eles?


Manuel Cabada Castro


[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia]




Comentarios

Publicacións populares