DOMINGO XXXIII DO TPO. ORDINARIO C
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Domingo XXXIII Ordinario
16-XI-2025
A
lectura da carta de san Paulo é unha loa do “traballo”, da actividade persoal e
comunitaria que crea realidades prácticas, útiles ou belas, que serven para o
ben de todos. É ao tempounha chamada para non dedicármonos a simples discursos
ou divagacións sobre o futuro, un tempo que está lonxe do presente e que non
está nas nosas mans, descoidando a nosa obriga de realizar na nosa vida a parte
de traballo que nos toca facersegundo as forzas e as posibilidades de cadaquén.
Do contrario estariamos a dedicarnos a un labor abstracto e fantástico a custa
de descoidarmos as tarefas que deberiamos realizar.
Mais
o traballo persoal é para Paulo unha actividade que está en relación directa co
ben dos demais, coa xustiza. Pois o que non traballa vive en realidade, aínda
que non o pense, a custa dos demais. Paulo dío sen contemplacións con
expresións como estas: “O que non queira
traballar, que tampouco coma”. Ou esta outra: é preciso “traballar con acougo para comer o propio pan”.
Deste
xeito estamos a completar en nós e no mundo a obra que Deus comezou e que El
quere que nós continuemos. O Deus “creador” fíxonos en canto creados á imaxe e
semellanza del. É dicir, en certo modo como “creadores”. De xeito que somos
“creados” e ao tempo tamén “creadores”.
As cousas e as persoas que Deus fixo foron, xa que logo, feitas de tal xeito
que precisan completarse a si mesmas co traballo, a dedicación e o agarimo de
todas e todos. Por iso non nacemos totalmente feitos, como adultos, senón
cativos e necesitados da axuda e do agarimo dos demais; nin podemos, sendo xa
maiores, quedármonos man sobre man sen nos ocuparmos de traballar para os
demais e para nós. Todos precisamos sempre, no noso vivir e finar, dos demais.
Porén,
nos tempos que corren, en tempos ben aireados e comentados de crise económica,
de globalización etc., o problema semella que non é tanto, tal como semella dar
a entender a carta de Paulo, que a xente “non queira traballar”, senón que
homes e mulleres non atopen traballo aínda que o busquen e teñan incluso que
buscalo lonxe da súa terra, da súa lingua ou cultura ou da propia familia.
Pensemos, por exemplo, en tantos emigrantes.Os que chegan onda nós e os nosos
que se converteron ou precisan converterse en emigrantes. E emigrantes foron e
son moitas e moitos, tamén e especialmente da nosa terra, que tiveron ou teñen
que deixar familia, lingua e cultura propias para acceder a unha vida digna. Ben
sabemos como portos importantes da nosa Galiza se converteron en tempos pasados
en testemuñas de dolorosas despedidas.
Pese
ao dito, semella que a Paulo non lle falta razón no que di porque hoxe en día moita
da crise actual parece ter en boa parte a súa orixe en xentes ou estamentos poderososque
utilizaron ou utilizan as riquezas que co seu traballo adquiriron outros co fin
de acadar para si mesmos excesivos ou arriscados beneficios. E se iso é así,
segue a ser actual, tamén para eles, a sentencia de Paulo: “O que non queira traballar, que tampouco
coma”.
En
calquera caso, se nos consideramos fillos dun mesmo Pai, tal e como confesamos ao
dicir “Noso Pai que estás no ceo”, teremos que axudarnos uns a outros
consumindo menos e vivindo con sobriedadepara podermos ter así todos unha vida
digna. E teremos tamén que ocuparnos -individual, social e politicamente-, por
que a xustiza e a igualdade reine no mundo enteiro, empezando polo próximo e
pequeno mundo onde vivimos, aquí e agora. Unha xustiza que non debería
limitarse ás persoassenón estenderse tamén á natureza e á creación enteira,
obra do Deus creador de canto existe.
A
loanza que fai Paulo do “traballo” xunto coa necesidade de “orar” sempre, da
que tantas veces se nos fala no evanxeo, están ben sintetizadas naquel antigo
lema dos monxes bieitos: “Ora etlabora” (“reza e traballa”). Loitemos, pois,
porque tódalas persoas poidan acceder a un traballo digno e preguemos ao mesmo
tempo para que o Deus e Pai noso nos conceda aquilo que lle pedimos no “Noso
Pai que estás no ceo”: “Dános hoxe o noso pan de cada día”.
E
finalmente, como por outra parte celebramos neste domingo a “Xornada Mundial
dos Pobres”, que o aínda recente papa
Francisco botara a andar hai algúns anos e sabemos ben que moitos son pobres
xustamente por non dispoñeren de posibilidades de traballo, teñámolos hoxe
especialmente presentes na nosa oración e no noso interese por eles, lembrando
aquilo que nalgún momento dixera tamén o mesmo papa Francisco: “Como me gustaría
unha Igrexa pobre e para os pobres!”.
Manuel Cabada Castro
[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos)-As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia].



Comentarios
Publicar un comentario