DOMINGO XXIII DO TPO. ORDINARIO C

   Oracional Galego en Spotify 

+ Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

Domingo XXIII T. O.

7 setembro 2025

            A nosa vida é case sempre todo menos algo perfectamente normal ou previsto. Pois toda vida é, pretendámolo ou non, unha aventuradesde que nacemos ata que deixamos de respirar os “airiños, airiños, aires” que un bo día nos deron vida e saúde, abandonando aqueles cos que temos convivido.

            O texto do evanxeo semella que nos chama xustamente a non apuntármonos sen máis a levar unha vida tranquila, cómoda e sosegada, allea a calquera problema que se nos poida presentar.Como cristiáns sabemos e cremos que un Xesús unido para sempre á cruz quedou constituído en lugar de bendición e salvación para todos. A cruz é por iso non só un adorno que podemos levar no peito, senón un modo de ser e de comportármonos que non fuxe do sufrimento cando o seguimento de Xesús nolo esixe. No texto do evanxeo de Lucas dísenos con toda claridade: “O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo meu”.

            Agora ben, sermostales discípulos significa levar adiante, con el, os seus plans de realización no mundo da igualdade e fraternidade entre todos en canto fillos dun mesmo Pai Deus. Un cristián ha ser consciente de que esa fraternidade e igualdade non é ben querida ou tolerada en xeral por persoas e estamentos que gozan dunha alta posición económica e social. Oporanse así por iso a que tal cousa ocorra. Pois de tal xeito seguramente terían eles que renunciar ás comodidades que o seu status lles proporciona.

            Deberiamos porén ter en conta, en calquera caso, algo importante. Nin Deus Pai nin o seu fillo Xesús queren a cruz para nós. Deus chamounos e chámanos continuamente, desde o máis íntimo de nós mesmos, á felicidade. E ao desexo de felicidade non somos quen de renunciar e polo tanto nin sequera deberiamos pretendelo. Mais debemos ó tempo ser conscientes de que a felicidade non se acada a soas -cada un para si mesmo- senón sempre cos demais, de maneira solidaria con cantos dependan dun. É así xustamente como se pode facer presente a cruz nas nosas vidas. Unha cruz que en definitiva non é contraria á felicidade, senón condición mesma para acadala. Cruz porque a fraternidade real leva consigo renuncias concretas, atención amorosa ás necesidades dos outros -non só das miñas-, sufrimento polo rexeitamento que moitas veces teremos que aturar dos que non pensan máis ca en si mesmos e ós que non lles importan ren os outros. Un rexeitamento que pode incluso xurdir, tal como explicitamente nos lembra Lucas, do noso entorno máis próximo, ben sexa social ou familiar.

            Para sermos deste xeito verdadeiros discípulos de Xesús, nin sequera a propia vida debería contar, por intenso que sexa o noso desexo de non perdela. Máis dunha vez oímos ou lemos de persoas que arriscan perder a súa vida (e incluso a perden) coa esperanza de acadar algo de felicidade para si mesmas, para as súas familias ou incluso para persoas que nin sequera coñecen. Persoas que se tiran ó mar para salvar alguén en perigo de afogar, emigrantes que nunha feble embarcación intentan chegar a Europa para desde aquí poder atopar traballo e ou remitir algo dos seus cativos aforrosós seus familiares necesitados. Segundo Lucas, son estas cruces das que non se pode fuxir se alguén quere acadar salvación e felicidade tanto para si como para os demais.

            Unha actitude deste tipo supón determinadas renuncias. Por iso fálasenos hoxe tamén no evanxeo do necesaria que é a “renuncia” para podermosser discípulos de Xesús. Pola contra, bombardéasenos continuamente desde moitas instancias coas cousas que, segundo se nos insiste, presuntamente necesitamos. E ímonos así enchendo de enredos, instrumentos e outras cousas que moitas veces non valen máis ca para presumir ante os demais de que temos o último aparello que hai no mercado.

            Mais sabemos por outro lado que, para podermos camiñar e correr con lixeireza, canto menos peso levemos sobre os ombreiros tanto mellor nos irá. Sen nada viñemos a este mundo e sen connosco levarmos nada sairemos del. O estraño é que nese curto interregno, que constitúe o tempo da nosa vida, nos queiramos cargar con tanta bagaxe.

            En calquera caso, para levarmos con garbo ou alomenos con paciencia as cruces da nosa vida, canto menos peso superfluo levemos connosco tanto máis doado nos resultará seguirmos aquel nazareno que foi sempre diante nosa, desprovisto de todo, portando a súa cruz. Dándonos así, como din os vellos catecismos, “exemplo de vida”. Porque iso si, comportándonos así, a vida -por ser don de Deus- témola garantida, ben sexa neste mundo ou no descoñecido alén que misteriosamente se nos abrirá tralo pasamento. Pois El non lles fallaráaos que o seguen, aos que portan a súa propia cruz. Unha cruz que de ningún xeito permitirá o Pai Deus que nos esmague. Pois foi tamén o seu propio Fillo humanizado quen nos dixo: “o meu xugo é lixeiro e a miña carga pequena”.

 

Manuel Cabada Castro

 

Antífonas Salmos C




Comentarios

Publicacións populares