Domingo Advento 1A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
DOMINGO I DE ADVENTO
30.XI.2025
Damos comezocon esteprimeiro
domingo de Advento ó novo ano litúrxico, coa vista posta xa na festa do Nadal do
próximo mes de decembro que está case a comezar.“Advento” significa vinda,
chegada. Irémonos, pois, preparando, neste e nos próximos domingos, para a
lembranza comunitaria e festiva da vinda, da chegada do Deus que se fixo un de
nós no seu Fillo. Un acontecemento que marca misteriosamente a historia humana
toda -pasada, presente e futura- e con ela a creación enteira, coñecida ou
descoñecida, na que estamos de feito inmersos.Estamos así convidados,
impulsados a “esperar”. A esperar sempre. Unha esperanza que ten os seus
alicerces nunha fe robusta. A fe nun Deus Pai todopoderoso -tal como confesamos
no Credo- que se nos manifestou en Xesús para a nosa liberación e felicidade. Esta
esperanza, renovada na manifestación humana de Deus no Nadal, é en realidade
unha esperanza que está fundamentada no feito mesmo de que Deus está xa desde
sempre connosco.
O Deus do Advento non é só un Deus futuro, un Deus que virá.
É conxuntamente un Deus que veu, que vén e que virá. Un Deus que é pasado,
presente e futuro.Pasado, porque desque,dunha forma ou outra,existe mundo e realidades
alí está xa Deus pensándonos, construíndonos, agarimándonos. Nel estamos, pois,
todos desde sempre, tal e como nolo refire o apóstolo Paulo: “Nel, é dicir, en
Deus, vivimos, nos movemos e existimos”. El é desde sempre o facedor e
sustentador de todo. Del procede e nel está desde sempre a humanidade toda, ben
sexa como proxecto ou como realidade viva e actuante.
Máis concretamente, o acontecemento do Deus que se encarnou
en Xesús de Nazaret, colocando así -tal e como se nos di no evanxeo de Xoán- “a
súa tenda entre nós”, tivo lugar no interior da nosa propia historia humana.
Fíxose así Deus no seu Fillo humano un de nós, un coma nós. Dende entón e para
sempre veu Deusonda nós e emparentou -por dicilo así- con todos e cada un dos
seres humanos, aínda que de maneira moi especial cos humildes, necesitados e
marxinados.De xeito que neste sentido a Deus non o deberiamos esperar coma se
el non tivese estado xa desde sempre onda nós. Mais este Deus que veu onda nós,
segue a vir e está vindo onda nós acotío, en cada intre concreto das nosas vidas.
Está así presente na nosa interioridade, na nosa conciencia, mais tamén no noso
exterior, nas persoas coas que un día e
outro nos atopamos, ben sexa de maneira esperada ou imprevista. Dicíanos Xesús:
“Estarei convosco ata a fin do mundo”. Ou tamén: “Onde dous ou tres están
reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles”. De modo que el, agora mesmo
e aquí, está connosco.
Por iso cando a Igrexa nos convida noAdvento a esperarmos,
faino sabendo que é Deus mesmo -o que desde sempre está connosco-quen nos dá
forzas e grazapara podermos así ter azos para esperalo. Esperar a súa constante
e repetida chegada, porque a Deus nunca seremos capaces de recibilo en toda a
súa grandeza sobrehumana e absolutamente infinita.Deus non é, pois, algo así
coma unha lección que se aprende un bo día no cole ou nunha igrexae sobre a que
non precisariamos xa volver. O Deus infinito, absolutamente infinito, é e será
sempre algo que nin nesta vida nin na vindeira chegaremos a comprender
plenamente. Para iso teriamos que ser nós mesmos absolutamente infinitos, é
dicir, coma Deus. E isto é imposíbel.Por iso, para nós, Deus está sempre a
chegar. A nosa mente, o noso corazón deberían estar en todo intre cheos de
esperanza. Unha esperanza que é ela mesma un inmenso e prezado galano, un
inconcibíbel agasallo que Deus nos dá para podermos estar así en disposición de
recibilo.
Neste tempo de Advento deberiamos repetir, así pois, a
invocación que comunitariamente proclamamos na liturxia: “Anunciamos a túa
morte, proclamamos a túa resurrección. Ven,
Señor Xesús!”. Un desexo e petición de que Xesús veña a todos e cada un de
nós, a toda a humanidade e de maneira especial ós máis necesitados da súa axuda
e do seu consolo é o lema que debería presidir todo este tempo de Advento que
hoxe comezamos.Un desexo de que o Deus que se fai un de nós no Nadal se
converta en pensamento ardente e vida práctica concreta en nós. Porque a súa
vinda onda nós no Nadal, participando así en todo da nosa humanidade, é un
acontecemento que, por sabido e aceptado que sexa, non deixará endexamais de
nos sorprender por pouco que nel pensemos. Por iso toda preparación vén sendo
cativa, todo “advento” ficará curto en relación cun acontecemento tan
inimaxinábel e incríbel.
A segunda lectura da carta de Paulo ós Romanos e mailo
evanxeo de Mateo convídannos así a sermos responsábeis nas nosas particulares
angueiras, a “estarmos á espreita”, a “espertarmos do sono” e a mantermos viva
a conciencia. Unha responsabilidadeque tampouco debería ser angustiosa, senón
confiada, porque quen vén, aquel que esperamos, é en definitiva o Deus que se
nos fixo intimamente familiar e querido.Por iso a mellor maneira de
practicarmos o espírito de “esperanza”, específico do Advento, é xustamente
levarmos á práctica o que a vinda de Xesús nos anunciará: o exercicio
consciente dunha irmandade real entre todos, en canto irmáns que somos dese
Xesús que no Nadal se fai para sempre irmán noso.
Manuel
Cabada Castro
[Manuel Cabada Castro, Boa nova
para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT
(Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos)-As Edicións do Adro). Ciclos
A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución:
Editorial Galaxia]
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/1-advento-a-mateu-2437-44-3/



Comentarios
Publicar un comentario